Sopa de mascato
Debe ser, ao menos inquedante, abrir un contedor de vinte toneladas e descubrir que está cheo de corpos conxelados de aves sen pel, máis ou menos do tamaño de polos dos chamados tomateiros, aínda que algo máis alongados e moito máis magros, sobre todo descubrir que son mascatos.
Esta nova, atribuída á pesca depredadora chinesa, foi denunciada por Xavier Aboi de CIG-Mar e pon de manifesto a diferente escala de valores que as culturas teñen sobre que e como comer, e ademais, o escaso control internacional á explotación salvaxe dos recursos e dos valores ambientais.
De principio as autoridades mauritanas non debían de dar creto ao achádego á vista de que este cargamento viña do mar, e menos creto ao contar 95000 exemplares exactamente das mesmas características, iso os localizados, que nin se sabe ben o número de contedores con ese cargamento.
Quen tería sacrificado tantas aves, onde e para qué? O misterio resolveuse na identificación da especie á que pertencían: Morus bassanus, o que na nosa terra chamamos mascatos.
Os mascatos son aves de admirar. Son paxaros de case dous metros de envergadura, de punta a punta das ás, teñen un grande peteiro azulado e o branco inmaculado das aves adultas destaca no azul do mar. Nacen nas colonias de cría do norte de Europa, que xunta a milleiros de exemplares. Percorren unha chea de quilómetros ao longo de todo océano Atlántico para buscar alimento, e pasan por diante das nosas costas en número de milleiros de individuos, primeiro cara ao sur e logo cara o norte.
Pretender facer pasar aos mascatos por polos de galiña ou por peixe, viñan etiquetados como corvina, amais de ser indigno para unha ave tan nobre non fai máis que falar pestes dunha humanidade que non pasa da altura do voitre que devoraba as entrañas de Prometeo.
Poderíamos reflexionar diante destes contedores cheos de mascatos, sobre a fame da humanidade, sobre os millóns de chineses que habitan o extenso país asiático e sobre a mortalidade infantil en África, mais estariamos facendo demagoxia, porque entón teriamos que falar tamén da expulsión dos barcos de pesca galegos das augas Mauritanas, unha flota específica e con baixo impacto ambiental sobre o recurso e baixo ou nulo sobre o medio ambiente, teriamos que falar dos descartes da rincha, e outros, e como se desbotan as terras agrarias no noso país, e noutros, e se deixa de producir alimentos.
Un mundo desequilibrado no que se deixa de producir o necesario para comer, permítese a unhas mega empresas o facerse cos dereitos da produción e venda de sementes, mentres se lles deixa aos pobres que busquen de comer no caldeiro do lixo, ou nas especies residuais, independente do seu valor ambiental e de conservación. Un planeta de ricos que deixa aos pobres que se coman a si mesmos, ancho é campo o da sobrevivencia!.
A pesca selectiva do polbo en Mauritania, da flota galega, foi substituída polos arrastreiros chineses, que ademais de capturar as presas tamén capturan aos depredadores, claro, para que deixalos se non queda nada no mar?, é un bo razoamento e unha actuación moi xusta.
Dá xenio ver como un mascato busca e busca o seu xantar, decenas de horas ao día, e cando o atopa, pica dende 40 metros de altura caendo como unha bala a unha tremenda velocidade sobre a superficie do mar, entrando na auga coma unha frecha, e sen romper a cabeza, para atrapalo. Mais dá moita mágoa, e enrruga o corazón, imaxinar cando a ave descobre que o que enviou non era un peixe, senón un engado brilante, e como agora que o ten tragado, e as mortes do anzol desgarran o seu esófago, arríncaselle a vida xunto a outros centos de mascatos que xa estaban atrapados no mesmo palangre.
Se un dos problemas da conservación das especies de aves mariñas son as capturas accesorias, ou accidentais, nas faenas pesqueiras, como será cando son elas o obxecto da pesca!.