“A derradeira lección do Mestre” que non prescribe:SEMPRE EN GALIZA

“A derradeira lección do Mestre” que non prescribe:SEMPRE EN GALIZA
Mitificamos persoas, cousas, feitos... isto é convertémolos en mitos, e os mitos xa se sabe, comportan ao seu redor unha aura de fabulación, sobredose de valoración e distorsión tamén. Aínda así todos os pobos presumen e enxalzan os seus mitos, sen faltar os que os deturpan, fan chiste fácil deica convertelos en esperpento, parte do retrato do colonizado. “ O difícil é facer coa arte dos canteiros o Pórtico da Gloria” tamén dicía iso Castelao. Nación de Breogán, país do buscado e mitificado Grial e do que se fai escudo, onde ten sepultura o íntimo amigo do Cristo e do que se fai guerreiro imperial... de mulleres rebeldes que mantiveron esencias da casa e da Terra... tamén de adaís, de servís capataces e caudillos ebrios de imperios e que mellor nin lembrar... pero tamén doutros que engrandeceron a terra e a súa cultura, o Padre Sarmiento, Murguía, Rosalía e todo o Rexurdimento do seu redor, Risco, claro que si, denantes de ser torturado e amedrentado pola familia e por suposto Castelao, todos co seu mítico nimbo na galaxia dunha Alba de Gloria.

Galiza, aculturada, anómica, sometida a unha profunda crise de identidade cos seus conseguintes efectos, onde pese a que tantas veces se teña dito que é “Pais do rio Letheo”, propenso ao esquecemento... e pese tamén en que cada acontecemento se peche cantando un himno que suplica “non deas a esquecemento da inxuria o rudo encono”, non so segue a esquecer a súa mesma orixe, isto é a súa distintiva orixinalidade, a identidade construída na súa Historia, senón a esfaragullala, detrupala até ser difícil de reconstruír.

Castelao dedicouse a iso, e tan potente, tan cargada de coherencia resulta a súa evolución vital e a súa obra, que todo intento por desactivala e rexionalizala cae no ridículo. En Castelao todo conduce ao Nacionalismo Galego e ao humanismo. “A derradeira lección do mestre”, a derradeira obra de Castelao, o seu testamento pois, reclama e quérese con todas as estampas e albumes que denuncian a barbarie da guerra e dos que morreron por unha Galiza ceibe.

Baixo o epígrafe de “Castelao Maxistral” e a aclaratoria de que a “a boa obra ao mestre honra”, que mesmo puidera ser a tan marxista como cristián de que “polas obras coñecerémolo”, dende o 5 de outubro até o 3 de marzo deste 2018, móstrase baixo a monteira deconstruída do edificio do Museo da Historia de Galiza do Gaias, este xeito de testamento, o óleo de Castelao “A derradeira lección do mestre”, insistencia en non dar a esquecemento da inxuria o rudo encono, cando o golpe de estado e a ditadura imposta levou ao paredón, ás cunetas, ás cárceres, ao exilio, á tolemia, ao medo, ao silencio e a unha longa de pedra a moitos “bos e xenerosos”, a tantos homes e mulleres galegas, a progresistas e liberais.
Dende que vimos este lenzo de gran formato, hai décadas, nun cuarto do Centro Galicia de Bos Aires, sentimos e pregoamos que era como o noso humilde “Guernika” , falámolo con Pilar García Negro, comentámolo tamén con Manolo Rivas, así anda ciscado en artigos e así seguímolo a dicir, asumindo que, entre os marxinados, a comparación co xa consagrado ten maior pegada. Retrato dunha guerra fraticida onde a igrexa significaba a reacción, o feudalismo campante... e os mestres republicanos a liberdade, o progreso.

Unha exposición arredor dunha estampa, dunha lección a espallar

O comisario da referida exposición, non podía ser outro, é o vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, quen leva anos recollendo, clasificando a inmensa obra de Castelao, tarefa prioritaria que non souberon facer nin apoiaron tantas universidades, institucións e organismos apelidados “de cultura galega”. Ben se enxerga que esta é mostra feita sen demasiado apoio económico; quizais o máis custoso foi traer, embalar, asegurar e devolver o lenzo de gran formato (218 x 157cmts ) de Castelao, enmarcado humildemente.

Obra sen máis obxectivo que o de toda obra de Castelao, impactar, concienciar co elemental ao espectador. Deica agora protexida, como algunhas das derradeiras pertenzas de Castelao no “Centro Galicia de Bós Aires”, na actualidade sede do Colegio Santiago Apostol, herdeiro do Centro Ourensán, a colectividade que acolleu, amparou a Castelao até os seus derradeiros días e ao que lle deixou que lle quedaba e as súas derradeiras inquedanzas, a mesmo que fixo posible a publicación de “Sempre en Galiza”.

Sabemos que non todo e todos valen pra estas xestións diplomáticas de traer, levar ou devolver a Galicia anacos da súa mesma Historia. Sabemos das xestións pra este préstamo temporal, da silenciada mediación de Aurelio Miras Portugal, coñecedor da emigración galega con José María Vila Alen e toda esa saga de emigrantes xa descendentes de galegos que buscan un anaco do Corpo ou Alma da Galiza dos seus devanceiros, onde enredar un adn de morriñas, proba da Nación negada.

Dende os inicios do golpe de Estado e da guerra, o deputado Castelao refuxiase con Virxinia en Valencia, emprégase en ilustrar e espallar a dor que enxerga e que o envolve, entre tanto o proceso, a prisión e asasinato de Alexandre Bóveda... Acontecementos que expresa nos álbum de estampas de Guerra, “Atila en Galiza”, “Milicianos”, no de “ Galiza Mártir” inclue a estampa á que no 1945 volverá pra facer dela un gran lenzo, a “Derradeira lección do mestre”: o rostro do Mestre morto é o de Bóveda, pero puidera ser o de moitos outros que estaban naquela alboreira sementeira de galeguidade, mestres nacionalistas e republicanos incluídos que de ser adorados polos seus alumnos e polo encirrar con arengas fascistas dende os púlpitos tamén pasaron a ser acantazados, como recolle Manuel Rivas na “Lingua das bolboretas”.

A lección do “Sempre en Galiza”

Fondo e forma conflúen: o mestre asasinado, tendido no chan, sementado a Terra co sangue da súa testa; dous neniños, dos alumnos seus, un maior, outro menor - quizais falta unha nena – rillotes dos que tanto gustaba debuxar Castelao que significan a esperanza, os “superviventes”, abrazados nun, fanse preguntas... Expresionismo trazado en gamas, manchas brancas, ocres, grises e negros. Non precisa máis: no fondo un toque de esperanza entre sombras, sempre as sombras galegas, inacabadas: o mestre asasinado no camiño, nunha encrucillada que leva a algures, como indica un marco, e sobre del, ergueitas ao ceo, dúa carballas, agaiadas, decotadas, esmoucadas, como facían antes pra aproveitar a leña...pero dos seus tocos castrados agroman novas ponlas... E para non dar lugar a outras interpretacións, Castelao, fai como facía sempre, complementar a obra coa aclaratoria escrita, ao pe, de que é “A derradeira lección do mestre”, aquel mesmo mestre que inspirou e a quen lle dedica a súa “summa” ideolóxica, o “Sempre en Galiza”, Alexandre Bóveda. Teoría política do nacionalismo, páxinas escritas en diferentes periplos, orixinal, como tantas cousas de Castelao exposto no Museo de Pontevedra e que pra iluminar mellor o maxisterio desta exposición non debera faltar nela, inscrito, envolto nunha estrela, a carón e como enciclopedia elemental, complemento do lenzo de Castelao.

Lenzo agora exposto en ambiente luminoso, entre cortinas brancas, sen escenografías...tampouco pide máis, aínda que pola significación e realce da obra o ambiente do cadro en cuestión debera ser escurecido, para enxalzar unicamente a gran estampa, como un aturuxo de luz.

¿E aqueles nenos que enxergaron a derradeira lección?

Importante mérito xa é traer, aínda que sexa temporalmente esta mensaxe, de expoñela tamén. Quizais campara mellor semellante obra de denuncia, multiplicando a lección, sobre o oco, como unha xanela, que se abre sobre o mesmo sartego de Castelao na igrexa de Santo Domingos de Bonaval... Asociala cos que morreron por levar na fronte unha estrela e no bico un cantar. Pero non lle poñamos tachas, como diría o mesmo Castelao, abramos xanelas a partir desta derradeira e imperecedoira lección, mesmo suplicando o seu retorno definitivo a Galiza, onde ten e terá sempre senso de ser...e ogallá a acompañe tamén - dende Montevideo, no Uruguai, onde se custodia no Centro Galego - a escultura de Asorey “Raza”, a que por ocultar a súa significación de muller galega, sobrevivinte ao traballo, ás tradicións... espida, nimbada polo xugo e o pano que lle cobre a testa, deron en poñerlle o sobrenome de “Santa”. Anacos de Galiza con ética e estética.

Derradeira lección, estampa á que non debera darse esquecemento, pra do mito devolvela a súa mesma realidade, seriala e espallala, como quixera o mestre Castelo e mesmo aqueles neniños xa medrados, os que aprenderon a lección dos mestres, bos e xenerosos asasinados...e esa parte falta na mostra. Pois entre aqueles nenos ou mociños nos que caeu a sementeira estaban Isaac Díaz Pardo, Seoane e tantos outros que empregaron o seu saber pra seguir o camiño... ¿en que quedou a lección do seu esforzo por dignificar e devolverlle a imaxe de Galiza a través de novos seminarios de galeguidade como Laboratorio de Formas, ¿ula a lección dos que serviron de ponte de Castelao a nós, os que hoxe seguimos sendo?.