A Xunta dilapida diñeiro público en facerse propaganda

A Xunta dilapida diñeiro público en facerse propaganda

Son moi dados, estes nosos gobernantes da dereita, a facer cousas que degradan a política e as institucións que rexentan, porque o único que lles importa é facer propaganda para que pensemos que fan algo de proveito, pero podemos constatar que moitas desas actuacións non son para satisfacer o interese e o benestar da cidadanía, nin chegan a ela os seus froitos, senón que se trata simplemente de crear un motivo que xustifique o gasto de diñeiro público e a súa aparición nos distintos medios de comunicación.

É o caso da edición bilingüe -ou presunta edición- do libro Nimbos/Argi-koroa, de Xosé María Díaz Castro, traducido ao éuscaro por Gerardo Markuleta e editado conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Eusko Jaurlaritza -Goberno Vasco- en decembro de 2014, ano no que a Real Academia Galega lle dedicaba o Día das Letras Galegas ao poeta Guitiricense.

Nada mais saber da dedicación do Día das Letras a Díaz Castro, un grupo de emigrantes galegos afincados en Euskal Herria tíñamos pensado editar ese poemario, único libro publicado en vida do autor, nunha edición bilingüe. Xa tíñamos o permiso dos dereitos de autor, contactado con un renomeado tradutor e coa Área de Cultura da Deputación de Lugo para patrocinar a edición. A nosa intención era dar a coñecer na patria da súa dona, Teresa Zubizarreta Bengoetxea, esa poesía virxiliana, paisaxista e intimista, que rezuma humanismo franciscano, un gran amor a Galiza e ao seu curruncho natal, pero, a finais de abril dese ano 2014, saíu a noticia de que esas dúas institucións antes nomeadas ían acometer a obra, polo que nosoutros desistimos e démoslle a benvida a esa iniciativa que nos aforraba traballo e diñeiro; pero, incautos de nós, o seu obxectivo non era dar a coñecer Nimbos.

Tardaron en publicalo ou en dicir que o publicaran, pero ó final, antes de rematar o ano Diazcastriano, o 16 de decembro do ano do poeta, o viceconselleiro vasco de Política Lingüística, Patxi Baztarrika, e o seu homólogo galego, Valentín García Gómez, xunto co fillo maior do poeta, José María Díaz Zubizarreta, presentaron ante os medios de comunicación a tradución en Donostia, afirmando que xa estaba a disposición dos lectores vascos unha edición bilingüe dese libro, pero na práctica podo asegurar que non é así, pois, debido á miña afección pola poesía e a amistade que me unía ao poeta, desde aquela a hoxe busquei o libro por todas as librerías de Bilbao e demais pobos do alfoz de Uribe, que diría Gabriel Aresti, pero foime imposible atopalo en ningunha delas, non porque estivera esgotado, non, senón porque non lles chegara a ningunha delas e a única noticia que tiñan del era pola prensa, debido a presentación. Encargueino nalgunha librería e ao cabo dun tempo dixéronme que non o atoparan en ningunha distribuidora.

Gabábase Baztarrika, o día da presentación, de que a publicación era unha ponte para intensificar o diálogo entre a cultura, as linguas e os lectores de Euskadi e Galicia. É un poemario de enorme carga íntima e social, moi suxerinte para a reflexión e que axudará ó lector euscaldún a sentir a emoción da lingua galega. Temos que colaborar máis polo fomento das nosas linguas, especialmente ante as institucións españolas e europeas, e Valentín García non se quedaba atrás, afirmando, que debido aos estreitos lazos vitais que Díaz Castro mantivo con Euskal Herria, este proxecto non se acometeu unicamente como un feito de difusión ou intercambio cultural, senón, sobre todo, como un acto de merecida xustiza ao autor.

Parece que, tanto un como o outro, pensaron que con facer a presentación e expresar esas boas intencións ante os medios xa tiñan cumprido coa cidadanía, pero esas bonitas verbas quedaron aí como unha grande homenaxe a mentira, xa que non tiveron mais repercusión que servirlles de propaganda política, pois os libros nos que gastaron o diñeiro público, e que tiñan a función de acadar eses nobres obxectivos que pregoaban, dous anos despois aínda non aparecen por ningunha parte.

Cara e inútil nos saíu aos contribuíntes, galegos e vascos, a presentación e a propaganda que se fixeron eses mentireiros, pois xa dixemos que non se atopan en ningunha librería e, tratándose dunha edición institucional do Goberno Vasco debera de estar en todas as bibliotecas públicas mais importantes, pero tamén puiden comprobar que en toda Euskal Herria so se atopan dous libros na Biblioteca Municipal de Urretxu, pobo natal da súa dona e onde viven dous fillos do poeta; un na biblioteca do Depósito Legal e outro na de HABE (Organización para a Alfabetización e a Reeuscaldunización de Adultos, dependente do Goberno Vasco), pero nin sequera hai un exemplar na biblioteca central da Academia da Lingua Vasca (Euskaltzaindia). O resto deles non se sabe si de verdade os editaron ou por onde andan axudando o lector euscaldún a sentir a emoción da lingua galega e colaborando polo fomento das nosas linguas, como dicía Baztarrika.

Si en Euskal Herria nos atopamos con este panorama, non é mais claro o que imaxinamos en Galiza, pois os libros -si é que os editaron- non aparecen tampouco por ningunha parte, ou deben de estar en caixas na Cidade da Cultura, ese faraónico e ruinoso mausoleo no que pretenden encerrar a nosa cultura.

Ese diñeiro do erario público que malgastaron en propaganda, ou que alguén se embolsou, estaría moito mellor empregado en reparar o lousado da casa natal do poeta, que se está caendo -e terminará por esborrallarse- si non poñemos os medios necesarios os mesmos cidadáns, que tamén pagamos a súa propaganda e esa edición fantasma que non aparece por ningunha parte.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.