A Navalla de Manuel María para Lois Diéguez

A Navalla de Manuel María para Lois Diéguez

Apaixonado, aberto a enxergar, a compartir e a refugar canto tenta contra a vida e o humanismo. Inimigo de toda vaidade, do engano, do oficialismo, do burocratismo e do silencio espeso. Sempre solidario, positivo fronte ao pesimismo, patrimonio do egoísmo. Entre o bombardeo consumista e propagandista asume que ser un mesmo resulta difícil. Algo así é Lois Diéguez fronte aos heraldos negros, ao ferro dos días ou nos brindes que nos ofrece a odisea da vida. Nesa espiral admirador da paciente Penélope de Itaca, a facer e desfacer no tear, dun Ulises de onte e de hoxe, enguedellado entre os anxos e os demos do teorema ético-estético de Pasolini. Ansioso de tripar e coñecer Galiza, odiando os feísmos, efectos da dependencia. Viaxeiro que comeza por ese Oriente que nos “orienta”, o do “Crecente fértil”, sementeira de pobos negados e masacrados, cos que se suma, curdos, armenios, palestinos... Coa ferramenta da palabra polo labirinto experimental de xéneros literarios, de vivencias, remando contra corrente, modas e imposicións. Militante na praxe de coñecer e dar a coñecer, para querer e defender, comezando pola orixe da orixinalidade.

Non hai xente do común que quede na casa cada oito de setembro. Festa arredor dos santuarios dedicados á imaxe da Virxe-Venus, aparecida en montes, covas, árbores, penedas, fontes... Dende o 2004 , data tamén do cabodano da morte do poeta de Outeiro, da Cha e de Galiza, Manuel María. Como se sabe dito versificador, como il dicía, e dende neno, sentía afección polas navalliñas – e dígoo, así en diminutivo para sacarlle ferro lorquián - ferramenta elemental para enredar cos garabullos e xogar a facer aradiños. Levaba sempre consigo varias, apreciaba as das ferrarías de Taramundi e agarimaba as herdadas dos seus. Pois velaí que en cada oito de setembro as chairegas Irmandade Manuel María e a Agrupación Cultural Xermolos fan entrega do galardón da “Navalla de Manuel María"... celébrase así a memoria do poeta no seu Outeiro, verso a verso, paso a paso polos lugares míticos da súa “tribo”: a Casa de Hortas, as Penas de Rodas, o Campo de Santa Isabel, o Miño... o camposanto coa tumba de mármore... e sobre ela as rosas brancas e roxas dos amigos.

Teño en honra de ser posuidor da Navalla de Manuel María entregada no 2014, cando a recibiu póstuma tamén quen tanto musicou “ Os soños na gaiola” e outras letras de Manuel María, Suso Vaamonde. Navalla que implica responsabilidade coa Terra e co tempo. Pois neste 2015 recibiraa e con toda xustiza o escritor Lois Diéguez, dende mociño novo querido na casa de Manuel María como “o Pequeno”; tamén a recibirá e con carácter póstumo o periodista Marcial González Vigo que tanto axudou a espallar Galiza e este encontro.

Cómpren os intelectuais cos pes no chan, que produzan en función das necesidades, os que contribúen a informar para formar, atentos a canto bate contra o ser humano e a xustiza. Xente pouco mediática, fóra da imperante cultura do espectáculo, por algo os medios infectados de incoherencia e oportunismo tamén os refugan. Creadores e creadoras que dignifican entre tanto fácil neoesperpento, que saben que hai moito que ensinar e de xeitos moi diferentes e sedutores. Que calibran a submisión, a deshumanización, que estamos robotizados polos edulcores do oficialismo, das burocracia, da rutina e dos supermercados para converternos en adictos consumidores, coa base das tradicións adulteradas.

Lois Dieguez é monfortino, do barrio dos Chaos, encrucillada baixo as sombras e as luces da torre e do mosteiro bieito de San Vicente do Pino, das xeometrías clásicas das fundacións dos Condes de Lemos e duns trens que asubiando van e veñen. Un de oito irmáns con camiños moi diferentes, sobriños de cura que vai de parroquia en parroquia polas terras de Lemos. Neno de latíns, inducido polo bieito padre Marcos para ser frade e santo, polo que é enclaustrado no colexio do Mosteiro de San Clodio no Ribeiro de Avia... do que fuxe. Estuda bacharelato en Monforte e ten como profesor a Manuel María, dende entón prende e acéndese esa galaxia de “na fronte unha estrela, no bico un cantar”. Segue estudos de Enxeñería Técnica Topográfica en Madrid, que inspira a súa “Torre de Babel”. Súmase ao Clube de Amigos da Unesco, onde se atopa e afortala ideas con Bautista Álvarez, con Ben-cho- sey e outros unidos por Galiza fronte ao gris e aos pelotóns da ditadura. Anos do Servizo militar e de insensibilidades retratados en “Galouz-Z”. Exercerá a súa profesión de topógrafo no Concello de Lugo, calibrando tamén as engurras da faciana de Galiza. Deputado polo BNPG/PSG no Primeiro Parlamento Galego, do que é expulsado xunto cos seus compañeiros de grupo por coherencia cos principios do nacionalismo galego. Colaborador no Progreso, en A Nosa Terra, na Radio, no Terra e Tempo. Creador e animador da Asociación de Escritores en Lingua Galega, do grupo poético Circulos Líticos, Lugo Patrimonio...

Lois Diéguez, arredor dos anos oitenta constrúe , feita por el e a súa medida e da irmán Carme, un pequeno paraíso nos montes de Orbazai, baixo a Penarrubia do Castro, por onde se pon o sol, observatorio da paisaxe e da paisanaxe, onde cada maña o leal can Buxo petaba na porta para que lle puxeran música... Pero a inesperada morte de Carme nun paso de peóns de Lugo, a inmensa soidade, e sen mirar para atrás, empúxano a deixar aquel couto ideal e mudarse ao Monte Alto da Coruña, onde agora abre xanelas ao océano e aos estralampos do Faro de Breogán, ao Seixo Branco dos bos agoiros lugrisiáns, cabos ártabros que coutan cidades asolagadas...

Lois Diéguez foi un dos “Novísimos” da antoloxía da poesía galega que dicía a profesora Maria Victoria Moreno Márquez, autor de expresivos títulos en poesía como, “Álbre da Esperanza” (1966) “Canción pra un agromar branco e azul” (1968), “O Ferro dos días” ( 1982) “Ónfalos” (2001), definitorio homenaxe cosmogónico a súa irmá Carme e o fin dunha etapa feliz en Orbazai. En prosa de “A Torre de Babel”, 1968, “Tempo sen Saída” (1972) “Galou-Z 28” (1976) pola que recibe no 1975 o Premio literario da Casa de Galicia de Bilbao . “A Canción do Vagamundo” (1986) Premio Blanco Amor, “Artusa” (1989), a triloxía sobre un mundo íntimo, o ser humano fronte á opresión, a submisión e a luz da esperanza nun ambiente en claroscuro: “Monólogos do Espello” ( 1993), “Tres Sombras Góticas”, “Henriqueta na Galería”, as que teima ollar nunha nova edición conxunta. E sempre o homenaxe ás súas orixes: “Viaxe ás Terras encantadas de Lemos” ( 1999) “A Casa de Galiaz” (2003). “O Canto do muecín” (2007) é un novo homenaxe á irma Carme e ó Oriente inspirador nunha enguedellada e metafórica odisea entre o impacto de culturas, Oriente e Occidente. “A Poutada do Oso” (2011) arredor das tradicións que abren á primavera nas portas do Courel en diálogo co hoxe... “Lugo a Cidade dos tesouros encantados “(2014) un paseo interactivo pola cidade en compaña dos Catro Elementos e dos seus persoeiros.

Lois Diéguez sempre ten algo que facer, que ensinar, co que contrastar ideas. Ben merece agora e de vello esa competente navalla de tres estralos de Manuel María: o de Galiza, o da vida e o da palabra, coa que seguir a afiar a sensibilidade, esa luz que ansiamos.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.