Unha pelexa de taberna como acto terrorista

Unha pelexa de taberna como acto terrorista

Está claro que todo goberno autoritario e antisocial necesita un inimigo que desvíe a atención da súa política agresiva para os intereses dunha inmensa maioría da sociedade mais desfavorecida. Si non esiste inimigo teñen que crealo e non importa que ETA deixara as armas xa fai cinco anos, pois utilizan unha liorta nunha taberna como demostración de que o terrorismo segue aí e seguen a presentalo nos seus medios de comunicación como o mais grave problema que ten esta sociedade que eles están levando á ruína. Dá a impresión de que si non existe hai que inventalo, porque parece que non son capaces de vivir en paz sen un terror do que poder botar man, de aí que fagan unha redada e “descabezan a cúpula de ETA” cada vez que anuncia novos compromisos coa paz, como si quixeran reverter a situación e para que se fale das detencións e non dos pasos que dá a organización independentista para lograla. Para eles todo o que vaia contra da súa política centralista e ultraliberal é terrorismo.

Agora, o pequeno pobo navarro de Alsasu aparece tódolos días nos medios de comunicación afíns ao réxime porque seica o día 15 do mes pasado, as cinco da mañá, cando ese pobo celebraba as súas festas e o alcol corría polas veas duns e doutros, houbo unha pelexa diante da taberna Koxka entre varios veciños e dous gardas civís que estaban acompañados das súas mozas, causando feridas leves a un sarxento e a rotura dun nocello a un tenente dese corpo militar.

Nada mais ocorrido o feito, todos os medios de desinformación masiva -públicos e privados- deron por boa e repetían como papagaios bébedos as verbas altisonantes do comunicado da garda civil: Una vez más los valientes “gudaris”, haciendo gala de una cobardía sin parangón, valiéndose de una superioridad manifiesta, se han lanzado cual jauría de perros rabiosos contra unos servidores públicos por el simple pecado de ser guardia civil, que, senón o escribiu o mesmo, aseméllase moito no ardor patrio a aquel outro que encetaba co de: Cautivo y desarmado el ejército rojo..., e segundo á cal unhas cincuenta ou sesenta persoas, pertenecientes a la izquierda radical vasca, rodearon á parella de gardas e as súas mozas nunha taberna para mallar neles a base de patadas e outros golpes, que seica seguiron despois ao saír a rúa, ou tamén: “muchachitos pseudoterroristas” que habrían agredido a los agentes “en manada, como hienas, embozados”, que dicía El País, o diario de “esquerdas” que axudou a investir a Rajoy.

Esa versión oficial dos feitos, como ocorre case sempre, non concorda coa dos veciños, que logo fixeron unha multitudinaria manifestación detrás dunha pancarta que dicía: No a los montajes policiales. Dejad Alsasua en paz, e na que apareceron minutos antes, Consuelo Ordoñez e catro membros do Colectivo de Vítimas do Terrorismo (COVITE) portando carteis que contiñan frases como: Odio fuera, No os tenemos miedo, Sin pistolas no sois nada, que, si non era coa intención de provocar, penso eu que non tiñan ningún sentido.

Afirman os veciños que foron os gardas civís os que provocaron á xente e incluso que chegaron a facer ameazas de morte, pero ningún deses medios se fixo eco desas testemuñas, nin do acoso que din sufrir continuadamente por parte das patrullas dos uniformados desde fai moito tempo. Incluso a noiva do tenente da garda civil fixo ante a Policía Foral unha declaración completamente diferente ao suposto linchamento, emboscada... que difundiron os medios de comunicación, pois declarou que as cinco da mañá un grupo de persoas mirounos mal no interior dun bar e que chegaron a encararse. Dixo que despois, fora do establecemento houbo un enfrontamento no que participaron unas seis persoas, e non treinta, cuarenta, cincuenta..., como dixera anteriormente ela mesma nunha entrevista radiofónica. Tampouco mencionou en ningún momento que o enfrontamento se dera pola condición de gardas civís dos seus acompañantes.

Nun primeiro momento até o mesmo ministro do interior, Jorge Fernández Díaz, dixo que non se trataba dun acto de terrorismo, senón de “odio”; pero parece que quen manda e entende de cualificar estes casos de violencia é COVITE e non o ministro nin o seu anxo Marcelo, polo que a fiscal do caso, indo mais alá dos informes policiais, cambiou de opinión e a xuíz da Audiencia Nacional, Carmen Lamela, admitiu a trámite que unha pelexa de taberna se xulgue como un acto terrorista no antigo Tribunal de Orden Público.

Tamén estaban dispostos a declarar ante a Policía Foral os dous axentes e a noiva do tenente, pero seica recibiron orden dos seus xefes de non facelo ante esa policía e testificar ante seus propios compañeiros. É difícil de entender o motivo polo que se negan a facelo ante a policía que precisamente está investigando o caso, a non ser que teñan medo a caer en contradicións porque teñen algo que ocultar ou que queiran amañalo entre eles de xeito que favoreza os seus intereses, porque son mais de fiar.

Por si fora pouco o despropósito, a xuíz da Audiencia Nacional xa ordenou que se identifique aos que realizaron declaracións e aos que aparecen nas fotografías da rolda de prensa que os veciños de Altsasu deron o día 17 para desmentir colectivamente a versión oficial das agresións. A liberdade de expresión, como nas mellores ditaduras, brilla pola súa ausencia e a seguinte actuación pode ser encadear aos avogados defensores, como xa fixeron con Arancha Zulueta e outros avogados de presos políticos vascos.

Este tipo de actuacións e ese xeito de desinformar sobre un lamentable acto violento creo que exalta os ánimos e fai aflorar os instintos mais baixos dalgunhas persoas, que chegaron a ameazar de morte ao alcalde da vila por cuestionar a versión oficial e queixarse dos medios por incriminar gratuitamente a toda a poboación.

Sen embargo, o que non ten tanta cabida neses medios, nin os xuíces andan tan dilixentes para esclarecelo, é o caso do senegalés Elhadji Ndiaye, que o pasado 25 de outubro faleceu na Xefatura Superior de Policía de Iruñea, despois de ser detido nun forcexo violento, pero, a pesar da gravidade do caso, como Elhadji non era garda civil, nin perdeu a súa vida en Alsasu, loitando contra os “comanches” abertzales, esclarecer a verdade do ocorrido vai resultar moito mais difícil que mandar á cadea un montón de anos a dous rapaces alsasuarras -aos que o xuíz deixou primeiramente en liberdade con cargos- por unha pelexa nunha taberna, as cinco da mañá o día da Festa Grande.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.