Como en Irlanda


A todos nos é saboroso a chamada a sernos fieis ao reclamo da nación, como sabemos de Irlanda. Mais poucos galegos teñen á man a historia da loita irlandesa, país agora máis coñecido polo "rescate".

Xavier R. Madriñán, 1950, é doutor en Ciencias Políticas, é catedrático e ten na súa conta una longa traxectoria de escritor. "A Nacionalización do pasado irlandés, 1845-1937" (Santiago, 2010) é un tratado histórico e político da loita irlandesa pola independencia e da liña sinuosa que se deu nese longo período.

A primeira versión desta obra foi presentada como tese de doutoramento na USC, en decembro de 2005: obtivo a cualificación máxima. A versión actual, de 783 páxinas, consta de cinco partes: I. - Modernización, nacionalismo e representación do pasado. II.- A nacionalización da historia. III.- A formación do modelo nacionalista da historia de Irlanda. IV.- A fixación do relato histórico nacionalista. V.- A historia oficial da nación irlandesa e conclusións. Cada capítulo recibe un tratamento científico, con referencias a fontes e á bibliografía.

Na páxina 17 recórdanos a relación e afinidade entre Galicia e Irlanda, que "complementaría a súa formulación sistemática durante a segunda e a terceira década do século XX, xusto no período de concreción doutrinal e articulación organizativa do nacionalismo galego na procura dunha proxección social máis efectiva tanto no terreo cultural coma no político, despois da creación das Irmandades da Fala en 1916".

Esta afirmación pode suscitar no lectora busca do desenvolvemento desas relación; mais o autor deixa o tema para unha nova elaboración.

Nesta obra temos a visión de Irlanda, do seu andar histórico, das peripecias a prol da independencia nos séculos XIX e XX. Porque "o presente traballo estuda o relato nacionalista do pasado a partir do exame dos factores ideolóxicos, políticos e historiográficos que determinaron nas súas distintas variantes, diferenciando entre a versión literaria e a posterior académica, para dar conta das continuidades e rupturas que as relacionan. A diferenciación entre elas vén dada pola renovación que nos anos finais do XIX experimentou a narración do pasado como consecuencia do "xiro culturalista" do nacionalismo irlandés, que funda desde entón -e non antes- a nacionalidade na singularidade cultural gaélica, do nacemento da política de masas no país, articulada a través dun partido nacionalista que pronto se volveu hexemónico, e da penetración dos métodos da historiografía académica".

Se ben a demorada análise que o autor fai das historias de Irlanda v.g da de Eoin Mac Neil, en contraste coa escasa atención aos líderes políticos pide algunha estimación, é a ruptura entre a etapa da concepción liberal da nación como corpo de cidadáns asociados entre si nun espazo territorial e a étnico culturalista que predominou desde 1870. Todo parecía converxer nunha sociedade irlandesa forxada ao longo dos séculos e identificada co pasado para decidir un futuro único, se nos atemos aos proxectos diferentes mais converxentes do século XVIII a ta final do XIX.

A realidade das clases sociais unida á cultural diferenciada levou ao iter histórico irlandés a unha división insuperábel. Dun lado a cultura gaélica, a relixión católica, a preponderancia do campesiñado, as consecuencias da fame do 1845-1849 que ocasionou a morte e a emigración da metade dos habitantes; do outro a aceptación da cultura inglesa, a hexemonía do protestantismo e a percepción industrial como futuro decisivo; en suma, ao ritmo dos anos, do antagonismo irlandés-inglés, e da mentalidade de exclusións, abriuse un abismo que seguen a torturaren a terra de Eire.

Paga a pena a lectura desta obra ben editada, longamente elaborada e con suxestións punzantes na liña do desenvolvemento da liberación de Irlanda..