Unha balea azul a namorar na plataforma de Galiza

Unha balea azul a namorar na plataforma de Galiza

Dende o mes de setembro estamos recibindo informacións de mariñeiros e estudosos sobre a presenza das baleas azuis na plataforma de Galiza.

Dende entón multiplícanse as preguntas que recibimos: é normal a presenza dos grandes cetáceos nas proximidades da nosa costa? Que significa? Vai ser así a partir de agora? É a primeira vez que se ven cetáceos tan singulares?

Neste artigo vou tentar dar resposta a estas preguntas.

Plataforma e afloramento:

Primeiro debemos ter en conta que Galiza conta cunha plataforma continental dunha enorme riqueza biolóxica.

A plataforma continental galega esténdese baixo as augas mariñas, conformando unha chaira inclinada de 0 a 500 m, dende a liña da costa e a boca das Rías ata o noiro continental que cae cara aos fondos abisais de entre 500 e 4500 m de profundidade. Como distancia media dende a costa, a plataforma ten na Galiza uns 30 km de ancho, sendo máis ancha no golfo Ártabro e máis estreita en Fisterra e no norte Cantábrico.

A costa de Galiza ten 1195 km de lonxitude, mais se a medimos polo borde do noiro, a 550 m de profundidade, a lonxitude é de tan só 453 km. Estímase que a nosa plataforma ten uns 10.000 km2 de superficie.

A extensión continental supón tan só o 7,5% dos fondos oceánicos do mundo, mais alberga o 90% de toda a produción. O afloramento estacional, ascensión de augas profundas ricas en nutrientes no verán, é o que fai aumentar a produción biolóxica na plataforma de Galiza durante na época estival.

Especiais condicións oceanográficas de 2017

Este ano foi especialmente seco. Na primeira metade, podemos dicir que a primavera non existiu e no mar non se apañaba case peixe. A ausencia de choiva e a escasa chegada de nutrientes de orixe fluvial ao mar non permitiu máis riqueza biolóxica. Esas condicións mudaron no verán, coa ascensión de augas profundas que provoca o nordés, denominado afloramento, producíndose unha grande explosión de vida que deu alimento á grande diversidade mariña. Este é o contexto no que se dan os avistamentos de baleas e a presenza doutras especies de cetáceos na plataforma.

Mais non é suficiente. Dado que as baleas navegan en dirección sur, debían pasar e seguir. Non é o caso dalgunhas delas que foron fotoidentificadas e recapturadas durante varios días. Nin tampouco explica o motivo de atopármonos baleas xibartes, azuis e boreais desprazándose conxuntamente coas baleas comúns.

Entón hai un elemento diferencial, algo que non aconteceu outros anos. Véñenme á mente os incendios extemporáneos deste ano, pois os do verán foron os de sempre, e a vaga de calor en que se circunscribiron eses dramáticos sucesos. É por iso que fago unha consulta a colegas de Canarias e dinme que alí no verán e principio do outono, inusualmente, non había baleas, e que só en novembro comezaron a chegar, algo tamén inaudito naquelas augas.

A mensaxe da nación balea

Así que interpreto que o que nos están a dicir as baleas é que o espazo da súa nación está a minguar. O Ecuador, que é unha fronteira invisible para elas, mais infranqueable, está a ampliar a súa anchura cara ao norte.

A excesiva temperatura impide que traspasen esa fronteira dende hai milleiros de anos e agora esa fronteira estase facendo máis infranqueable, e cada vez máis ao norte, polo que o seu mundo posible faise máis cativo. É por iso que agora a nosa costa está máis preto do seu sur, e se isto segue así seremos un sur permanente.

Que significa a presenza das baleas na nosa costa?

O primeiro que nos vén á mente ao observar as baleas na nosa plataforma é o final da caza. O 21 de outubro de 1985, data que debería estar sinalada en vermello nos calendarios, produciuse a última captura. É a data do final do xenocidio das baleas nas nosas costas. A caza foi o que motivou que moitas das especies de baleas foran decimadas e levadas ao bordo da extinción durante o século XX, desde as baleas azuis e ata as xibartes, tamén os cachalotes, quedaron a penas uns cantos exemplares como mostra no catálogo das especies ameazadas.

Atopar hoxe baleas azuis e xibartes, ou boreais, entre as baleas comúns, máis habituais nas nosas costas, quere dicir que a nación balea é só unha, unha nación diversa e composta de diferentes especies. Xa non teñen capacidade para navegar en solitario, nin en poboacións compactas monoespecíficas, por tanto, as baleas, para defenderse, para sentirse acompañadas ou mesmo para namorar, viaxan xuntas. Eis o éxito da cooperación na evolución.

Mais o feito de atopármonos agora aquí coas baleas nada nos di sobre a recuperación das súas poboacións, non hai datos obxectivos para demostralo, e ata isto precisariamos de saber.

Volverán as máis escuras baleas?

Hoxe asistimos sorprendidos á chegada das baleas azuis. Mais antes foron as xibartes, como o caso da balea Anduriña que quedou gravada na memoria do Morrazo con esa escultura que a lembra en Moaña. Tamén chegaron extraviadas especies que non eran frecuentes e que por iso temos que bautizar ao careceren de nome común na nosa lingua, así os dous varamentos masivos de caldeiróns tropicais que se produciron na ría do Barqueiro ou o de falsas candorcas en Burela.

Na CEMMA, organización creada hai xa máis de vinte e cinco anos, para coidar e saber destes seres que ficaron no mar, comprobamos en 1993 o paso dunha balea vasca pola Estaca de Vares. Era, e segue a ser, o avistamento máis insólito das nosas costas, por iso, a balea vasca, que o ser humano extinguiu, se converteu para nós no noso faro da utopía, ese obxectivo cara ao que camiñamos e que é a recuperación da biodiversidade total do planeta, que nos axude a construír un mundo máis habitable.