A xestión desbotou a política

A xestión desbotou a política

"Estes días asistimos á catástrofe sobrevida na economía española pola torpeza e a inmoralidade dos nosos industriais e financeiros. Por grandes que sexan a incompetencia e desaprehensión dos políticos, ¿quen pode dubidar que os banqueiros, negociantes e produtores lles gañan o campionato?" Este parágrafo podería ter sido asinado por moitos analistas políticos actuais, pero, coma sempre andamos na mesma e os ciclos económicos tenden á teimuda repetición, adiantóuselles Ortega y Gasset hai agora xusto 90 anos. Pola miña banda, non teño tan claro quen resultaría gañador, se a competición se celebrase hoxe.

Seis anos antes da publicación da "España Invertebrada", relacionaba Julio Senador a política co palurdismo -e non unicamente pola súa significación etimolóxica de "peu lourd" ou algo así, senón tamén pola súa dura connotación castelá-, cando escribiu: "Como o "palurdo", por regra xeral, non sabe nin quere traballar, adoita dedicarse á política (sic). Axiña volve a vista cara a ese Madrid podre que ten sempre á man un prezo para tódalas prostitucións e un galardón para tódalas vilezas". Se hoxe os políticos constitúen o grupo ou caste que peor parado sae nas enquisas, xa daquela había quen os consideraba como o peor da sociedade, valoración coa que Ortega non concordaba, cando dixo que "os políticos actuais son fiel reflexo dos vicios étnicos de España, e aínda -a xuízo das persoas máis reflexivas que coñezo- son un punto menos malo que o resto da nosa sociedade".

Dicir que a terrible crise na que estamos inmersos procede directamente da mala praxe de banqueiros e similares non é precisamente moi orixinal; pero, con independencia de que as leis as dite desde a sombra o capitalismo financeiro, quen as elabora, discute, asina e lles pon rostro son os parlamentos e os gobernos, o que os converte en corresponsables da desastrosa situación que padecemos. Por iso eu non podo concordar totalmente con Ortega, e se alguén aínda tiña dúbidas de que quen gobernan son os banqueiros, supoño que terá mudado de opinión, asistindo á concatenación de ataques dun goberno dito socialista ás clases máis débiles. As iniciativas tomadas polo goberno de Madrid para loitar contra a crise evidencian que o vello PSOE, sempre inclinado a xogar coa ambigüidade, sexa apoiando a ditadura de Primo de Rivera, dubidando sumarse ou non ao Pacto de San Sebastián ou creando, en 1974, a Plataforma fronte á Xunta Democrática, despois do abandono do marxismo, perdeu o pouco que lle quedaba da ideoloxía de Pablo Iglesias. Renunciou á utopía, á necesidade de transformar o mundo e, como dixo Geneviève Decrop en "Redonner ses chances à l'utopie": "Se non partimos da hipótese de que é posible outro mundo, non haberá política, só haberá xestión administrativa dos individuos e das cousas".

E xustamente isto foi o que presenciamos hai uns días no chamado debate da autonomía, onde un presidente da Xunta de Galicia máis parecía un xestor, un técnico do PP que un verdadeiro político. O discurso de Feijoo da primeira parte, pois na segunda réplica, alarde de desprezo ao parlamento, semellaba tan só un tertuliano ocorrente, lembroume aquel Plan de Estabilización de 1959, que ministros tecnócratas do Opus Dei deseñaron, seguindo directrices do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial, mentres repetían a broma da soberanía española e de que ser español era o máis grande que se podía ser no mundo. Pero aquilo non era política, senón xestión, nin democracia, senón ditadura. A política precisa unha ideoloxía definida e un afán por transformar o mundo e, na actualidade, nin Zapatero en Madrid, nin Feijoo en Compostela demostran ter ningunha das dúas condicións. Certamente, os seus seguidores enchen a boca dicindo o contrario, por máis que os seus feitos proclamen que segue tendo validez a vella frase: "Tende éxito e outorgarásevos talento".

Cando vexo a babosa adulación dos que vexetan e sobreviven na órbita dos dirixentes políticos, lembro aquela vila de León na que a corporación municipal, toda ela -agás un concelleiro- do partido liberal de García Prieto, marqués de Alhucemas, presidente do goberno e xenro de Montero Ríos, aprobou erixirlle a este unha estatua. O solitario concelleiro da oposición tivo a habilidade de sumarse á proposta, pero engadindo unha modificación iconográfica: "que fose ecuestre e sen xinete". Máis que desexar placas conmemorativas, nomes de rúas e estatuas, coido que algúns políticos deberían facer súa a dobre petición de Castelar, cando rematou o seu mandato como presidente da I República: "de Deus o perdón e da Historia un misericordioso esquecemento".

Chegaron Zapatero e Feijoo ao poder como líderes e condutores de masas dos seus respectivos partidos, pero, como dixo Gregorio Marañón, en 1933, os condutores de masas non son máis que mascaróns de proa do navío, aínda que "o mascarón pensa, ás veces, que é el quen arrastra, detrás, o barco enteiro". É xustamente o contrario. O que a min me lembran un e mailo outro é a aqueles dous pilotos cegos que, cando escoitaban a pasaxe berrar detrás deles, porque ían contra un monte, levantaban o morro. Disque lle dixo un ao outro: "O día que os de atrás non berren, esnafrámonos". Estámonos esnafrando...