Castelao, a república e nós (II)

Castelao, a república e nós (II)

A "ousadía" de a Galiza persistir en reclamar o dereito ao autogoberno, tal como fixeran Cataluña e Euskadi, provocaba o receo das autoridades da República e mesmo o cuestionamento da lealdade republicana. Por iso Castelao insiste en afirmar que o nacionalismo galego foi sempre de signo republicano. E de facto foino, quer implícita, quer explicitamente. Á partida porque non había ningunha razón ou condición para ser monárquico, embora non todos os nacionalistas fixesen, na acción política diaria, causa da forma do Estado.

Aínda, porque nos documentos fundacionais do nacionalismo se apunta para esa vía, mesmo antes da confesionalidade republicana que se profesará desde finais da década de 1920. Así, o manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo afirma: "Crendo na accidentalidade das formas de goberno, interésanos aclarar que non apelamos por ningunha, mais simpatizaremos desde logo con aquela que se mostre máis doada para chegar á federación con Portugal". Castelao sublíñao para salientar a importancia que desde sempre dera o nacionalismo á cuestión da reintegración con Portugal, destacando que a pesar da identificación do proxecto republicano con posicións progresistas e anticlericais, mesmo os galeguistas mais conservadores ("o noso sector dereitista") asumiran ese principio coa condición de favoreceren o entendemento con un Portugal que na altura xa era República.

E face ao permanente cuestionamento por parte de republicanos españois da lealdade republicana do noso pobo, Castelao salienta o sacrificio que estaba a pagar a Galiza pola defensa da República, tanto no interior, como nos campos de batalla da península, e censura duramente a actitude dos dirixentes republicanos: "Aínda despois de se comprobar a lealdade dos galegos, non se quería recoñecer. Pesáballes que désemos tantas probas de firmeza republicana, tantos heroes e tantos mártires. Pesáballes mais cando vían que os galegos leais loitaban tamén pola liberdade da Galiza (...) Nin durante a guerra foron capaces de nos comprender e nos estimar"

Vese igualmente impelido a combater a idea de ter sido a escasa convicción republicana da poboación a que facilitara a caída da Galiza nas mans dos sublevados. Polo contrario, considera que foi a actitude dos gobernantes da República o que provocou esa situación. En primeiro lugar por manteren a estrutura unitaria do Estado: " A República conservouse nos vellos moldes da monarquía, e a organización unitaria da República orixinou, por súa vez, a organización unitaria do alzamento". En segundo lugar pola demora do Estatuto e, por tanto, pola inexistencia dun poder autónomo que organizase a resistencia. E en terceiro lugar pola indecisión do goberno presidido por Casares Quiroga, que traslada aos Gobernadores Civís a recusa en entregar armas á poboación.

Aínda así, a Galiza ofreceu resistencia aos militares sublevados, resistencia nin por iso recoñecida polos republicanos españois : "A ninguén se lle dirá que os galegos loitaron contra os militares e que foron vencidos por falla de armas, e que os seus sentimentos republicanos e autonomistas foron consagrados por un segundo plebiscito: o plebiscito tráxico dos mártires". Castelao afirma con contundencia que con autogoberno, o noso País non tería caído nas mans dos sublevados e axiría como un baluarte para salvar a República: "Se nós tivésemos gobernado na Galiza procuraríamos salvala sen autorización de Madrid, e teño a certeza de que non teríamos sido vencidos polos militares acuartelados. E aínda digo mais, a Galiza tería determinado, coa súa liberdade, a salvación definitiva da República"

Para Castelao o centralismo non é un mal que afecta apenas á dereita, mais tamén ás forzas progresistas e da esquerda española que dirixiron a República en momentos cruciais. Afirma que existe unha continuidade das posicións unitaristas entre a monarquía, a República e o franquismo, polo que conclúe que só cando os galegos nos fagamos respectar, cando formos capaces de vivir con independencia, seremos por fin respectados: "Eu dígovos que os galegos só imporemos respecto cando se nos considere capaces de tronzar os vínculos que nos xonguen a Hespaña e cando nós mesmos aprendamos a vivir con absoluta independencia dos hespañois"

A análise que fai Castelao do comportamento dos gobernos da República para coa Galiza non fica reducida ao pasado. En troca, pretende tirar conclusións úteis para o futuro do país. Castelao observa que os dirixentes republicanos no exilio teiman nas posicións centralistas e que os seus obxectivos políticos se limitan á restauración da República de 31. Castelao, que avalía que foi a falta de solución ao problema nacional -e non precisamente os "excesos nacionalistas"- o que levou á perdición da República, rexeita radicalmente esa posibilidade. "Cando estaban en pé as institucións da nosa República era doado crer que, pouco a pouco, se irían corrixindo os erros en que caera ao constituírse, mais agora que a vemos morta non queremos que resucite (...) Para nós non hai mais que unha república viábel, a que se basee no libre consentimento das nacionalidades que integran Hespaña. Nós damos por ben mortas a primeira e a segunda República, e agardamos pola terceira. Esta terceira República será federal se é que quer ser definitiva".

Mesmo así, é consciente da armadilla das promesas vacuas e alerta do risco de se deixar enredar nas palabras: " A "República Federal" que agora nos andan a ofrecer algúns inconsolábeis rexedores do réxime perdido consistiría na restauración dos Estatutos autonómicos". E esa é unha hipótese que o líder nacionalista marca como definitivamente inaceptábel: "O sistema de estatutos autonómicos é inadecuado e até ofensivo para os cataláns, galegos e bascos. Galiza, como Cataluña e Euskadi, é unha nación e, por conseguinte, ten dereito a federarse con outros pobos iguais a ela; e non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -inclusive para vivir con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico e antiliberal".

Para resolver a articulación plurinacional do Estado propón unha fórmula federal. Mais é evidente, polo desenvolvemento que fai da mesma, que a concepción do federalismo de Castelao está ben lonxe daquel que, mesmo hoxe en día, defende a esquerda española que se reclama federalista. Para empezar porque Castelao entende que a solución federal debe partir do exercicio de autodeterminación das nacións que integran o Estado e da plena soberanía de Galiza, á que debe recoñecérselle o dereito á independencia e, por tanto, "a separarse da federación cando lle conviñer".