A ilusión democrática
A primeira "democracia", a ateniense", parecíame de rapaz un xogo de palabras. A polis era "propiedade" do "demos", un dos tres sectores sociais; escravos e metecos quedaban excluídos. Traducir "demos" por "pobo" é grave engano.
Ao estudar Historia Antiga, aquela democracia grega relucía; nin sequera a República romana lle facía sombra, inda que tal república mostrase un carimbo atractivo fronte á monarquía e o Imperio. A democracia ateniense era un meteoro na historia da humanidade; po era máis unha ilusión que unha demostración avanzada de igualdade social.
Nos séculos XVI-XVIII, cada "utopía" política lembraba ese meteoro para perderse en soños "platónicos". Tempos eses das "monarquías absolutas", todas a anos luz dun aterraxe igualitario.
A contemporaneidade ábrese con experiencias republicanos en USA, Europa. É a Revolución Francesa quen presenta a vontade dunha democracia, dunha república de cidadáns, do pobo soberano. Aquí pobo non é un sector social, pretende ser o cidadán e obriga a camiñar cara a supresión da escravitude.
É fermoso acompañar á tal revolución que interpreta como democracia á república romana e se debate en proxectos ata deseñar gobernos elixidos pola poboación. O estudante de historia aprende na RF que ensaiou todo canto foi posteriormente intentado até hoxe.
Mais a burguesía que liderou aqueles movementos sociais revolucionarios, utilizou todos os medios para que os sanculottes colaborasen na destrución da nobreza e no remodelado do clero. Serviuse dos mass media, do exército etc para aniquilar ao campesiñado e ao proletariado e deunos dous séculos de capitalismo. Pois inda así, o XIX foi un século de esperanzas democráticas que o XX enterrou na "barbarie colonial": o século máis violento da historia.
Houbo nos anos, 1945-1970, un intento de capitalismo de rostro humano: uns gobernos keynesiáns e os paralelos socialdemócratas. E volveu ao corazón dos seres humanos a esperanza dunha "democracia", non á grega, nin á romana, nin á da Revolución francesa; dunha democracia económica, participativa etc. Ese era o fondo do maio do 68: unha revolución cultural, de cambio de mentalidade, de "humanidade".. Todos os humanos somos dunha igualdade tal que podemos e deberíamos querer organizaren o planeta como humanos.
Que pasou para que á época dourada sucedese a monetarista, a que agora saquea o planeta e goberna desde mentalidade parecida á dos "burgueses censitarios"?. Aqueles burgueses caníbales que aniquilaron no 1848, no 1871 etc a milleiros de revolucionarios demócratas?
Mesmo nos anos 60 a Igrexa Católica realizou un concilio de rectificación: do doutrinarismo ao diálogo, do verticalismo ao colexialismo, dos mitos á ciencia, das devoción á o seguimento da liña de Xesús de Nazaré.
Tal época dourada" está nos ollos de milleiros de seres humanos razoábeis, demócratas.
A gran batalla da RF, das revolucións do 48, do 71 etc. era por unha democracia do pobo, da humanidade de respecto a todos, de dereitos comúns, de vida humana e de gobernos elixidos sen trampa nin manipulación.
Todo foi unha ilusión? A "ilusión democrática" é unha trampa saducea; até agora non existiu democracia; só intentos democráticos; só concesións ao pobo. Mais a democracia é o pobo "quen máis ordena". Temos perante nós todos os camiños para non deixarnos de novo engaiolar por "ilusións democráticas". É hora de conquistar a democracia humana fronte á "Ilusión democrática" que ofrecen os neoliberais.