Balance provisional: nunca estivemos mellor

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Balance provisional: nunca estivemos mellor

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, vén de concederlle unha extensa entrevista ao diario El País na que nos sorprende coa interesante revelación de que "a cultura galega nunca estivo mellor". Paga a pena lela con detención e sopesar os argumentos nos que se basea para emitir un veredicto tan esperanzado e ilusionante. Por poñer só un exemplo de optimismo antropolóxico, resulta case conmovedor descubrir cal é un dos elementos da súa xestión que considera máis salientábeis: "foi un momento moi bonito ter a Arcade Fire no Monte do Gozo". Debo recoñecer, para o meu eterno oprobio, que non participei dese inesquecíbel instante de epifanía, así que deixo que sexan os lectores que si o fixeron os que xulguen a solidez dunha política alicerzada en principios tan conspicuos.

O currículo de Roberto Varela nunca deixa de abraiarnos. Comezou a súa andaina na Xunta afirmando que "a cultura galega limitaba moito". E, a seguir, matizou as súas declaracións engadindo que estaba "acomplexada e ensimesmada", propiciando así un feliz e pouco habitual xesto de unanimidade entre os escritores galegos: todos os que recibiran o Premio Nacional de Literatura pediron en bloque a súa dimisión. Iso si, temos que aclarar que cando dicimos Premio Nacional, referímonos, naturalmente, ao español, xa que foi o propio Varela o encargado de eliminar o seu homónimo galego.

Mais prosigamos: durante esta nova Idade de Ouro da cultura galega desapareceron Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira e o Xornal de Galicia. Por desaparecer, mesmo desapareceu o Códice Calixtino, un documento que a Consellería tiña a obriga legal de custodiar e protexer. A cambio, non obstante, tivemos o privilexio de ver incrementada a nosa xa rica toponimia cun novo e orixinal rexistro: Desván de los monjes.

No mundo editorial, abandonouse a política de compra de libro galego para as bibliotecas públicas, reducíronse ou desbotáronse as axudas á edición e á tradución e suprimíronse as liñas de subvención ao libro de texto na nosa lingua. Neste eido, pode que a alguén lle estrañe que un conselleiro que semella obsesionado con "poñer en contacto a cultura galega con elementos universais" prefira subvencionar un libro titulado Cociñar con algas que a tradución do Ulises de Joyce. Mais na citada entrevista atopará a resposta aos seus escépticos interrogantes. Nela, Varela explica claramente os fundamentos que inspiran a súa acción de goberno. "O Festival Rock in Way é a proba do que queremos facer: Consellería, Estrella Galicia e Gadis". Non hai dúbida ningunha de que a coherencia -gastronómica?- preside as decisións de Cultura.

Cando comezou a lexislatura, o goberno entrante criticou a perda de visitantes do Centro Galego de Arte Contemporánea. Rebaixouse o seu orzamento a niveis ridículos, atallouse toda posibilidade de incrementar a colección e asegurouse que se procuraría financiamento privado. Hai só uns días, fíxose pública a noticia de que o MARCO de Vigo, cun orzamento aínda menor -a Consellaría reducira as súas achegas ao centro vigués- xa superaba en número de visitantes ao CGAC. Non son dos que opinan que o labor dun centro cultural deba avaliarse exclusivamente en función do número de entradas vendidas, mais supoño que a cifra será de interese para os que antes censuraron a baixada de espectadores. Varela informa na entrevista de que -dous anos despois- seguen a buscar financiamento privado.

No mundo do audiovisual, todos os axentes levan meses alertando de que a inacción da consellaría pode botar a perder todo o traballo realizado nos anos precedentes, un traballo que xusto neste momento comezaba a dar froitos con toda unha serie de creacións que atinxiron a atención do público e da crítica especializada (De profundis, Cela 211, 18 comidas, Os Crebinski, Doentes, Todos vós sodes capitáns...). Non embargante, é inxusto acusar ao departamento de Varela de ociosidade: grazas a el pasaron a mellor vida a Axencia Audiovisual Galega -un organismo que, cun orzamento mínimo, lograra converterse nun instrumento de dinamización de enorme incidencia- e o portal Flocos TV -unha filmoteca online que servía de trinque para a produción cinematográfica galega.

O Centro Coreográfico Galego -que puxo en marcha o bipartito, que mereceu as louvanzas dos especialistas e que permitiu que a danza galega comezara a situarse no panorama estatal e mesmo internacional- conxelou os seus programas de formación, a relación continuada coas redes de danza europeas e, sobre todo, o labor de recuperación de artistas galegos que estaban a traballar no exterior. O Centro, agora dirixido pola antiga coreógrafa de Luar, é un reflexo, supoñemos, das palabras do conselleiro: "durante o bipartito había unha tendencia cara á exclusión e nós conseguimos rompela".

E no teatro? Aquí saca peito o conselleiro e explícanos que A ópera de tres reás "está enchendo por toda España". Velaí o modelo: gastar todo canto se ten nun espectáculo para facer trinta e cinco funcións, dezanove delas fóra de Galiza. Poderiamos pensar que, xa que hai poucos cartos, mellor sería investilos en implementar políticas que lles permitisen ás compañías existentes realizar o seu traballo sen condicionantes económicos excesivos, que permitisen aos creadores máis arriscados explorar as distintas evolucións da linguaxe teatral e, sobre todo, que incidisen na creación de novos públicos. Mais esa é unha visión de curto alcance. Varela teno claro: "a crise é para todos e ninguén se pode salvar porque si".

Do magnífico momento que atravesa a música galega prefiro non dicir nada. Con lembrar que Arcade Fire estivo no Monte do Gozo xa me dou por satisfeito.