Volatilidade, aparencia e xestión do existente

Volatilidade, aparencia e xestión do existente

Sempre houbo na política unha certa distorsión entre o que se predicaba e o que se facía. Non tanto no que se refire aos incumprimentos do prometido como á distancia entre o prometido e o que se é capaz de facer. Mais agora, o problema xa non é só isto, senón tamén a proclividade a facer demagoxia sen cancelas, nas ocasións requiridas, é vez que se é constrinxido, acoutado, contundentemente limitado nos obxectivos, ou mesmo entusiasta defensor do existente, cando se trata da aspiración a gobernar. Nunha palabra, hai un discurso onde todo vale, se as circunstancias esixen confusión para pasar polo que non se é, e outro destinado a deixar claro que se está dentro da orde dominante, do deseño estabelecido e indiscutíbel. Esta combinación quere darse por natural, por máis que signifique a asunción, sen escrúpulos, dun oportunismo ilimitado, e evidencie, en ocasións, o vello sustento do que se vende como “nova política”.

Velaquí o problema. Vivimos momentos nos que a volatilidade oportunista, a banalización e o aceno teatral dominan o escenario político, como nunca. A frase feita, o idealismo retórico, o simplismo demagóxico dominan o discurso que, sábese, destinado a ser peneirado polos medios de comunicación, agravando aínda máis a súa futilidade. O caso é non falar da realidade, dos problemas e das súas causas, e das encrucilladas nas que a nosa sociedade, o noso pobo, en concreto, se acha, no contexto dun Estado español e dunha UE asfixiantes, así como das alternativas posíbeis. Parece que a finalidade da “nova política” é manter, aínda máis, a cegueira fronte aos problemas de Galiza e a súa causalidade. Dáme a impresión de que o andazo da aparencia ten atrapado até un estremo inaudito a todos os que abalan entre a retórica confusionista a mantenta e o afán por conseguir o poder institucional como obxectivo único. E as aparencias que agochan, neste caso?

O candidato á Presidencia da Xunta por En Marea, o xuíz Villares, deixouno claro na súa primeira entrevista coa contundencia dunha autoridade do aparello do Estado. Sentenciou a sacralización autoritaria do texto constitucional e do marco autonómico: “Dentro da Constitución, todo, fóra da Constitución, nada”. Abraia tan dogmática e excluínte expresión. É máis, non é só un problema de interpretación ou análise teórica errada ou, cando menos, discutíbel a que fai. Trátase do aval confesional a un texto constitucional cuxas limitacións antidemocráticas e cuxas consecuencias prácticas negativas se puideron constatar ao longo de case corenta anos. Algunhas delas foron denunciadas, de forma demagóxica e perrecorrido volátil, pola “nova política” na súa fase de despegue inicial. Xa non se lembran da necesidade dun proceso constituinte? Só foi unha cabriola para despegar con áurea rupturista? A aseveración do xuíz Villares lembra, como un eco retrasado, outras semellantes de Raxoi, Feixóo ou Pedro Sánchez…

,A súa perspectiva resulta tanto o máis preocupante aplicada ao marco autonómico. Para el é válido, instrumento adecuado para facer viábel Galiza en todos os aspectos, para dar solución aos seus problemas. A deficiencia ou a carencia é só unha cuestión de mala xestión. A única virtualidade que ten esta visión é a de ser homóloga á do PSOE, co que a dificultade para conformar un goberno alternativo na Xunta, de saíren as contas, imaxinamos, debe resultar pequena. O grave está en que esta valoración é tan falsa como anestesiante, e contribúe a seguir mantendo o pobo galego nunha inconsciencia suicida sobre o que necesita para saír da espiral de deterioro na que está inmerso. Segue apostando por unha acomodación conformista ao existente, a base de alimentar a ignorancia popular. Unha das cuestións de hixiene política máis urxentes é lograr que o pobo galego saiba como se financia a súa educación, a súa sanidade, os seus gastos sociais, as súas pensións, con que limitacións, con que restricións e por parte de quen….Confrontalo coa verdade de que ninguén lle regala nada, e máis ben é roubado e espoliado, facéndolle crer que non ten capacidade para valerse por si….Á luz destas evidencias, non xa doutras moitas, o modelo autonómico lle parecería unha fraude considerábel.

Non é de estrañar que o xuíz Villares se sinta encantado co que denomina sentimento galeguista maioritario na sociedade galega, maior, segundo el, que o sentimento nacional en Euskadi ou Catalunya. El saberá ao que se refire. En termos políticos hai que fixarse na cera que arde, ou propor solucións para a cera que arde ser máis. Porén, resulta cómico, por non dicir penoso, que un candidato dunha forza alternativa santifique a opinión maioritaria do pobo galego sobre si mesmo, incluídas as identificacións electorais. Polo que se ve, o galeguismo está limitado a unha adhesión culinaria e familiar, tal e como parece desprenderse tamén das campañas publicitarias de Gadis, e resulta, polo tanto, plenamente compatíbel coas forzas políticas españolas…

No ronsel compensatorio da “nova política” está a defensa da xustiza social e a axuda aos pobres e damnificados pola crise, o paliativo fronte ao capitalismo descarnado, o envoltorio ideal caritativo ou dun futuro prometedor, que o maxistrado non esquece naturalmente. Aliás, a xestión do existente pode dar para facer algunha reparación caritativa, pero non para loitar por un futuro distinto. Hai que ter obxectivos que responsabilicen o pobo galego de si mesmo, que o fagan acreditar na súa capacidade e contar coa competencias, con soberanía, para afrontar os seus problemas…

Neste contexto, o nacionalismo galego ten perante si moitos retos. O primeiro deles é non pretender con aparencias, e menos con volatilidade, facer avanzar a súa alternativa social e electoralmente, nunhas circunstancias de tanta confusión. Resulta vital enunciar os problemas e as súas causas, ofrecer alternativas, con claridade, enfrontar o pobo galego coas súas responsabilidades, indicando obxectivos prácticos. E, desde logo, facer ver, con intelixencia e de forma apropiada, que Galiza non cabe na faixa constitucional española nin hai solución aos nosos problemas vitais no marco estatutario. A xestión do existente, de facerse con criterio democrático e aspiración a modificar a realidade a prol das maiorías sociais, levará a un conflito permanente co deseño constitucional que sustenta o Estado español e coas limitacións estatutarias. E xa sabemos como os Gobernos de España e os aparellos xudiciais do Estado se encargan de impor, con arrogancia administrativa uns, ou con sentencias xudiciais, os outros, o que consideran legalidade constitucional e estatutaria. Hai que sabelo. Por iso o avance da conciencia colectiva no país, o coñecemento real da situación polo pobo galego, é crucial para confrontarse con esta faixa opresiva, e para lograr conquistas a curto prazo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.