A precariedade e o abandono do noso patrimonio
A caída dunha pedra do cimborrio da catedral de Santiago, deu a voz de alarma sobre o estado de conservación do patrimonio inmoble da Igrexa. Nesta
cuestión, como no fútbol, hai división de honra e rexional. Fixámonos nas catedrais e nos mosteiros, pero esquecémonos dos miles de igrexas e capelas diseminadas polo noso territorio, moitas delas con valores artísticos e históricos tan importantes como as da sé episcopal.
Dá vergoña ver igrexas e capelas nun estado de conservación lamentable, e casas reitorais arruinadas pola desidia dalgúns eclesiásticos, cando non vendidas a particulares que felizmente as volveron ao seu primitivo esplendor. O mesmo se pode dicir do patrimonio moble, especialmente os retablos e as súas imaxes. Afortunadamente os pobos adoitan ser bastante sensibles e xenerosos á hora de facer achegas para arranxar a súa igrexa, pero a maioría nin sequera teñen habitantes suficientes para poder facelo aínda que queiran.
A desidia como norma
A conservación das igrexas depende máis do interese de cada párroco que o da diocese. Hai sacerdotes exemplares neste labor pero tamén os hai pasotas. É verdade que as catedrais antes da desamortización tiñan os seus mestres de obras que se encargaban do seu mantemento baixo as ordes do tesoureiro e do fabriqueiro. Nos tempos actuais os cabidos adoitan estar formados por clérigos de avanzada idade e cando son novos, con dedicación a outros mesteres, o que lles impide por unha banda coñecer a problemática dos edificios, e por outro ocuparse do seu mantemento ordinario.
De nada serven os investimentos que fan nestes templos as administracións públicas, como a Consellería de Cultura e Turismo, Ministerio de Cultura, Ministerio de Fomento e outras administracións, se despois non hai un mantemento das cubertas, limpeza de desaugadoiros, cornixas e torres, por pór algúns exemplos. Son testemuña, como delegado de Cultura que fun, como logo de facer a consellería a cuberta dunha igrexa, anos despois o cura avisaba de que había unha pingueira para que lla fosen a reparar.
A cultura como negocio
É verdade que estes edificios teñen uns gastos ordinarios que moitas veces non se conseguen sufragar coas achegas dos fieis, pero para iso hai que utilizar as fórmulas empregadas con éxito noutras catedrais. Non se pode estar esperando a que as administracións públicas poñan todo o diñeiro para facer fronte á súa conservación, algo terán que achegar os propietarios, ben dos seus fondos se os teñen, ou recorrendo ao crédito bancario como o fan os particulares. En tempos de restrición como os actuais o todo gratis xa non serve, máis aínda cando pode resultar un agravio para eses particulares aos que non se lles dá nada e que teñen edificios declarados Ben de Interese Cultural ou catalogados con nivel 2 nos Plans de Reforma Interior dos recintos ou conxuntos históricos.
O mesmo se pode dicir dos museos de titularidade eclesiástica, creados ou por crear, tan necesarios para pór a salvo da destrución e do furto o patrimonio disperso polas igrexas da nosa xeografía. As dioceses non poden estar esperando a que llo financie todo unha administración, pero si a que colabore. Outra cousa distinta é se llo fai unha fundación privada ou a xenerosidade dun particular. A cultura pode ser negocio, e os museos de arte sacra, como pezas importantes da engrenaxe turística, tamén o poden ser se están debidamente xestionados e montados con criterios museográficos.
Falta dunha política de conservación
Levamos 30 anos de autonomía, 24 con gobernos de AP e PP, 2 do tripartito e 4 do bipartito. Ningún deles tivo unha política efectiva para a conservación e difusión do noso patrimonio. Todos eles non foron máis aló de actuacións de urxencia, atencións puntuais moitas veces debidas a favoritismos, e a elaboración de normas lexislativas, que non custan nada, e que sendo necesarias sempre obrigan con rigor aos particulares, mentres as saltan ou as interpretan laxamente os que as teñen que aplicar, cando as obras son da propia administración. Sobran exemplos.
Un patrimonio tan rico e diverso como o noso, composto por mámoas, petróglifos, miles de castros, de igrexas e de capelas cos seus retablos, imaxinería e ourivaría, xacementos arqueolóxicos prehistóricos, romanos tan importantes como o da cidade de Lugo, os pecios do noso litoral, os conxuntos de arquitectura popular, os cascos ou recintos históricos, os pazos e os castelos, os museos e as coleccións, os arquivos, etc., requiren millóns de euros para a súa conservación, protección e divulgación, unha tarefa inalcanzable se non hai deseñada unha política de actuación a medio e longo prazo que conte con financiamento público e privado, a través de consorcios e fundacións. Unha política así crearía riqueza e moitos postos de traballo en diversos sectores.
Un exemplo a imitar
Sería a política desenvolvida desde hai moitos anos pola Junta de Castilla y León, dun goberno do PP, a través das dezaseis edicións de Las Edades del Hombre, iniciadas en 1988, desenvolvida con éxito na recuperación, consolidación e divulgación do patrimonio das dioceses da comunidade feita a través da fundación que leva o mesmo nome, a utilización dos fondos FEDER polas deputacións para a montaxe de musealizacións e museos, e a Fundación del Patrimonio Histórico de Castilla y León, da que son entidades fundadoras, ademais da Junta de Castilla y León, seis caixas, as de Burgos, Ávila, Segovia, Caja España, Caja Círculo e Caja Duero, ás que se unen distintas entidades que colaboran economicamente para cada proxecto de restauración e recuperación do patrimonio moble e inmoble.
O arquitecto redactor e responsable do plan director da catedral de Santiago, Javier Alonso de la Peña, estrañábase en La Voz de Galicia do 24 de xullo, da resposta institucional e cidadá que houbo en Burgos cando se caeu unha imaxe da fachada da súa catedral, e que en tres anos se fixesen as principais obras de restauración, mentres que esa resposta non se produciu coa catedral de Santiago a pesar de ser máis coñecida no mundo, máis utilizada e máis visitada.
O segredo está en que alí hai unha Fundación del Patrimonio Histórico de Castilla y León e aquí hai un presidente da Xunta, un conselleiro de Cultura e un director xeral de Patrimonio que, á mantenta do abandono do castro de Baroña, nun primeiro momento despacharon o asunto dicindo que "non hai diñeiro", unha desculpa moi socorrida entre os políticos sen ideas nin iniciativa. Coñecemos que a limitación dos recursos económicos é unha realidade evidente e máis aínda neste momento de crise, pero precisamente por iso é necesario rendibilizar o que se ten e buscar fórmulas que permitan obtelos.
Aquí preferiuse enterrar no Gaiás 475 millóns de euros, e gastar no mantemento anualmente 1.839.329 euros, antes que dedicalos á atención dun patrimonio histórico e cultural milenario e centenario en estado de precariedade. Apostouse pola política do fantoche, do aparente novo rico, do falso gran xestor, que agora descubrimos que foi un fraude, que seguimos sendo pobres e que nos venden como gran xestión que imos seguir vivindo uns anos máis, para a nosa desgraza e vergoña, da sopa boba da Unión Europea.