Un galego antifranquista en Cuba: Luciano Carregal Varela

Un galego antifranquista en Cuba: Luciano Carregal Varela

Levamos tempo compilando información sobre unha entidade pro republicana e antifranquista que desenvolveu o seu labor en Cuba durante algo máis de tres décadas, entre 1929 e 1962 aproximadamente. Nela, exerceron importantes funcións representativas moitos galegos: case a metade dos seus presidentes naceran en Galicia (en Viveiro, Arbo, A Coruña, Padrón...); persoas que, ademais, eran activos dirixentes de sociedades estritamente galegas: algunha delas, como "Hermandad Gallega", fortemente comprometida cos valores democráticos e republicanos. Posiblemente moitos de vostedes lembren a intensa campaña que realizou Castelao a finais de 1938, na súa visita a Cuba procedente de Nova Iorque, apoiando as candidaturas desta entidade nas eleccións a apoderados do Centro Galego, nese miembro dirixido por persoas de perfil franquista, que ten narrado Xosé Neira Vilas.

Mais non é o obxecto desta colaboración falar da institución que estamos a investigar e sobre a cal ofrecimos recentemente, nun congreso celebrado na Universidade da Coruña, algúns apuntamentos, senón bosquexar, en breves trazos, o perfil biográfico dunha das personaxes que formou parte dela, Luciano Carregal Varela, membro relevante da colonia galega da Habana durante boa parte do século XX.

Nacido en Padrón en data que aínda non podemos precisar, fillo probablemente de Vicente Carregal Vázquez e Dolores Varela López, emigrou a Cuba pola primeira década do século XX. Algún dos seus irmáns emigraría a Arxentina e outras irmás permanecerían en Galicia. Parece que esta familia viviu moitos anos fronte ás casas dos cóengos da colexiata de Iria-Flavia.

Xa instalado na illa, casaría con Mercedes Álvarez, aínda que nos sabemos se a parella tivo descendencia.

A actividade profesional que lle coñecemos, dende mediados dos anos 20, estivo sempre relacionada co negocio da peletería: primeiro, como socio da firma “Pardo-Carregal” ou “Peletería El Cadete”; anos despois, rexentando en solitario a empresa, que estaba instalada na confluencia das avenidas Monte e Águila, na Habana; estatalizada, aínda funciona no momento actual.

,Mais Luciano non se limitou exclusivamente á atender o negocio: vencellado como asociado á "Asociación Nacional de Detallistas de Peletería” xa dende os anos 20, formará parte da Xunta Directiva desta entidade, como vogal, polo menos nos anos 1934, 1935 e 1937. Nalgunha ocasión encontrámolo actuando como mediador en conflitos laborais entre patróns e obreiros do sector. Tamén formaba parte dunha asociación de comerciantes da zona da Habana na que radicaba o seu comercio.

Pero, ademais da súa intensa actividade profesional, tivo Luciano Carregal unha destacada participación no mundo asociativo da Habana, tanto en entidades de ámbito galego como español.

No que respecta ás sociedades galegas, será vogal (1931, 1932, 1933), presidente (1939, 1940) e presidente de honor da sociedade “Partido Judicial de Padrón”. Socio do "Centro Gallego" e membro así mesmo do partido “Hermandad Gallega”, figura como candidato na lista 7, que esta entidade apoiaba, nas eleccións de apoderados do citado Centro de xaneiro de 1939; comicios nos que Castelao, como dixemos antes, tivera unha participación activa. Tamén neste ano figura, como vogal efectivo, nunha candidatura progresista ás eleccións da "Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia", coñecida popularmente como "Beneficencia Gallega".

Se nos referimos ao seu labor en institucións que abranguían a toda a colonia española, nos anos 1927 e 1928 forma parte, como vogal, da Xunta Directiva do "Casino Español" da Habana. Tamén se integra no "Círculo Republicano Español” (inicialmente denominado "Alianza Republicana Española de Cuba"), sendo, en 1933, vicepresidente e logo presidente, volvendo a ocupar a vicepresidencia en 1936, e presidindo de novo a entidade en 1944 e 1945.

Foi tamén un dos membros fundadores de "Amigos de la República Española" (1940), que presidía Álvaro de Albornoz e da que era secretario xeral o galego Xesús Vázquez Gaioso, e tesoureiro do "Ateneo Pi i Margall" (1948), entidade presidida por Eduardo Ortega y Gasset e da que formaba parte tamén, como directivo, Xerardo Álvarez Gallego, o cuñado de Alexandre Bóveda.

O seu intenso compromiso republicano tivo o seu recoñecemento institucional, xa que dende 1946, ata pouco antes da súa morte, encontrámolo exercendo como delegado ou representante en Cuba, oficioso ou oficial, do Goberno Republicano no exilio, nos actos antifranquistas máis relevantes celebrados na Habana.

Foi tamén Carregal un activo elemento da masonería cubana. Membro da loxa “Washington” da Habana, o 4-1-1917 intégrase, no denominado “filosofismo”, no Capítulo Rosa Cruz "Claudio J. de Vermay", do que chegará a ser Moi Sabio Mestre de Honor. O 2-2-1931 acada o grado máis alto, o 33º, como supernumerario, sendo membro activo dende o 2-2-1937, no Supremo Consello do Grado 33 de Cuba. En 1943, nesta institución, preside a Comisión de Glosa (comisión económica), é o Deputado do Distrito nº 3 (na cidade da Habana), do que dependían o Consello Kadosh “Habana nº 3” e as Loxas de Perfección “Amor Fraternal nº 4” e “Máximo Gómez nº 3”.

Aínda que non podemos precisar a data exacta, faleceu en xaneiro de 1957.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.