Visión interesadamente optimista da historia, conformismo ou “calen e apreten o cinto”
Dá a impresión de que os máis dogmáticos defensores do sistema económico-social dominante pasaron dun sospeitoso e máis que inxustificado optimismo histórico a un pesimismo radical en cuestión de moi pouco tempo. Calquera fórmula lles vale para seguir defendendo o sistema. Vexamos algunhas peculiaridades.
Para moitos de nós resulta evidente que a sociedade na que vivimos está sustentada na xerarquía entre os pobos, a desigualdade entre as persoas e a apropiación por parte de uns poucos do traballo da maioría. Mesmo me atrevería a afirmar que isto mesmo, está interiorizado por unha gran parte da poboación, aínda que o formule en termos non tan políticos como que "os ricos -pobos ou persoas- son os que mandan".
Os grandes defensores e ideólogos desta sociedade non lograron coa súa potente mediática ocultar unha realidade que resulta abondo evidente e persistente no tempo. Esforzos neste sentido nunca deixaron de facerse, mais os lemas de que "todos somos iguais diante da lei" ou de "liberdade, igualdade e fraternidade" resultan bastante pouco convincentes ao contrastalos cos feitos reais.
O éxito destes propagandistas estivo, pois, non en ocultar a "cara fea" do capitalismo -tarefa difícil-, senón en pintarlle outra máis atractiva; é dicir, en convencernos de que eses problemas non impiden o "estarmos no mellor dos mundos posíbeis". Poden chegar a admitir que, certamente, o mundo está tutelado por un imperio ao fronte do cal se sitúa unha potencia que non pode ser tomada como modelo de sociedade. Poden aceitar que este sistema leva consigo a existencia de amplas zonas do planeta que están impedidas para desenvolver as súas potencialidades porque iso non entra dentro da distribución de papeis asignada por quen manda. Ou, inclusive, poden aceitar que se crean importantes "bolsas" de pobreza impropias dunha sociedade avanzada. Mais fronte a iso, o argumento final, contundente e conclusivo é "...mais nunca mellor vivimos!". Esta foi a gran consigna de lexitimación social dun sistema inxusto e racionalmente inxustificábel.
Lograron que penetrase o firme convencemento de que hoxe vivimos mellor que onte, pero peor que mañá; de que o nivel de consumo foise incrementando progresivamente e seguirao facendo no futuro; de que, en definitiva, seralle moito máis fácil a vida aos nosos fillos do que a nós mesmos.
Esta é unha visión interesadamente optimista da historia destinada a crear confianza no sistema e conformismo social. Non importa que a contradigan numerosos feitos históricos. Abonda recorrer a algo relativamente recente na historia. Por exemplo, parece claro que as condicións de vida dos traballadores nos inicios da revolución industrial non melloran nada as dos seus predecesores de centos de anos atrás. Así o ratifica a súa durísima xornada laboral de doce horas; as pésimas vivendas cheas de xente e de parasitos; a aparición e desenvolvemento do raquitismo; o incremento da tuberculose; a aparición das inclusas para paliar o enorme incremento dos nenos e nenas abandonadas; a mortaldade infantil que chegou a ser do 20% antes do primeiro ano de vida...
En consonancia con este interesado optimismo, hai toda unha corrente de pensamento nas ciencias sociais que desde hai máis dun século se dedicou a agrandar enormemente as vantaxes da sociedade industrial, como xeito de ocultar as súas grandes contradicións. Resáltase o nivel de consumo, mais ocúltase que, simultaneamente, a calidade alimentaria vai empeorando. Resáltase o enorme desenvolvemento tecnolóxico -que aforra tempo de traballo- e ocúltase que cada vez as persoas temos menos tempo real de ocio...
Non estou poñendo en dúbida que o nivel medio de vida dos países industrializados -non da totalidade- é hoxe superior a calquera outro momento do pasado. Mais iso non pode levarnos á falsa conclusión de que o progreso é un continuo sen fin. Curiosamente, abondou este curto período de tempo que levamos de fonda crise económica, para que se críen dúbidas na sociedade sobre ese repetido dogma e de que comece a reinar a incerteza a respecto de que aos nosos fillos seralles máis fácil a vida que a nós.
Tamén é curioso que os abandeirados dese optimismo histórico -particularmente os economistas-, aqueles que profesaban fe cega no progreso permanente e indefinido, son os mesmos que agora nos din que estabamos gozando dun nivel de vida insostíbel e xustifican medidas que supoñen unha clara regresión. Mais non somos tan inxenuos para pensar que con isto xa caeu o dogma. Os seus defensores botan man do argumento de que tan só se trata dun contratempo puntual e pouco duradeiro e vale a pena "regresar" un pouco para logo retomar a senda normal do progreso. Seguimos "no mellor dos mundos posíbeis".
A partida sigue e un dos desafíos para os que coidamos que isto ten outra alternativa está en lograrmos que a maioría da sociedade comprenda que esa mellora substancial nas condicións de vida é un logro de máis de cen anos de loita e de organización das clases traballadoras. O que agora se está a preparar é un asalto a esas conquistas. E nesa embestida, eles tratarán de xerar medo, temor, retraemento e ensimesmamento de quen empeza a ver que o futuro non é tan certo, positivo e inexorábel como lles tiñan prometido. Nós tentaremos que asuman que ese progreso do futuro non nolo van regalar os do dogma, como non o regalaron no pasado, senón que o seguirá conquistando a maioría social.
Nese sentido, a folga xeral do día 29 non foi máis que o inicio da batalla contra a resignación, o medo e o derrotismo, actitudes historicamente aliadas do retroceso social.