Afonso VII: Rei dos Galegos. Período 1093 a 1111

Afonso VII: Rei dos Galegos. Período 1093 a 1111

Os historiadores da corrente oficialista son capaces de trazar unha liña, sen fisura algunha, dende Paio, primeiro rei da renacida e reconquistadora España, ata o actual rei Xoán Carlos I. Nesta liña monárquica continuada non hai cabida algunha para o papel que o Reino de Galiza xogou na historia do Estado Español.

A liña monárquica galega, deseñada despois de rigorosos estudos polo profesor López Carreira, carece de importancia e de sentido para a corrente oficial, na que os reis son primeiro asturianos, posteriormente leoneses e rematan tendo a súa orixe en Castela.

Non intentaremos agora convencer a estes historiadores de que o defendido por Anselmo López Carreira ten bastantes máis bisos de ser certo que as liñas ininterrompidas que eles nos propoñen. Non o imos facer porque é unha perda de tempo.

Tal vez, se cadra, deberían ser eles os que nos explicasen por qué a monarquía do século IX e X está tan vinculada con Galiza, por qué mulleres da nobreza galega se casan con reis "astures". Tamén nos deberían explicar que grado de "asturianismo" ten un rei cuxa nai é do noso país e el se casa cunha muller galega.

Poden os oficialistas facernos dubidar en certos reis que na documentación aparecen baixo a epígrafe de "residente en Oviedo", pero non poden, por moito que o intenten desviarnos do convencemento de que o rei Afonso VII era un rei galego. Ou mellor dito, o rei dos galegos.

Se en Internet tecleamos o nome de Afonso VII veredes como en moitas páxinas nos falan del como o emperador de León e como aparece integrado dentro dunha liña monárquica denominada "reyes de León".

A figura de Afonso VII é produto dunha época e dun soño, o de seu pai Raimundo de Borgoña. Este chegara da man do rei Afonso VI para casar ca súa filla lexítima Urraca e reinar, de aí que lles fose entregado o control do Reino de Galiza, paso previo e necesario para poder gobernar. Urraca e Raimundo estaban a encargarse do goberno de Galiza cando souberon que o rei Afonso VI acababa de ter un fillo varón da súa amante Zaida. Este fillo, Sancho, pasaba a converterse, inmediatamente, no sucesor do territorio controlado polo rei. Tras este nacemento, no ano 1093, a política de Raimundo de Borgoña cambia e Galiza pasa a converterse no único territorio no que podería gobernar, de aí que o borgoñés comece unha campaña de doazóns ás distintas igrexas e catedrais así como a concesión de títulos e prebendas a destacados nobres galegos. Buscaba con isto o apoio das dúas grandes forzas galegas, a nobreza e a igrexa, para conseguir unha independenza total, para crear un reino independente, unha segregación do territorio galego, tal e como estaba a facer o seu curmán Henrique en Portugal.

O fillo de Raimundo e Urraca (Afonso Raimóndez) nace en Caldas de Reis no mes de marzo de 1105, con dous anos queda orfo de pai pero non de apoios. Raimundo, a fins do ano 1107, ca morte sentada aos pes da súa cama quixo velo seu fillo, que viña acompañado polo máis granado da nobreza galega, entre os que destacaba Pedro Froilaz. Encomendou a vida, o coidado e a educación do seu fillo a estes nobres, que se convertían ao mesmo tempo en garantes das liñas políticas trazadas por Raimundo de Borgoña, os nobres galegos serían os encargados independiza-lo territorio galego e o seu fillo, Afonso, sería o seu rei, o rei dos galegos.

No ano 1108 morre Sancho, o fillo do rei Afonso VI, feito que coloca a Urraca e a Afonso Raimóndez nos primeiros postos da liña sucesoria. O ano seguinte, 1109, resulta crucial na vida de don Afonso pois morre seu avó, o rei, e súa nai casa co rei de Aragón Afonso I, o batallador. Esta unión matrimonial poñía en perigo ao neno don Afonso e acababa con aquel soño de seu pai e co papel preponderante da nobreza e da igrexa galega, que poderían chegar a ser desprazados por nobres aragoneses. A reacción en Galiza foi inmediata e plasmouse proclamando a don Afonso como rei de Galiza, apoiado polo conde de Traba, representante da nobreza e polo bispo Xelmírez, máximo representante da igrexa galega neste século.

A proclamación de don Afonso como rei de Galiza foi entendido, por súa nai e o seu novo marido, coma unha declaración de guerra en toda regra. O matrimonio reuniu un poderoso exército composto, segundo López Ferreiro, por "unha turba de aventureiros de diversas nacións, sen excluír mouros, nin infieis", co que se encamiñaron cara Galiza. Deberon de seguir o camiño que entraba no noso país polo Cebreiro, detivéronse en Lugo, cidade que se uniu aos invasores, e seguiron cara os territorios do conde de Traba, Pedro Froilaz.

O primeiro choque militar tivo lugar no castelo de Monterroso. Os defensores foron pasados a coitelo e os muros do castelo derrubados ata o chan. López Ferreiro ve na violencia empregada por Afonso I a razón pola cal Urraca marcha cara León, abandonando a expedición e ao seu marido. Este dedicouse a derrubar casas e castelos erixidos nas terras de Pedro Froilaz. ¿Que facía o conde de Traba mentres lle derrubaban castelos? Dúas eran as labores que ocupaban todo o tempo do conde, por un lado poñer a bo recaudo e en lugar seguro ao rei de Galiza, Afonso e a segunda buscar apoios tanto dentro da nobreza como da igrexa.

Pedro Froilaz sabía que necesitaba o apoio para a súa causa do bispo Xelmírez. Estes dous personaxes nunca foron amigos e cando loitaron xuntos foi porque os seus propios intereses coincidiron, convertendo eses anos nos mellores tempos para Galiza.

A Froilaz e Xelmírez separábaos a loita que este último mantera co bispo de Mondoñedo polo dominio dos territorios de Salaxia, Bisancos e Trasancos. O bispo mindoniense negouse en todo momento a devolver uns territorios que coidaba que lle pertencían a súa diocese. De nada serviron as cartas que o rei Afonso VI, o arcebispo de Toledo e o mesmísimo Papa lle enviaron ao bispo mindoniense para que devolvese eses territorios, a súa decisión era inquebrantable, algo que volvía tolo ao todo poderoso Xelmírez, que se vía a el mesmo como centro de Europa e á vez incapaz de acabar cun insignificante prelado. Este bispo era Gonzalo Froilaz, irmán do conde de Traba, don Pedro Froilaz. Esta situación de enfrontamento político cambia cando no mes de febreiro de 1110 os cóengos e nobres destes territorios, encabezados polos membros da familia Froilaz que alí residían, firman un documento no que solicitan deixar de pertencer á sé episcopal de Mondoñedo e pasar a pertencer a Santiago e no mes de marzo xuran fidelidade ao novo señor eclesiástico, é dicir Xelmírez. Tendo en conta isto podemos entender que no mes de abril do mesmo ano Pedro Froilaz conte co apoio económico e militar do bispo de Santiago, feito que permitirá derrotar ás tropas invasoras do rei Afonso I de Aragón, que terá que retirarse de Galiza.

A fins deste ano de 1110 Pedro Froilaz asegura ao neno rei no castelo de Castro Miño baixo os coidados da condesa de Traba e protexido por tropas leais. Temía o conde que aquel pequeno grupo de nobres santiagueses que se chamaban así mesmos Irmandade, puidesen atentar contra o seu protexido. Non se equivocaba o conde xa que estes nobres cercarán o castelo e con falacias conseguirán apresar ao bispo Xelmírez, á condesa e a don Afonso, que será recluído no castelo de Pena Corneira polos rebeldes, liderados por Arias Pérez.

O pacto do Tambre é o acordo ao que chegan Pedro Froilaz e Xelmírez, polo cal e para salvar ao neno rei, deciden renunciar publicamente a todo tipo de vinganza contra os rebeldes nin contra as súas propiedades, pola súa contra estes deben devolver os reféns, especialmente a don Afonso e xurarlle fidelidade.

O 17 de setembro, domingo, Santiago e a súa catedral atopábanse engalanadas para recibir ao neno rei, que foi coroado por Xelmírez, quen o unxiu segundo o cerimonial e colocou nas súas mans o cetro e a espada, símbolos do poder.

López Ferreiro cóntanos como a catedral estaba ateigada polo máis granado da nobreza galega que contemplaban a aquel "neno de sete anos, en quen estaban simbolizadas a salvación e a prosperidade da patria", aquel neno que se convertía en Afonso VII, rei de Galiza e dos Galegos.