Banda galega


Se, aproveitando as vacacións, decides dar unha volta polas extremas terras andaluzas de Huelva (que ofrecen por certo interesantes atractivos paisaxísticos, monumentais e gastronómicos) pode ser que te sorprendas ao enterarte de que, cando coidabas estar xa ben lonxe de Galicia, resulta que andas pola historicamente denominada banda galega. A min non me sorprendeu moito porque xa un amigo (Fernando Carballa, de A Nosa Terra) me puxera antes sobre aviso.

A zona en concreto ben sendo o norte da actual provincia de Huelva, unha comarca de serrania abrupta e frondosa, verdadeiramente fermosa. Pois cando chegamos a algún dos castelos medievais de zona (Aracena, Aroche e outros varios) topámonos con que a correspondente placa turística nos informa de que esa rede de fortalezas, levantadas en época musulmana, sobre todo no período almohade (séc. XII), recibe o nome, aparentemente ben curioso, de banda gallega.

As explicacións que se lle teñen dado a isto son controvertidas e mesmo contraditorias.

Acéptase maioritariamente (por comparación con outros casos) que o termo 'banda' (que naturalmente non ten nada que ver con agrupacións de músicos nin de malfeitores) aplicábase a unha zona de fronteira, pero como a única fronteira que hoxe se ve por alí é a portuguesa, imponse o curioso razoamento de que se lle chama 'galega' xustamente pola veciñanza de Portugal, o cal será moi satisfactorio para o lusismo político, pero dáse a circunstancia de que precisamente no século XII nacía o reino de Portugal, e desde aquela non cabía confusión entre galegos e portugueses.

Antes da aparición do reino de Portugal só se toman en consideración os de León e Castela, polo que a tal banda parece caer completamente fóra de lugar.

Ante tal evidencia e o aparente absurdo do nome, argumentouse que neste caso concreto a palabra 'banda' non podía indicar fronteira (tería que ser entón banda portuguesa, ou en todo caso leonesa), e daquela botouse man do comodín da repoboación. O problema é que non se documenta ningunha inmigración significativa de galegos, e a cuestión quérese resolver coa metonimia de que se trataría de leoneses, aos que popularmente se chamaba galegos. Ademais de ser isto dubidoso en datas tan avanzadas, compriria dar por suposta a chegada dunha elevada masa de poboadores, da que non hai noticia, e ademais aceptar que dese hipotético feito se deduciría a denominación de banda.

Mais abonda con que poñamos os pés en Galicia (e aínda que a banda caia lonxe, algo teremos que dicir, visto o nome) para resolvermos o tema satisfactoriamente. O punto de partida indiscutible é a existencia do noso reino medieval. Todo o espazo político cristián noroccidental da Península era coñecido como Reino de Galicia (derivado da antiga Gallaecia romano-sueva).

A referencia galega da zona ven de vello. Xa a finais do século IX os emires cordobeses tiveran serios problemas cun tal Ibn Marwán, señor musulmán de Mérida-Badaxoz, alcumado al-Yaliquí (é dicir, o Galego), sobrenome que seguirán usando os seus descendentes. A banda galega atopábase no medio do conflito.

Desde finais do séc. XII o territorio en cuestión era unha zona próxima á fronteira entre o reino galego (ou galego-leonés) e o almorávide musulmán, pois a Extremadura pasara a ser de dominio cristián. A importancia estratéxica da banda creceu cara a mediados do séc. XIII, cando, tras a definitiva fragmentación de Al-Ándalus, se converteu no límite norte do reino musulmán de Sevilla, por tanto en contacto directo cos galegos. Era, en efecto, a fronteira galega.

Desde a unificación dos reinos de Galicia-León e Castela en 1230, o rei Fernando III emprendeu unha campaña expansiva por Andalucía, conquistando Sevilla en 1248. Durante eses anos a banda galega cumpriu un destacado papel na defensa do reino sevillano, tardando aínda un tempo en ser dominada, debido ás súas defensas militares e á propia configuración montañosa do territorio.

Daquel pasado conserva as fortalezas de arquitectura musulmana, e algúns outros restos, como os da gran mesquita de Almonaster.