Carballa Dasna, Asnela, Asnelas, Monte dos Asnos: Será o simpático e útil cuadrúpede o responsável de tais chamadeiros?

Carballa Dasna, Asnela, Asnelas, Monte dos Asnos: Será o simpático e útil cuadrúpede o responsável de tais chamadeiros?

Imos comezar por unha parte da parroquia de MOAÑA que loce o nome de CARBALLA DASNA. Nunha primeira aproximación para explicar este nome estaríamos diante dunha carballa que se fixo famosa por ter, atada a ela, unha burriña. Preguntámonos se sería esta ASNA tan importante, se viviría tanto tempo, e estaría decontado vencellada á carballa, para ter un poder designador tan forte?

Cando o magnífico toponimista lusitano Prof. Almeida, discute un topónimo da súa terra, semellante ao noso, que é A CARBALLA DA PROVA, razoa, que nada ten que a ver ese nome con asentamentos humanos dos tempos do medievo tais como as nosas POBOAS, POBRAS ou PROBAS (da POPULATIO latina). Entende que estamos diante dunha árbore que funcionaba como marco ou testeiro, e daí … DA PROVA! pois confirmaba os límites dalgún territorio.

Daí xurdiunos a idea de se o caso de Moaña, il non se tratará dunha ÁSIGNA, ou sexa unha carballa usada como SIGNA ou marco? Así se expresa no Código Visigótico: "signa sive arcas propter fines fundorum antiquus constructas". Desa ÁSIGNA, sairía a nosa ASNA, que nada tería a ver co doméstico cuadrúpede. Así, “CARBALLA DA ÁSIGNA” sería pois, o nome primitivo do lugar.

Chegados aquí, non resistimos a tentazón de seguir tirando do fío da meada e ollar a onde chegamos. A pesares do que digan os documentos medievais non podemos crer que os lugares chamados de ASNELA deban o seu nome a unha efémera “burriña”, (aínda por riba pequena!), que nalgún tempo existira no lugar. Seica non será mais acaído entender que tal nome se debe a unha pedra ASIGNELA, ou marco divisorio que contarían coa duración suficiente no tempo para poder xerar un tal topónimo?.

O mesmo diríamos dos ASNEIROS de Piñor de Cea e de Rois, que optamos por derivar mellor de antigos marcos ASIGNARIOS que de circunstanciais cuadrúpedes pacendo no monte. Os marcos chamados de ÁSIGNAS ou ASNAS reúnen boas condicións para xerar topónimos, pois son:

a) Fixos no espazo e no tempo
b) Son importantes e valorados socialmente
c) Reúnen a aceptación de toda a comunidade.

No país veciño temos a vila hoxe chamada de NELAS que nos seus documentos antigos e escrita como ASNELAS. Entenderían aquí que en AS-NELAS o AS- inicial era o artigo determinado en plural, ou simplemente adoptaron o nome moderno para “dignificar” o nome da cidade?

Tamén en Portugal, o lugar chamado hoxe ANAIS era nos antigos pergameos descrito como ASNAIS; como explicar tal evoluzón se non é polo mesmo proceso de “ennobrecemento” do apelativo da vila.

O MONTE DOS ASNOS deberá a súa nomeada aos burros ou, il non será máis ben un MONTE DOS POSTES, como aínda escoitamos nun coñecido bairro compostelán? Como as documentacións medievais non nos autorizan a tirar semellantes conclusións, imos facer aquí un exercicio de imaxinación, un divertimento, alixeirando os “pés de chumbo” da investigación académica e ollar a onde chegamos, velaí:

1) Os nomes dos lugares chamados SINOGA e mesmo SINAGOGA, e dado que os hebreos non eran nada proclives a vivir no campo, senón mais ben nos burgos das cidades, entendemos que nada deben ter a ver cos lugares de reunión de tais crentes, e todo a ver con un marco ou SIGNA famosa, nesta posível evoluzón: SIGNOCA > SINOGA.

2) O lugar monfortino de CINSA, mais que asocialo ás borralleiras habería que entendelo como procedendo dunha antiga PETRA SIGNITIA > SINIÇA > SINÇA > CINSA.

3) Por tanto o lugar limiao de ENTRECINSA, debería o seu nome aos marcos ou SIGNAS que o delimitaban mais que á deliciosa lenda de ter sido rodeada de borralla polos veciños para se defender dunha “marabúntica” invasión de formigas.

4) Seica o nome dos mosteiro de CINS ou CIIS, non se explicaría por uns antigos marcos ou SIGNIS > SINIS > CINIS >CINS?

5) Da concordancia entre ASNAL e ARNAL, non sería desatinado pensar que o famoso LAGARTO ARNAL debería o seu apelativo ao feito de ser ASIGNAL, ou sexa marcado polas súas rechamantes cores, cousa que destacarían tamén as chorimas do TOXO e da XESTA ARNAL.

6) Tantas cavilacións sobre o nome de A SIONLLA (lugar e río) estarían despexadas se pensamos nunha “pedra ASIGNÓCULA” > ASINOLLA > ASIONLLA que podería ter sido un antigo miliario.

7) Se cadra, habería que mudar de paradigma nos casos de ARNADO, ARNOSO, ARNADELO e ARNELA que se explican usualmente como procedentes de “arena”, mediante un recúo do acento, e pensar se non estamos diante de antigos ASNADO, ASNOSO, ASNADELO e ASNELA no tema das antigas “SIGNAS”.

8) A praia arousá de AS SINAS haberá que encaixala na mesma doutrina.

9) Xa pensástedes nuns antigos MARCOS ASIGNANTES > ASNANTES > NANTES se se dese aquí o mesmo proceso que se de na vila lusa de NELAS?

10) O intrigante nome da vila ribeirá e do río alaricano que locen o nome de ARNOIA poderían deber o seu chamadeiro á súa consideración de RIO DE ASIGNODIA > ASNOIA > ARNOIA ou río divisorio entre antigos territorios.

11) Conforme ASNAIS deu en ANAIS tamén ASNEIROS podería ter dado en ANEIROS e daí a orixe de tantos apelidos galegos.