Un gobernante que nos denigra

Un gobernante que nos denigra

En moitas ocasións, os gobernantes exacerban os defectos, non as virtudes, dos pobos aos que representan. No caso de Galiza, esta foi máis unha constante que unha excepción, desde que existe este marco autonómico. Se xa de por si é cativo en capacidade, aínda se fai máis irrelevante e penoso cando quen o controla non só non o usa en defensa dos intereses do país, senón que o degrada até o paroxismo, facendo negación continua mesmo do seu simbolismo como representativo da existencia, neste caso, do pobo galego.

Feixóo, o presidente da Xunta, usa toda ocasión que se lle presenta para negar que o pobo galego exista e teña a mínima vontade política propia. Só o concibe e considera como un apéndice subordinado da españolidade á que el venera. Seguramente acredita en que a españolidade é a expresión duns poderes cos que el quer estar congraciado até a adulación.Aparécenselle como única realidade posíbel a venerar pois nela ve a guía ou horizonte que dá sentido ao exercicio da súa ambición persoal, tan desmedida como acoutada aos límites do permitido para un galego á española. Este fracasado aspirante a presidir o PP, para dar por fin o salto de verdade á Corte de España, segue ao fronte desta “provincia” cuxa máxima relevancia, mérito e exemplaridade, para el, é non darlle desgustos nin sobresaltos a España. Alardea de que “Galicia siempre ha contribuído con lealtad” á “estabilidad y la unidad de España”. Non fala naturalmente de cal foi o prezo e as consecuencias do que el chama lealdade, que non é outra cousa que submisión e servilismo. E moito menos desvela que papel cumprimos, con el como intermediario eficaz, no que denomina estabilidade e unidade de España. Porén, as consecuencias, o que nos pasa, a evolución tan negativa en todos os aspectos da Galiza, ten como causa esa unidade como subordinados e esa estabilidade que consiste en non tocar a estrutura de poder do Estado.

Á marxe de tópicos e demagoxias para consumo doméstico (Aves, Ap-9…), a única preocupación do Presidente da Xunta, na súa entrevista co Presidente do Goberno de España, foi vender como mérito, disfrazado de esixencia, o seu arrebatado españolismo. Como xa estaba acordado anteriormente co Goberno do PP, Sánchez ratificou que seremos compensados cunha bonificación destinada aos máis obedientes e cumpridores, entre eles a Xunta de Galiza. Para que? Pois para non quedaren ao descuberto na súa clamorosa renuncia a defender os intereses financeiros da Comunidade Autónoma. Por que? O Ministerio de Facenda do PP artellou no seu día mecanismos legais, un Fundo ad hoc, ao que todas as Comunidades Autónomas podían recorrer pedindo préstamos a cero ou moi baixos xuros, durante os anos de crise, para manteren servizos básicos da súa competencia (sanidade, educación, servizos sociais…), en vista da redución gravísima de ingresos derivados do modelo de sistema de financiamento. Que fixo o noso españolísimo gobernante entón? Para presumir de boa xestión e de control do déficit, renunciou a esa fonte oficial de financiamento, con grave quebranto da nosa sanidade, educación e prestacións sociais, sen deixar por iso de endebedarse coa Banca. Un dos obxectivos foi poder bramar contra unha suposta Catalunya que malgastaba. Mentres a maioría, non só Catalunya, das Comunidades Autónomas, con consecuente lóxica de defensa dos intereses públicos, pediron e recibiron cantidades inxentes de diñeiro daquel Fundo.

Desde hai meses estase a preparar unha quita nas cantidades adebedadas polos préstamos recibidos polas Comunidades que fixeron uso do Fundo. Feixóo vese ao descuberto na súa irresponsábel, vergoñosa e lesiva actuación para os intereses de Galiza. Fica espido mostrando as súas vergoñas de gobernante que lapida o ben do país en nome dos seus intereses ideolóxicos na clave máis persoal. E non se lle ocorre máis que cacarexar, en plan predicador, que non se deben condonar débedas porque é “un error moral y económico”, pois “no es admisible que se premie a las incumplidoras y se penalice a las cumplidoras”…Canto cinismo! Será un grave erro moral e económico del e do seu goberno, que, en nome de intereses políticos gravemente sectarios, preferiron aplicar duras políticas de axuste para cumprir co déficit, como bo mandado, e ao tempo desbotaron acudir a unha forma de financiamento oficial moi beneficiosa, paliando o endebedamento de Galiza e facilitando un mellor funcionamento dos servizos básicos en anos moi difíceis…Este é o personaxe. Esta é a súa política. Porén, tranquilidade, o predicador inmoral, xa está a vender o seu subproduto, o seu camelo. O Estado paternal, Gobernos de España do PP e do PSOE agora, xa prepararon a pócima redentora –imaxino que con sorna e algo de burla-, unha bonificación para os cumpridores. Van ser 85 millóns de euros ao ano até 2020 para Galiza. Prefiro non dicir cais foron os beneficios logrados polas Comunidades Autónomas que recorreron ao Fundo durante anos e o que vai representar a quita que se aveciña para cada unha delas. Feixóo, que se sabe pecador, sae satisfeito da oferta para agochar os seus vicios de españolista consumado que xoga con Galiza e as súas cousas de comer cun descaro que non ten o mínimo pudor.

Sobrado de cinismo e falto de pudor. Así é o personaxe. A súa escalada de negación e burla de Galiza parece ser ilimitada. Na mesma entrevista co Presidente do Goberno de España, o elemento vertebrador do seu discurso sobre o modelo de financiamento para as Comunidades Autónomas foi un axioma que é para ficar perplexos. Nin el nin o seu goberno se preocuparon nunca de deseñar un modelo para Galiza. Só esperan a ver o que hai e o que nos toca, para tragar o que boten. É así será. Porén, non perde a oportunidade de atacar as pretensións de outros, as súas esixencias e alternativas. E faino desde o cerne dunha españolidade que anula toda diversidade plurinacional no Estado. Resulta que para o presidente da Xunta o novo modelo de financiamento debe atender mellor “las demandas de 47 millones de ciudadanos, y no de 17 territorios”. E quedouse tan oufano e fachendoso. Non sabíamos que os territorios tiñan demandas. Será máis ben que as teñen os pobos, as nacións. Claro, para o Sr. Feixóo só hai un, o español. Como pode falar así o Presidente dunha Comunidade Autónoma, segundo a oficialidade, que ten unha especificidade lingüística, cultural, socioeconómica e mesmo política? Existe para este señor Galiza e o pobo galego? A lóxica consecuencia do seu axioma é mesmo negar que deban existir comunidades autónomas. Polo tanto, unha contradición in extremis coa necesidade de elaborar un sistema de financiamento das mesmas. Unha frase así só pode enunciala quen devece por un Estado centralista-unitario, sen autonomías. Non falemos xa con autonomías con capacidade política de verdade, o que os nosos clásicos denominaban autonomía integral.

Aínda máis, seguindo o criterio españolísimo, de atender mellor as demandas de 47 millóns de españoles, para elaborar un novo modelo de financiamento autonómico, non só é que resulte absurda tal pretensión. É que resulta a forma máis fácil de impedir unha aproximación mínima a un modelo xeral que intente responder ás necesidades e características de cada unha das sociedades, pobos ou nacións que hoxe conforman o Estado español. Porque debemos saber que os cidadáns estamos inseridos, pertencemos a realidades diferentes, incluídas realidades nacionais, cunha vontade política de seu. E que, no caso galego, mesmo desde unha estrita concepción autonomista, o criterio de dispersión e envellecemento non terán un peso específico realmente compensatorio do custe real dos servizos, se partimos da españolísima visión do Presidente da Xunta. Como é posíbel tanta renuncia á propia responsabilidade? Como é posíbel tata negación de o pobo galego, Galiza, existir?

O Sr. Feixóo, malia os seus denodados esforzos e servizos á españolidade, foi dado por non apto nos cónclaves internos e secretos que avaliaron a idoneidade dos candidatos e candidatas posíbeis a presidir o PP. Outro galego á española sería excesivo após a experiencia mariana, un interregno de desacougo interno, mitigado polo exercicio do poder no Goberno de España. Á falta de idoneidade, malia o carácter máis servil de Feixóo que o de Raxoi, hai que engadir a conciencia do pretendente sobre as súas vulnerabilidades íntimas que a mediática, mesmo a amiga, podía airear. Malia todo, e a experiencia debeu ser exemplar no seu caso*, o servilismo é de tal calibre en moitos galegos á española que nunca se desprenden da idea dalgún día chegaren a ocupar un posto relevante na Corte madrileña. Esta adoración mística – de transfundo material e/ou mimético- parece ir, para a nosa desgraza, sempre acompañada do desleixo e a desconsideración, de fundo, co país en que naceron.

*A caída de Raxoi do goberno e as secuelas dentro do PP, así como a súa forma de deixar a política activa e orgánica, non teñen sido obxecto de ningunha análise en profundidade. Non deixa de me sorprender que os medios de comunicación españois non recorran a facerlle entrevistas para formularlle preguntas que están sen contestar. Outra cousa é que se negara a contestalas ou que se negara a esas entrevistas.