Sobre o progresismo do Goberno español
Pensaban Sánchez e os seus socios que para ser un goberno progresista xa abondaba autocualificarse como tal na campaña electoral, pero para iso compre potenciar o público ante o privado, defender os temas sociais e procurar un Estado forte en sanidade, educación e protección das persoas maiores e das clases mais desfavorecidas; ser honrados e cumprir cos acordos firmados e as promesas que se fixeron en campaña para non enganar aos votantes. Pero por desgraza non destacaron precisamente nestas virtudes, senón mais ben todo o contrario.
Un dos casos que demostrou o seu “progresismo” e a súa debilidade ideolóxica foi a Reforma das pensións, levada a cabo polo mentireiro compulsivo ministro José Luís Escrivá, que xunto cos dous sindicatos españolistas, CC.OO e UGT, urdiron unha fórmula baseada nunha “media mensual do IPC interanual” que aplicarán de aquí en adiante, pola que perderon o ano pasado un 3% do poder adquisitivo os pensionistas actuais e, ao aumentar as anualidades para o cálculo das futuras pensións, perderán mais dun 8% os actuais traballadores cando se xubilen. Aínda que el sigue mentindo aos medios de comunicación, como si ser maior fora sinónimo de parvo, insistindo que con esas medidas garante o poder adquisitivo dos pensionistas.
Outro atentado importante contra os intereses das e dos traballadores, deste Goberno mais progresista que os poboadores de Atapuerca, foi a negativa a derrogar a Reforma Laboral do PP de 2012 (cualificada daquela polo ministro de economía, Luís de Guindos, de “extremadamente agresiva”) e que os partidos que o compoñen prometeron en campaña e logo comprometéronse a facelo, firmándoo e rubricándoo no acordo de investidura con EH Bildu.
Para iso Yolanda Díaz pasou a ocupar o cargo de vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e os medios de comunicación corporativos empezaron a poñela nun pedestal. Deberon ver nela a súa debilidade ante os poderosos e mais aínda cando conseguiron cambiarlle a idea de derrogar esa Lei do PP por facerlle un pequeno maquillaxe, pero sen cambiar os elementos mais lesivos para os intereses dos e das traballadoras.
Polo que Yolanda, xuntándose cos dous sindicatos españolistas e cos empresarios, foi “mais alá da dereita e da esquerda”, deixou de lado a loita de clases e logrou contentar por primeira vez na historia da humanidade, aos traballadores, empresarios e sindicatos co pequeno maquillaxe que lle fixo a esa Reforma, a mesma que había que derrogar cando ela estaba na oposición, porque daquela era “moi prexudicial para os traballadores”, dicíndolle á súa antecesora no cargo que debía cambiar de idea, que tiña que ser valente e derrogara. Pero a que se acovardou e cambiou de idea foi ela cando a sentaron na cadeira.
Podemos entender porque están contentos o Goberno, os tecnócratas da UE e os sindicatos españois, pois co noso diñeiro subiulles o soldo anual mais dun 56% (de 3,3 millóns a cerca de 5,3 a CC.OO e de 3 a máis de 4,7 a UGT), ademais doutros 677.000 e 635.000 euros anuais respectivamente, por participar nos órganos consultivos do Ministerio de Traballo e entidades xestoras da Seguridade Social. Pero que estean tan contentos os traballadores como os empresarios é mais difícil de entender que o misterio da Santísima Trindade, que nin San Agustín o soubo descifrar. Entendemos tamén a alegría dos empresarios que poderán seguir realizando expedientes de emprego nas mesmas condiciones que impuxo a reforma do PP; non teñen que pagar as e os traballadores os salarios de tramitación e sigue garantindo aos empresarios a modificación substancial das condicións de traballo, como xornada, quendas e salarios.
Despois de moitos anos de sindicalista non entra no meu disco duro como os traballadores poden estar agradecidos con unha indemnización por despido de 33 días por ano e un máximo de 24 mensualidades, cando antes tiñan 45 días ata un máximo de 42 mensualidades; perdendo tamén os salarios de tramitación que as empresas estaban obrigadas a pagar desde o despido dun traballador ou traballadora ata a reincorporación por decisión xudicial; a plusvalía séguena levando os empresarios na vez de quen a produce e penso que tampouco é para tirar foguetes que non se teñan en conta os marcos laborais específicos de Cataluña, País Vasco e Galicia, normalmente mais favorables para as e os traballadores que os convenios estatais, pero ela centralizou e igualou por abaixo.
Non falemos xa do tema enerxético, un ben de primeira necesidade ao que moitas persoas economicamente non poden acceder, no que o Goberno está a mercé dos caprichos e a avaricia das grandes empresas multinacionais, as que o tamén “progresista” Felipe González e o cavernícola Aznar agasallaron cos nosos recursos enerxéticos, para que os meteran pola porta xiratoria nos seus consellos de administración. Esas mesmas multinacionais ás que o actual Presidente mexicano tivo a valentía de mandalos “roubar a outra parte”, porque vai limitar a participación privada na xeración eléctrica a un 46% e afirma que “o executivo de Pedro Sánchez parece empregado das grandes compañías eléctricas”.
Pero non só no enerxético e no laboral van contra os intereses da maioría social, porque eles tamén entenden o pacifismo a súa maneira e apoian o oxímoro de mandar armas para Ucraína co diñeiro que lle dá ao Estado o “Fondo Europeo de Apoyo a la Paz”. Que xa manda chover na Habana que co diñeiro de apoio á paz manden armas para o conflito. Mais leña, que é a guerra! dicía Groucho Marx. Todo elo para ter contento o Tío San e aos fabricantes da morte que as venden, prolongando a guerra e o sufrimento da Ucraína que din defender, na vez de potenciar a paz por medio do diálogo e da negociación. Porque non pensarán que por moitas armas que lle entreguen aos ucraínos vanlle gañar a guerra a Rusia. Pero a súa hipocrisía é tal que as e os ucraínos non son os que lles importan, o que verdadeiramente lles interesa é a riqueza do seu país, metelo na organización terrorista estadounidense e acurralar ao oso ruso.
Iso si: Agora amosaron publicamente o seu racismo e recollen hipocritamente aos que escapan daquel inferno, mentres protexen as fronteiras con vallas de afiadas coitelas para que non entren os que foxen doutras guerras ou da fame e, indolentes, deixan afogar no Mediterráneo aos subsaharianos que ousan cruzalo.
Este tipo de esquerda e a dos outros países europeos, están a poñerlle a alfombra roxa ao nazismo europeo que xa campa as súas anchas en Ucraína desde o golpe de Estado neonazi do 2014, organizado e dirixido polos ianquis e a UE, que foi precisamente o ano no que empezou a guerra que nos levou a esta grave situación.