A monarquía protectora e constitucional
A monarquía española, institución trasnoitada e fora de lugar nun sistema democrático, está a ser atacada por diversos elementos sociais, o pobo non a quere nin respecta tanto coma antes, os medios de comunicación convertéronse na pantalla onde se amosan as irregularidades, incompetencias e abusos cometidos polos membros da familia real. Os partidos políticos están divididos en dúas categorías: os que rexeitan a monarquía e suspiran pola volta dunha nova etapa republicana e os que a defenden, que cada vez son minoría.
Para protexer á monarquía empregan algunhas forzas políticas a Constitución do ano 1978. Queda así vinculada a figura do rei á Constitución, algo que resulta cómico se temos en conta a actitude que o primeiro rei constitucional, Fernando VII, mantivo con respecto á Carta Magna saída das Cortes de Cádiz.
A entrada no territorio español de tropas francesas en 1808 e a detención tanto da familia real como do goberno daquel momento provocou unha ausencia de poder que é inmediatamente ocupada polas xuntas de goberno (locais, provinciais, do reino e central) sendo elas as encargadas de organizala loita e posterior expulsión do francés. De toda esta nova organización política xurdida trala invasión francesa sae o convencemento de que é posible gobernar sen un rei absolutista e da necesidade de imprimir na sociedade clasista dese momento unha serie de cambios. Tales como a perda de privilexios dos nobres e clero e un avance no proceso de igualdade de dereitos que se verán reflectidos na Constitución aprobada o 19 de marzo de 1812. Todo prometía felicidade, pero chegou o mes de abril de 1814 e con el a chegada ao territorio español do rei preso, de Fernando VII, ao que a historia bautizou como O Desexado.
O día 12 de abril recibe o monarca O manifesto dos Persas, un documento no que 69 deputados das Cortes se encargan de desmontar as liberdades que aporta a nova Constitución e reclaman a instauración do Antigo Réxime, vamos que o que queren é que todo permaneza igual que estaba no ano 1808. Non debemos esquecer que dos 69 deputados que firmaron ese documento 10 eran galegos. Se temos en conta que nas Cortes Galiza tiña 11 deputados podemos saber inmediatamente que pensaban os nosos representantes da Constitución, que a semellanza do que acontece hoxe en día non é o que pensa o pobo.
Apoiado neste documento, o rei desexado, proclama, o día 4 de maio de 1814, nula e carente de valor a Constitución aprobada en 1812. En Galiza as forzas que apoian ao monarca, nobreza e clero, son as mesmas que sairán beneficiadas en detrimento da masa xeral, que parece que non tiña valor algún.
O monarca emprega para acabar ca Constitución e co estado das liberdades unha serie de decretos entre os que salientamos o do día 20 de maio segundo o cal se lles devolvía ás ordes regulares tanto os seus conventos como as propiedades perdidas. Tampouco desmerece o do día 30 de xuño que ordena restituír no seu cargo a tódolos alcaldes que estaban en funcións no ano 1808, desautorizando tódolos concellos constitucionais. Na primeira quincena do mes de xuño, mediante os decretos do 3,5 e 15, restablece os Consellos Real, de Cámara e o de Guerra, un elemento característico do Antigo Réxime. Outro decreto saído o día 15 suprime as Deputacións Provinciais e o do 17 restablece as probas de nobreza como elemento indispensable para poder acceder á carreira militar, como se ser nobre fose sinónimo de ser bo militar. O día 21 de xullo restablece o tribunal da Inquisición, o que permitiría volver a controlar todo tipo de pensamento.
Todas estas medidas foron tomadas para acabar co réxime constitucional e todas elas foron avaladas e auspiciadas polo rei Fernando VII, o mesmo que xurara acatar e respectala Constitución. Pero todas estas medidas tan só eran a primeira parte do plan, a segunda sería moito máis dolorosa e persoal. Tratábase da limpeza dos elementos liberais do novo estado absolutista que se estaba a crear. Comezaron as depuracións, a mera denuncia por parte dunha persoa vinculada aos absolutistas servía para iniciar un proceso de purga, que case sempre remataba co apartamento do cargo que se desempeñaba ou ben no encarceramento, sempre e cando o reo non decidise expatriarse de antemán.
Prohíbese inmediatamente todo tipo de manifestación popular pro liberal, o bando publicado polo concello de Santiago de Compostela o 18 de maio de 1814 é un bo exemplo para comprender o que estaba a acontecer no resto do noso país. Nel o Concello, despois de amosala súa alegría polo retorno do rei e afirmar que baixo a man férrea e paternal do monarca tan só se poden alcanzar bens para o país, ordena o seguinte: “dende logo prohíbese toda roda, balbordo e descontento, baixo a pena do máis severo castigo aos contraventores; non poderán reunirse máis de catro persoas pola noite, trala publicación desta decreto formaranse “patrullas de honrados habitantes” que percorrerán as rúas e prazas para evitar calquera desmáns”.
En Santiago a chegada do rei foi festexada con bombas de palenque e fogos de artificio mentres se paseaba polas principais rúas un cadro do monarca acompañado polas autoridades políticas, eclesiásticas e militares da cidade. En Tui os rapaces da alta sociedade arrastraron polo chan o libro da Constitución para posteriormente representar unha pantomima das Cortes de Cádiz na que os deputados recibían golpes. En Ourense foise un pouco máis aló e as forzas absolutistas obrigaron ao xefe de armas e ao trompeteiro da cidade, o primeiro fora o encargado de publicala Constitución e o segundo de anunciala, a ir polas rúas desdicíndose das súas palabras e condenando a Carta Magna que anunciaran con tanto xúbilo dous anos antes.
Trala confección de listas de xente de pensamento liberal que debía ser arrestada e encarcerada comezaron os asaltos ás casas dos que aparecían nesas listas. A diferenza dos escraches actuais os absolutistas non se quedaron berrando á entrada das casas dos liberais, romperon as portas e roubaron todo o que quixeron, coa inmunidade que as autoridades municipais e militares lles garantían.
Unha vez que o rei acabou con toda reminiscencia da Constitución, que reprimiu todo sentimento liberal, que continuo vivo pero na clandestinidade, dedicouse a acabar cun poder que aínda continuaba vivo, a nobreza e a igrexa.
O rei, despois de ter prometido, mediante a publicación de reais decretos, que ía devolver os dereitos xurisdicionais, de que ía reimplantar o tribunal da Inquisición ou devolverlle os conventos e as terras ás ordes regulares non fixo nada. Traizoa tamén aos que o mantiñan no poder, ás forzas absolutistas, que atoparán no seu irmán Carlos a resposta para as súas necesidades, feito que desencadeará a primeira das tres guerras carlistas. Como dicía ao principio do artigo resúltame irónico que a monarquía se apoie na Constitución para manter o seu actual status.
O actual goberno do estado é moi consciente de que se permite abrir un debate sobre cambiar calquera lei que apareza na Constitución non só caerá a monarquía senón que as reformas que se ían solicitar serán tantas que farán necesaria unha nova Constitución,algo que non interesa nin aos sectores máis conservadores da nosa sociedade civil, eclesiástica ou política.