Culturgal


O 26, 27 e 28 de novembro celebrouse en Pontevedra, no Pazo da cultura, o Culturgal: Feira das industrial culturais deste país.

O Culturgal foi un proxecto que naceu da asociación de editores galegos como plataforma de exposición e debate da industria editorial. O anterior equipo da consellería de cultura recolleu a idea e a ampliou para todos os sectores culturais deste país; o Culturgal pretendía ser unha plataforma de exposición, intercambio de proxectos e relacións comerciais para as empresas galegas que se adicaran á edición, á actividades de bibliotecas e arquivos, artes gráficas, reprodución de soportes gravados, fabricación de aparellos de recepción, gravación e reprodución de son e imaxe, fabricación de instrumentos musicais, actividades cinematográficas e de vídeo, actividades de radio e televisión, de axencia de noticias, de creación de difusión de espectáculos, de contidos pedagóxicos, de creación artística...

Paralelamente con este proxecto, a anterior Consellaría de Cultura, botou a andar Galician Tunes: espacio representativo das industrias galegas fora do noso pais. Comezábase a desenrolar unha dobre liña de traballo: presentar a cultura galega ao resto do mundo introducíndoa nas redes de mercado e xerar un espacio de presentación e debate sobre os sectores culturais dentro do País. Con este obxectivo nace o Culturgal no ano 2008 con máis de 37.000 visitantes.

Outra das accións levadas a cabo pola nosa Consellaría de Cultura foi a consecución do programa Creativa, o programa creativa da UE financiado cos fondos Feder e impulsado pola axencia Galega das industrias culturais da consellería de cultura e Turismo e a Dirección rexional de cultura do norte do ministerio de cultura portugués tiña como finalidade a dinamización e o intercambio entre as industrias culturais de eurorrexión, idea que preside o desenvolvemento do programa europeo POCTEP no que creativa se integra.

O creativa non estaba pensado para macro-eventos, máis ben o contrario, fomentar e apoiar a creación de proxectos culturais, dinamizar turística e culturalmente as zonas do norte de Portugal e o sur de Galiza e apoiar economicamente aos distintos sectores culturais.

Longa noite de pedra...

O actual goberno entendeu que o proxecto do Culturgal non era de interese para este país, e así o fixo saber negando calquera apoio económico. Mais a actual concelleira de cultura de A Coruña, María Xosé Bravo, convocou aos distintos sectores da cultura en Galiza e pediu colaboración para seguir mantendo este proxecto aínda sen o apoio de Xunta. Así se fixo, no 2009 na Coruña có nome de Achegarte, conseguimos entre todos visibilizarnos dentro e fora do pais. Ao concelleiro de cultura Roberto Varela non lle quedou outro que prometer axudas económicas para a continuidade do proxecto.

E de onde pensades que saíron as axudas para o 2010? De Creativa. Utilizouse o orzamento do que dispoñía o plan para esta feira, desvirtuando deste xeito a natureza dos dous proxectos. Por unha banda deixando o Plan sen fondos para desenvolver os contidos para os cales estaba concibido e enviando ao Culturgal a Pontevedra para xustificar xeograficamente a axuda (aproveitando deste xeito para "castigar" a nosa concelleira e desacreditando a nosa liña de traballo). Consecuencias: os obxectivos principais de Creativa e do Culturgal quedaron totalmente diluídos. Investiuse todos os fondos nun evento para o cal non estaba destinada a axuda e o propio evento careceu de contido debido a falta de iniciativa e de interese do propio goberno: a visibilización para a cidadanía foi practicamente nula (non houbo público galego) as empresas e países convidados brillaron pola súa ausencia, os propios programadores galegos decidiron, polo que se veu, quedar ao quente na casa e alí ficamos nos: editoriais vendendo e facendo a competencia aos seus clientes, as librerías, as empresas de audiovisual, musicais e de xestión cultural ensinándonos os proxectos uns a outros. Artistas expoñendo os seus traballos aos artistas que lles "tocou" estar. En definitiva, 60 empresas participando, invertendo forzas e diñeiro, para que?

A cultura, entendida esta como sector de actividade ligado á creación artística, ten acadado nestes anos a dimensión sociolóxica necesaria para ser considerada como un factor central no desenvolvemento dos territorio. En efecto dende o 2004 e até o 2008, o número de empresas en Galiza incrementouse nun 21%. A cultura mobiliza en Galiza arredor dun 2% do PIB. Tratase dun sector de actividade económica moi relevante e en ascenso nos últimos anos (emprego, empresas) e cunha interesante expectativa de proxección futura. O gasto cultural por persoa incrementouse sen interrupción dende 2003. Outro síntoma a valorar é a espectacular medranza do turismo cultural en Galiza que xa supera a media española.

Un dos principais indicadores para medir o dinamismo e a sustentabilidade cultural dunha sociedade é o estado do seu ensino: o número de matrículas viuse incrementado nos últimos anos tanto no ensino regrado como non regrado de música, danza e teatro. As ensinanzas artísticas non regradas en Galiza, especialmente a música, teñen unha presencia moito mais acusada que no resto de España. E xa para rematar a terceira en inscrición de libros no ISBN en España é Galiza e a primeira das periféricas por diante do catalán e o euskera.

Ben, se queremos camiñar pois cara ao desenvolvemento cultural en Galicia, os principais axentes do sector coas administracións públicas deberan definir e impulsar liñas de apoio a creatividade dende unhas prioridades acordadas entre todos os axentes e fundamentadas en criterios técnicos solventes con indicadores de avaliación de resultados. O culturgal era un espacio pensado para debater, desenrolar e atopar plans estratéxicos da cultura galega. Era, é unha parodia con tinturas dramáticas.

Enamais...

Grazas a Xavier Campos