A lingua popular e a xeración de novas palabras: enxebridade e enxeño
Entre os moitos temas que desenvolve, a excelente Estilística da Lingua Galega (2013) de X. R. Freixeiro Mato dedica unha sección aos valores expresivos da prefixación. Con efecto, tratando os morfemas nocionais, o coñecido lingüista pondera o que el denomina “creacións populares” en exemplos como descomer, descasar ou desengordar a sinalar o seu “rendemento expresivo”. As palabras do catedrático da Universidade de Coruña salientan, así as cousas, que o galego popular posúe recursos que o dotan de singularidades notábeis na formación de palabras, de certo moito interesantes no ámbito da expresividade coloquial e tradicional. Neste contributo imos comentar, pois, algunhas das características que presenta hoxe en día ese léxico que, sendo considerado adoito como vulgarismo e non estando normalmente coleccionado en dicionarios, denota porén unha grande enxebridade en determinados rexistros. Centrarémonos para iso no morfema des-, o cal, costumando ter os valores de negación como principais significados, noutros casos adquire matices de intensificación con determinados elementos a que se xunta, segundo se verá máis abaixo. Non faremos referencia, como se torna obvio, a vocábulos que xa están asentados na lingua habitual en palabras do tipo desandar, desanimar, descansar, descravar, desfacer, desmarcar, desparafusar, desvivir etc., mais a esas entradas vocabulares de uso minoritario que se sitúan en moitos casos nas fronteiras do gramaticalmente aceptábel.
Quizais nunha das principais cuestións en que haxa que incidir é nas faixas etarias en que se documentan. Así, en primeiro lugar, vai ser en xente de idade onde se detectan de preferencia esas palabras que, puntual ou permanentemente, son usadas en contextos marcados por unha utilización coloquial dos recursos da lingua: pensamos en voces como descasar (‘divorciar’), desengordar (‘enmagrecer’), desfechar (‘abrir’) etc. As variedades lingüísticas do galego da xente idosa, aínda faltas dun estudo amplo que as particularice a respecto das modalidades das persoas máis novas, van protagonizar, por tanto os rexistros onde máis se detecten tales formacións. Con frecuencia, sabemos que eses falares están menos contaminados polo español que os da mocidade, cando menos no tocante a cuestións sintácticas ou fonéticas, e aquí parece que a posibilidade de xeración de palabras co prefixo des- mantén os seus niveis de galeguidade popular moito mellor que nas xeracións de persoas adultas, en que tal hipótese non se manifesta coa mesma frecuencia. E en segundo lugar, convén aquí salientarmos que no léxico das crianzas tamén se rexistran ocasionalmente formacións vocabulares desta índole que devagariñan até desapareceren cando as nenas e os nenos interiorizan o que se coñece como lingua estandarizada: é o caso de formas como desdurmir (‘deixar de durmir’, ‘acordar’), desfalar (‘parar de falar’), deslavarse (‘parar de se lavar’), deslimparse (‘deixar de estar limpa/o’) etc. Dá a impresión, por tanto, de que o hiato da maturidade afasta particularidades morfolóxicas rexistrábeis nos primeiros anos de vida e nos derradeiros, como se se tratase dun retorno á infancia nestes termos.
Loxicamente, ao estaren esas formacións lexicais en rexistros denotados pola coloquialidade, van acharse en compilacións de literatura tradicional, pois estas recollen variedades coloquiais e locais cunha grande dose de verosimillanza lingüística. É o caso, por exemplo, do cancioneiro de Pérez Ballesteros, dado a lume entre os anos 1885 e 1886 do século XIX, en que lemos mostras como as seguintes: Si soupera quen ti eras / en facerme desquerer / non ch’houbera feito caso / d’outros amores non ter (vol. I); Bóta, si tès que botar / bóta, si tès que botar; / qu’inda teño un saco cheo / outro por desvaleirar (vol. III); Vámonos d’aquí, meu ben, / aquí n’habemos d’estar; / facemos desconveniencia / à quén quer parrafear (vol. III); etc.
Mais, na realidade, un recurso da lingua destinado á xeración de novas palabras cunha relativa rendibilidade non vén de novo, mais antes dá para pensarmos que ten de contar cunha longa e vizosa traxectoria na lingua. Así, non só o achamos en textos de extracción popular do Rexurdimento, conforme se acaba de ver, mais, se continuarmos ese itinerario histórico, verémolo documentado na lingua literaria medieval, o que lle confire a celebración de moitos aniversarios: dentro da poesía galego-portuguesa do Medievo, acharemos como o xogral Lourenço, por exemplo, nos transmite uns versos como os seguintes: ena hũa vay-o escarnezer / con seus cantares sempre en sseu son, / ena outra vay de min desloar (tirado de Lírica profana galego-portuguesa, vol. II, 1996); Quero que julguedes, Pero García, / d’antre min e todolos trobadores / que de meu trobar sson desdezidores (Ídem, vol. II, 1996); Fernán Páez de Tamalancos, por seu turno, deixou escritas estas rimas: Non sei dona que podesse / vale-la que eu amei, / nen que eu tanto quisesse / por senhor, das que eu sei, / se a cinta non presesse, / de que mi lh’eu despaguei / e por esto a cambei (Ídem, vol. I, 1996); e Pero da Ponte, por súa vez, clarexa nunha cantiga de “maldizer” a súa opinión sobre o poeta Sueiro Eanes: c’a Sueyr’Eanes nunca lhi fal / razon, des qu’en el despagado vai (Ídem, vol. II, 1996); etc. Vemos, pois, como se trata dun mecanismo de xeración de palabras xa retrotraíbel á nosa literatura medieval.
Por outro lado, xa dunha perspectiva actual, achámonos con que unha grande parte das situacións en que se documentan estas formacións está vinculada a usos individuais. Caso os novos vocábulos sobordasen ese uso puntual e conseguisen así ser utilizados en máis ocasións, están asociados comunmente a variedades idiolectais ou, no mellor dos casos, a grupos pequenos de persoas. É certo que algúns, como é o caso de descomer ou desquerer, son talvez coñecidos por un universo de utentes algo máis largo, mais outros, cal desdoer (‘deixar de doer’), desmatinar (‘parar de matinar’) ou despensar (‘parar de pensar’, ‘pensar o contrario’) asentan nun emprego moito máis restrito. E vira bastante probábel que rara vez ou nunca sexan utilizados alén deses reducidos colectivos de falantes.
Outrosí, o comportamento máis habitual do prefixo des- na liña do dito máis arriba costuma exprimir valores considerados normalmente non positivos (afastamento, negación, oposición, supresión etc.), que é o que se atesta na maioría das formacións a que levamos feito referencia: desbaleirar, descasar, desengordar, despensar, desquerer etc. Nalgúns casos, no entanto, encarrégase de intensificar o significado fundamental da palabra a que se adiciona. Nestes medios, non deixan de ser rechamantes formacións como desaqueloutrar ou desaqueloutramento a teor da amplitude (e tamén vaguidade) semántica de aqueloutrar ou aqueloutramento; repárese, a modo de exemplo, nas seguintes mostras e poderase verificar o valor enfático no segundo dos casos: A equipa de futebol ficou aqueloutrada pola derrota / A equipa de futebol ficou desaqueloutrada pola derrota.
Como é obvio, esta capacidade de xerar novas palabras para un uso quer ocasional, quer duradoiro, está tamén presente nas outras variedades da lingua. A ríxida norma lisboeta, esa que leva condenado todo canto non tivese a súa orixe lingüística nas elites cultas do eixo Lisboa-Coimbra, olla con receo ese léxico dialectal e popular que se forma, igual que na Galiza, acudindo á expresividade dos rexistros populares: tal é o caso de voces como desavessa/o (‘fóra do normal’), desenfadar (‘causar enfado’), desengraçada/o (‘antipática/o’), despiorada/o (‘mellorada/o’), desquebrar (‘deteriorizarse’) etc., que son varias das entradas que recolle V. Fernando Barros no Dicionário dos Falares de Trás-os-Montes (2002). Por súa vez, do outro lado do oceano, o contributo clásico de G. Chaves de Melo A Língua do Brasil (1945) daba conta de voces comúns a Portugal e ao extenso país americano no caso de formacións cal desapartar (‘apartar’), desapiar (‘apear’) etc. E, igualmente, N. Sant’Anna Martins, na súa Introdução à Estilística (2000), a sinalar que o prefixo des- aparece non raro en formas expresivas creadas polo pobo, achega como exemplos, entre outros, desviver, desnascer ou despreferência, a que tamén acrecenta formas tiradas da literatura contemporánea, cal despresença, desbenefício, desesquecido ou desamizade. En resumo, parece verificarse a mesma tendencia para a formación de novos vocábulos na lingua coloquial a ambos lados do Atlántico na variedade galega, lusitana e brasileira do idioma.
Unha vez xa neste punto, talvez debamos pór en valor todo ese manancial expresivo que, como a lingua, tamén se acha nunha situación pouco favorábel. Non se trata aquí de reivindicarmos unha libérrima formación de léxico capaz de asolagar determinados campos lexicais, segundo a vontade dos utentes. A nosa demanda consiste, en calquera caso, en facermos un chamamento para que toda esa expresividade tradicional e popular non desapareza, sempre asociada, como é lóxico aos rexistros en que pode ser empregada: así como hai marcas gramaticais tipicamente galegas que denotan esa autenticidade lingüística en contextos quer tamén coloquiais e populares (como a recorrencia ao sufixo nocional -iña/o, ao dativo de solidariedade, ao dativo de interese etc.), quer noutros máis xerais (infinitivos flexionados, futuros de subxuntivo etc.), unha boa praxe da lingua ten de ser capaz de tirar rendibilidade a todos eses recursos que ten o idioma. Contra a liña de certos programas televisivos, pode falarse un galego popular e fiel a si propio sen acudir ao vulgar e fácil camiño da súa españolización e sen renunciar a todo ese manancial estilístico propio de situacións comunicativas máis desenfadadas. E pode, igualmente, utilizarse unha variedade apta para rexistros máis formais, en que obviamente non tería cabida o léxico que inspirou este contributo, tamén destonada da influencia do español.