A Rapa, unha festa excéntrica e concéntrica

A Rapa, unha festa excéntrica e concéntrica

Que quero dicir cun título así para referirme a unha festa eminentemente popular como o é a Rapa das bestas que non sexa xa algo común a toda festa? En realidade os tempos festivos tradicionais “concéntranse” xa sempre, por así dicilo, en datas e espazos concretos. Son tempos, ademais, nos que se dan ou ocorren tamén “excentricidades”, pois o tempo festivo rompe coa rutina do normal e ordinario, aínda que isto non quere dicir tampouco que nos tempos festivos os participantes se evadan do regrado e tradicionalmente herdado.

Aclarareime, pois, algo. Comentaría, en primeiro lugar, que a festa da Rapa, a pesar de participar, como toda festa, das anteriores características festivas, semella ademais funcionar á maneira dos pulmóns que no seu movemento de expirar e inspirar o ar exercen de maneira saudábel a súa función benfeitora. A Rapa expande, “expira”, no día da baixa, efectivamente, cara ós montes da contorna a mocidade, leda e activa, á procura das bestas para seren concentradas primeiro no Peón e marcharen logo conducidas pola xente, facendo cordón, cara a Sabucedo. Por outra parte, nas accións seguintes e específicas da aloita no curro, a “concentración” como momento máximo de “inspiración” pulmonar festivo chega ó seu cumio. Alí, no redondo caos onde as bestas loitan á busca dunha orde imposíbel, é onde os humanos e os belos e libres animais, donos primixenios dos nosos montes, forman unha orixinaria e comunitaria unidade. Albíscase alí a orixe primitiva do noso ser común. Alí paira no ar a aperta unitaria dunha creación común. Alí apertan aloitadores e aloitadoras o corpo áxil, forte e tremente dos nosos visitantes montesíos na busca dunha nova comuñón coa natureza. Hai loita e aloita en mutua cooperación e pertenza.

Será ó final de todo, cando homes e animais teñan xa asinada a común acta da anual visita realizada, cando o movemento festivo de “expiración” convida bestas, cabalos, poldros e bichiños a retomar a viaxe, tranquila, sosegada e acougada, cara á orde que segue ó caos creador experimentado no encontro tradicional en Sabucedo coas xentes, sempre iguais e tamén distintas, desta pequena parroquia da Galicia eterna. Pois é sempre o caos o que crea a orde. Esa orde e xerarquía natural que cada garañón ou griñón sabe exercer con sabedoría e espontaneidade na súa propia zona de montaña.

Repítense ou imítanse así, a nivel pequeno, os ciclos cósmicos das formacións evolutivas que constitúen o universo todo. Todo está en movemento, de concentración cara a expansión, de inspiración cara a expiración. Todo é -no que ós humanos nos atinxe- historia, acción humana, mergullada nos procesos cósmicos. Porque tamén é posíbel albiscar historia, verdadeira historia humana, no devir anual dos acontecementos relacionados coa celebración da festa da Rapa das bestas de Sabucedo.

Pois son a enfermidade, a peste ou o andazo os que “expanden” e converten en “excéntricas” as “vellas” irmás que foxen do “centro” da aldea cara a zonas máis agrestes nas proximidades da mesma. Mais serán elas tamén, fieis ás súas promesas ó santo padroeiro Lourenzo que habita “concentrado” na ermida de Sabucedo, as que lanzan cara á liberdade aberta de pertenceren dende agora ó “santo” unhas bestiñas súas que levan agora, a cabalo mesmo delas, o futuro dunha festa que se irá “expandindo” ó longo dos tempos.

Houbo épocas, na cambiante historia do acontecer desta festa tan nosa, nas que a doazón das “vellas” ó santo padroeiro se chegou a entender como algo case exclusivamente relacionado coas concretas persoas que exercían o poder eclesiástico. De modo que en tal sentido se podería falar dun determinado divorcio entre o pobo e tal poder. Ata tal punto chegaron a estar tan inoperantemente “concentrados” no concreto e xerárquico espazo eclesiástico os resortes do acontecemento da Rapa que tanto o párroco coma os veciños de Sabucedo chegaron a vérense ameazados, concretamente no ano 1779, polo entón bispo auxiliar de Santiago, Xoán Varela Fondevila e Verea, coa pena de excomuñón maior latae sententiae no caso de non faceren o debido reconto das bestas por medio da baixa das mesmas a Sabucedo. En realidade, os veciños non querían ocuparse de algo co que estritamente, dadas as concretas circunstancias, tiñan pouco ou nada que ver. O acontecemento da Rapa precisaba, pois, unha vez máis, de “expansión”. É dicir, necesitaba converterse en acontecemento verdadeiramente popular.

Tal “conversión” da Rapa en acontecemento verdadeiramente popular, condición necesaria para a súa posterior “expansión” festiva, non se iniciou por iso en realidade ata mediados do século XIX, cando moi oportunamente o párroco Manuel de Castro permitiu que empezase a haber nas greas “do santo” un número cada vez maior de bestas particulares. Cousa que naturalmente estaba en relación coa simultánea e progresiva liberación social do pobo respecto dos seus "señores" tradicionais, tanto civís coma eclesiásticos. Deste xeito acadábase un dobre efecto mutuamente beneficioso, tanto para a igrexa coma para o pobo, dado que os veciños, ó tempo que atendían as súas propias bestas, non podían menos de prestaren tamén atención e coidado ás bestas “do santo” coas que formaban un único conxunto.

Quero engadir aínda que boa parte do relativamente bo éxito e atractivo do actual acontecer da Rapa radica na xenerosidade e colaboración da mocidade nos diversos labores ós que se adscriben en relación cunha celebración festiva que resulta ser diferente e singular. Pois trátase dunha festa que atrae, que “inspira” (continuando co símil) a xentes moi diversas, mais coincidentes na súa querenza pola natureza, pola vida, pola beleza. Se as augas termais en lugares próximos sandan as xentes, a inmersión viva na natureza vexetal, animal e estritamente humana que se ofrece en Sabucedo pode facelo tamén. Este tipo de “regresión” ás dimensións que nos converteron no que somos pode ser unha eficaz terapéutica para o “homo patiens” dos nosos días, pois non sempre calquera suposta “progresión” nos produce máis benestar ós humanos. E nesas estamos.

En tal sentido, os impulsos que se van producindo en relación co feito da Rapa cara a novas posibilidades de dar vida ó mundo rural galego, freando no posíbel a súa crecente despoboación, deberían ser coidadosamente atendidos. Non só por mor da subsistencia da mesma festa da Rapa, que sen xentes que de preto a coñezan e apoien dificilmente se podería manter, senón tamén polo dereito que en principio toda persoa debería ter a vivir e traballar alí onde nace e vive.

[Publicado en “ADN SABUCEDO” - Anuario da Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo, nº 1 (2016) 28-31]

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.