Ao amigo Alfonso Blanco Torrado, convalecente en Láncara por culpa desta pandemia que aínda nos acosa, desexándolle unha pronta recuperación.

Xosefa Cabado López, A Regueifeira do Cando

Xosefa Cabado López
Xosefa Cabado López
Xosefa Cabado López, A Regueifeira do Cando

Xosé María Díaz Castro dicíalle nunha carta a Celso Emilio Ferreiro en 1955: Toda poesía ha de ter certa doses de misterio, de fermosa inaccesibilidade e segredo tentador indescifrable, porque a poesía é sínteses. Non necesitamos comprendela totalmente para admirala. Quizás por iso eu gusto da poesía, aínda que non son un entendido, e sempre me gustou a troba popular, as regueifas e os poetas populares; os versos retranqueiros que facía meu pai cando quería chancear con un veciño ou veciña. Por exemplo cando o raposo facía das súas:

  O raparruceiro comeulle a Rato
  nove galiñas no galiñeiro,
  e na porta deixoulle escrito cos pes:
  Non che como dez porque non as tes!.
  Pero o galo díxolle ao raposo:
  Ti a min non me escarallas,
  que eu escapo pra Pena das Grallas.

Como meu pai había moitas e moitos regueifeiros nesta zona chairega de Guitiriz, pero os verdadeiros mestres eran Xosefa Cabado López, A Requecha, nacida no Cando de San Salvador de Trasparga no 1920, onde finou tamén o 31 de Marzo de 2018, e Manuel García López, mais coñecido como O Reinote, ou como O Capador de Sesulfe, que faleceu na súa aldea natal o 21 febreiro de 2021 aos 92 anos.

Penso que compre rescatar esta poesía popular destes dous personaxes e recuperar este patrimonio cultural inmaterial, estas formas de expresións vivas de tradición oral que nos foron transmitidas polos nosos antepasados e sinto unha san envexa dos vascos, pois todos os anos fan un campionato de regueifeiros (ós que chaman bertsolaris) e acoden a escoitalos na final mais de quince mil persoas.

Por iso lle falei a Alfonso Branco Torrado, de ir sacarlle fotos e gravar en vídeo a Xosefa Cabado recitando os seus versos e alá nos fomos os dous para o Cando o 3 de abril de 2012. Ao rematar a gravación (parte da cal se pode ver ao final da película de Pacoja López Rodríguez, O Casón 25 anos despois) foi cando Alfonso pensou en facer unha revista con ese material, pois, como me dixo daquela, era unha filosofía diferente de entender a vida e que cumpría facer algo para dalo a coñecer.

Foi así como naceu a revista As coplas dun tempo de Xosefa Cabado, editada por Xermolos e que o lector pode descargar gratuitamente nese enderezo para ver case todos os poemas desta regueifeira, ao non poder poñelos aquí por falta de espazo e para non cansar ao lector.

Xosefa escolleu o seu idioma e a forma dialectal natural desta comarca para compoñer os seus versos e nese idioma fai unha obra de alta calidade poética cantando as cousas que pasan no mundo e na nosa contorna. Os grandes entendidos nesta materia poética, como Xurxo Souto, din que a señora Xosefa é unha grande mestra nestas artes, pois di que ao xeito de empezar e rematar un verso coa mesma palabra chamábanlle os antigos gregos epanadiplose, pero ela da un paso mais alá e emprega tamén a paronomasia ao poñer en relación dúas palabras de parecido significante e distinto significado:  

Cando me vaia do Cando
hei levar unha emisora.
Alí téñoche mais tempo
e falo coa familia toda.  

Tamén di Xurxo que a súa poesía íspenos de prexuízos e obríganos a ollar o mundo co sorriso da liberdade, porque ...nada humano lle é alleo. Así toca o tema erótico con total liberdade, como podemos ver nun longo poema ao capador de Sesulfe que chegou á súa casa cando ela estaba fervendo unha pota de auga.  

Agora que estou aquí,
na casa da Requecha,
moi ben me sentaría
unha ración de perrecha.
-Unha ración de perrecha...
A ti non che toca nada.
Téñoche a auga fervendo,
heiche cocer a caralla.    
    ..............  

Xosefa e o Reinote eran rivais nas regueifas e incluso levaron a cabo algunha regueifa pública e noutro longo poema titulado O capador anda a pé intenta burlarse del porque o lobo lle comeu a besta.  

O capador anda a pé;
o lobo comeulle a besta
no medio do pastizal
e alí fixéronlle a festa.
Os lobos tiñan fame,
case a comeron enteira,
tan so deixaron o rabo
e un pedazo de cacheira.   
      ..................

E noutros mais, como neste, no que fai referencia a unha casa de citas que seica houbo no lugar da Moscosa.  

Eu pagando e elas cobrando,
acabei os cartiños sin saber cando,
ferruxe tiña, ferruxe me queda,
acabei os cartiños
e mirei pra ela.        
  .................
 

Cando Alfonso chegou a San Salvador, aló polo ano 1976, empezou a traballar coa mocidade, fundou a Asociación cultural e xuvenil Xermolos que activaron a sociedade, á que fixo cambiar totalmente a referencia que tiña coa igrexa e a señora Requecha non foi allea a ese cambio; por iso fala del no longo poema A Capela de Bascuas deste xeito:    

Esta capela de Bascuas,
non che hai outra como ela,
preparouna o noso cura,
mesmo parece unha igrexa.
Renovoulle as paredes.
Mais tiveron que lousala.
Se non fora por Alfonso,
Estaba toda arruinada.   
        ...............
 

Alfonso foi quen espertou aos veciños e veciñas tocando as campás de todas as igrexas do municipio cando soubo que pretendían enterrar os bidóns do Casón no campamento militar de Santa Cruz de Parga; levantouse toda a xente e tiveron que levalos de alí para a fábrica de Alúmina-Aluminio en Cervo, e a regueifeira do Cando tamén quixo intervir nesa loita, utilizando a súa arma mais poderosa que é a poesía: 

Vouvos contar señores...
Hai que prestar atención!
Mandáronos vir de Holanda,
que os trouxo o barco Casón...
Mandáronos prá Coruña.
Tratos do gobernador.
Xa estaba ben enterado.
Se non tivera comisión
devolveríaos de contado.
      ...........  

O cura, que é don Alfonso,
tornouche do campamento,
non quixo alí os bidóns,
nin por fora nin por dentro.
 
No poema O cura que temos nós compárao cos outros curas:  

O cura que temos nós,
coma el non ha de haber.
Leva cinco ou seis parroquias
porque chas sabe atender.
Venche dunha, vai pra outra,
Non se pode descoidar,
anda gañando o seu pan,
porque non quere estafar.

          ................  

Sen embargo, no poema Os curas que había antes (antes da chegada de Alfonso) danos a entender que non eran da súa corda nin ían no seu carro á misa:  

Dos curas que había antes
ningún era santo.
Cando ían aos enterros,
canto mais roubo mais canto.
              ..............

Disque compraron dúas camas,
o cura e mais a criada.
Unha aínda a teñen nova,
e a outra téñena estropeada,
onde misan de noite
o cura e mais a criada.  

Á hora de ler a súa poesía tamén debemos ter en conta a Xurxo Souto cando di que eses poemas non foron feitos para ser lidos en silencio e que non se equivoque o lector, pois o aparente desleixo no acabado dalgúns versos é un problema noso e non da autora. Acadan a súa plenitude ao ser recitados ou, mellor aínda, cando se fan canción.  

Agora quedamos agardando con impaciencia a saída da revista sobre Manuel García López, O Reinote, que tamén está preparando Xermolos para recuperar os versos dese gran mestre regueifeiro, ...e viaxeiro!, que aseguraba:  

Fun a Parga e Guitiriz,
a Guitiriz e mais Teixeiro.
Hoxe fun ao mundo enteiro.