Castelao, a República e nós (I)

Castelao, a República e nós (I)

Monarquía ou República? Do punto de vista democrático, non hai dúbidas. Ou será posíbel considerar compatíbel coa democracia unha xefatura do estado non electa, vitalicia, estabelecida "pola graza de Deus" (e no caso español tamén pola de Franco) e, aliás, hereditaria? Tamén é evidente que a monarquía hoxe non pasa dun simple anacronismo histórico, un residuo político do pasado. Mais é verdade que un réxime republicano, sendo condición necesaria, non é de por si suficiente para garantir democracia, dereitos, xustiza social, ou no noso caso, autodeterminación. Exemplos temos de repúblicas presidencialistas, unitaristas, autoritarias, teocráticas e mesmo ditatoriais. É necesario por tanto precisarmos de que república estamos a falar. Cal a república que nós queremos?

O 14 de Abril é sempre ocasión en que se exalta a República de 1931. Na verdade, ese período histórico abriu grandes esperanzas de autogoberno para a Galiza. Aliás, o impulso que coñeceu nos últimos anos a recuperación da memoria histórica fixo renacer tamén o interese polo período republicano e o que representou. E sen dúbida é bo coñecérmolo e sabermos valoralo, coas súas luces e as súas sombras, precisamente para evitarmos as mitificacións simplistas. Unha cuestión é recuperarmos a memoria republicana, mesmo salientando os múltiplos valores positivos que tivo no contexto da época, e outra ben distinta considerar que aquela República de 31 pode ser o referente de futuro na Galiza de hoxe.

Porque tamén na recuperación da memoria histórica hai unha perspectiva españolista, de glorificación acrítica da II República, e unha nacionalista, que parte de recuperarmos o inapreciábel labor de todos aqueles galegos e galegas que loitaron, sufriron e morreron pola República porque, como ben dixo Castelao, "loitaban tamén pola liberdade da Galiza". Por iso, convén analizarmos como avaliou o nacionalismo galego ese período da nosa historia e como o considerou do punto de vista do noso futuro como nación. E nada mellor que facelo pola man dun actor principal dos acontecementos, Castelao, e á luz do seu Sempre en Galiza.

A proclamación da República no Estado español abriu grandes expectativas para a Galiza. Expectativas de liberdade, democracia, xustiza social e, sobre todo, autogoberno. Expectativas que, infelizmente, logo se verían frustradas. Á partida pola obstinación unitarista dos dirixentes españois da República e a rápida deserción da posición federalista dalgún republicano galego como Casares Quiroga, que pronto fanaron o soño da República Federal.

Os compromisos previos de implantar un sistema federal duraron até a constitución do goberno provisorio da República e, igualmente, os compromisos da ORGA/FRG cun efectivo autogoberno o que demora en sentar Casares Quiroga como ministro no mesmo. As proclamas fundacionais da ORGA ("Para nós foi e é razón de existencia: a instauración en España da República Federal") e da FRG ("E a República terá de ser federal...") logo foron papel mollado.

Do mesmo xeito, os proxectos iniciais de Estatuto, tanto o elaborado polo Seminario de Estudos Galegos en maio de 31 (Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española) como o da Asemblea da Coruña promovida pola ORGA en xuño (Galiza é un Estado autónomo dentro da República Federal Española") pronto ficaron na gabeta para dar paso ao aprobado pola Asemblea de Concellos de 1932 (Galiza, rexión autónoma da República Española). Polo medio decorrera un ano, o desinterese crecente e mesmo obstrucionismo dos casaristas e, sobre todo, a aprobación da nova Constitución que, no lugar da república federal prometida, estabelecía unha "República integral, compatíbel coa autonomía de municipios e rexións".

Castelao é plenamente consciente da renuncia que supón apoiar ese texto estatutario, mais considérao necesario como único medio para iniciar o proceso de autogoberno, un proceso que corría o serio risco de ficar adiado sine die. Faino desde a constatación da falta de capacidade dos nacionalistas para conseguiren levar adiante en solitario unha formulación diferente. Mais tamén pola imposibilidade de esa proposta ser aprobada sen o respaldo do PG, dadas as extraordinarias exixencias do goberno da República (o voto favorábel dun mínimo de 2/3 do censo electoral) e o escaso entusiasmo das outras forzas na defensa da autonomía. Mais non oculta a decepción que isto supón para o nacionalismo: "Os galeguistas puxémonos a defender un cativo estatuto autonómico, que nin sequera mediaba as atribucións que concede a Constitución da República".

A falta de visión e xenerosidade dos dirixentes República face á cuestión nacional, o regateo permanente dos dereitos de autogoberno, exaspera os nacionalistas. Castelao exprésao moi graficamente: "A cegueira dos hespañois é mal que non ten cura, porque é cegueira voluntaria. Cerran os ollos para non veren". Unha cegueira que se manifesta nos reiterados intentos de obstaculizar a aprobación do cativo Estatuto da Galiza, particularmente grave polo agravio que supuña en relación a Cataluña e aínda a Euskadi. Cataluña proclamara a República Catalá o 14 de Abril como un acto de soberanía revolucionario, o que lle vale ser recoñecida a súa autonomía por decreto do goberno provisorio da República para darlle carta de natureza legal ao que os cataláns xa conquistaran. Castelao lamenta que Euskadi e Galiza non tivesen axido do mesmo modo. No caso da Galiza os atrancos reiterados levaron a que o estatuto non puidese ser sometido a consulta até o triunfo da Frente Popular en 1936, e plebiscitado apenas 20 días antes da sublevación militar.

A hostilidade da dirixencia republicana cara á reivindicación de autogoberno de Galiza, mestura de incomprensión e desprezo, prolongouse durante a guerra e manifestouse particularmente na inxustificábel demora da tramitación parlamentar do Estatuto de Galiza, na que xa non vían interese ao consideraren a Galiza como un país faccioso. Castelao insúrxese contra esta actitude e defende ardidamente a convicción republicana non apenas a dos nacionalistas, mais do conxunto do pobo galego: "Somos republicanos porque somos galeguistas, e ben temos demostrado o noso republicanismo"