De celebracións e conmemoracións
Celebramos unha data literaria ou conmemoramos unha data histórica?
Nun país normalizado unha festa, das de carácter nacional, sería tamén iso, un día de festa, un día para estar cos amigos, familia, pasalo ben, descansar ou pasear. Así é o San Patricio en Irlanda, por exemplo, pero tamén é un día para mostrar con orgullo ser irlandés ou irlandesa.
Mais nun país coma o noso, no que cada día se atacan os piares que sustentan a súa especificidade e identidade como pobo, ese día ten que ser algo máis que un día de asueto. Así é o San Patricio alí onde non é fácil mostrar libremente o orgullo da identidade irlandesa, onde esta entra en conflito con outras cunha tradición colonialista.
Na véspera de San Patricio Dublín estaba chea de bandeiras tricolores e xente alegre, chegaban de todos os lados a celebrar un día de festa. O taxista que nos levou até un hotel no norte da cidade (o centro estaba ateigado) e nos falou dun pub local onde se comía ben, dixo que non ía ao desfile porque ese día había un concurso canino e ía participar. En Belfast ese día os nacionalistas non van a ningún concurso, ese día teñen que mostrar o seu irishness. Nalgún lado teño lido que os republicanos só podían conmemorar derrotas e mortes, mentres os lealistas victorias.
O taxista de Dublín tamén era irlandés, pero podía mostralo doutro xeito, non tiña necesidade de facelo tan descaradamente.
Como en calquera outra cultura, nós tamén temos as nosas festas para mostrar o orgullo de ser galego ou galega, a nosa galeguidade (aínda que a carga semántica desta palabra estea agora algo diluída). Son festas que conforman o noso propio calendario, que responden a uns intereses culturais e sociais propios.
O calendario é unha construción histórica e propia dunha determinada cultura, dun determinado xeito de entender o tempo e de se relacionar co medio no que habitamos, tamén de mostrar a diversidade interna. Neste sentido poderíase dicir que o tempo é un espazo para a confrontación social, mesmo para a confrontación política, porque nel conflúen obxectivos distintos. A construción do calendario sería un xeito de mostrar e explicar esa diferenza. Así, un dos días máis importante no noso calendario hoxe é o dia das letras, o 17 de maio. Non é este un día calquera, non é un aniversario máis para celebrar, é unha data para conmemorar. Neste día conmemoramos a publicación do primeiro libro monolingüe da nosa contemporaneidade, conmemoramos a primeira obra literaria que aposta decididamente polo nosa lingua como vehículo normal para a creación e a comunicación. Polo tanto, conmemoramos un feito histórico clave na nosa traxectoria colectiva, non só un feito importante para a nosa lingua, e tamén somos o que falamos. Grazas a esta obra podemos falar de literatura nacional e de autores galegos. Non penso que sexa moi acertado dicir que celebrar Cantares Gallegos quita presenza ao autor ao que se lle dedica o día das letras.
Conmemorar é recordar publicamente un feito do noso pasado, ou unha data simbólica, para afirmar un presente e un futuro en común. Ten que haber, pois, un acordo sobre ese feito histórico para poder construír a comunidade do presente; ten que haber unha apropiación colectiva dese pasado para, dicilo doutro xeito, “memorar con”. E ese “con” sería cos outros cos que convivimos e coincidimos nun comportamento colectivo que ten unhas regras socias aceptadas, neste caso tamén unha tradición cultural común e que queremos seguir compartindo en común no futuro. Parafraseando ao sociólogo Durkheim poderiamos dicir que nestas conmemoracións experimentamos en común un sentimento e que este sentimento encontra expresión neses actos comúns.
O 12 de outubro eu non teño nada que conmemorar, porque detrás desa data hai toda unha carga simbólica que non comparto; tan só podo celebrar que ese día non é lectivo e podo programar unha actividade cotiá distinta ao resto da semana; pode ser un día simplemente para desconectar do cotiá, algo que non fago o 17 de maio ou o 25 de xullo, aínda que neste día por razóns maiores non poida estar nas rúas de Compostela. Son días mesmo para a emoción, para a emoción compartida, pois a emoción non é simplemente algo individual, senón que tamén ten que ver con comportamentos culturais e sociais compartidos e herdados e que dan sentido a vida.
Os actos do 17 de maio poden ser entendidos como ritos de lexitimación social, pois neles reivindicamos o control do noso patrimonio cultural máis importante, cal é a lingua e sobre a que se configura e asenta o sentimento de identidade, identidade que mostramos especialmente ese día; mentres que as festas que se fan ex profeso nesa data e aproveitando que é un día non lectivo, son actos de deslexitimación ou desconcienciación, pois ignoran, ou queren que ignoremos, todo o proceso histórico que modelou unha cultura e semella non saber como encher ese data, vamos, que se aburren.
Nunha sociedade normal, onde a carga simbólica inherente a ese celebración está asumida, ese día pode ser entendido como un día especial de festa e, como inconscientemente se ten claro a afirmación do que celebramos, non fai falta exteriorizala ostensiblemente, e, así, poder encher ese día con outras celebracións, como o taxista de Dublín, que non deixaba de ser irlandés. Entón, podería ser que en Cee celebrasen o día do pincho de tortilla, que nunha localidade do sur do país celebrasen o día do ovo estrelado con chourizo e pan de millo ou que noutro lugar celebren a festa do non sei que ou outra sobre a tortilla. Celebracións que non reviven o pasado e viven só o presente, mesmo negando o pasado ou querendo borralo. Non hai nestas festas xustificacións de comportamentos colectivos que miren ao futuro. O 17 de maio é unha obrigada celebración, a festa do pincho de tortilla (só lle faltaba engadir o adxectivo) é unha celebración que non marca o tempo, non é unha festa de todos, non comparte memoria porque non marcan un tempo profundo, un tempo que nos vincula a unha tradición e desde a que facer fronte ao incerto futuro.
Que pretenden visualizar estas celebracións? Pretenden ser unha alternativa a algo concreto ou simplemente seguir alimentando unha rede clientelar? Non negamos a función lúdica destas festas, pero son festas fóra de tempo e non axudan a afirmar esa memoria social que precisamos para seguir adiante.
Aproveitar unha festa nacional para celebrar o día do pincho de tortilla é un insulto á historia e á cidadanía, máis aínda se esa festa é promovida e organizada por unha institución como un concello, pois a nivel individual cada quen pode celebrala como queira, mesmo podemos dicir que é un intento de quitarnos o dereito á emoción compartida.
O 17 de maio, día das Letras Galegas, é un día para conmemorar, pois conmemorar é facer memoria. Nunha situación normal celebraríamos ese día e sería especialmente un día de festa. Mais nós non estamos nun país normalizado e precisamos dicir colectivamente quen somos, reafirmármonos como galegos e defender os sinais que nos identifican.
Unha celebración é, até certo punto, unha glorificación ou unha mostra de alegría por algo que non ten porque conlevar unha memoria colectiva.