Sermos quen somos


Após a caída do muro de Berlín, forxouse o “consenso de Washington”, os principios fundamentais do neoliberalismo económico que guiaron as políticas económicas e sociais nas últimas tres décadas nos países occidentais.

Logo de anos de viño e rosas, apareceu a tempestade financeira e un serio aviso de catástrofe. Con iso tamén quedou ao descuberto o fracaso das pautas asentadas no “consenso de Washington” para o progreso económico e social de moitas nacións. A primeira época foi un espellismo: a burbulla da débeda para enmascarar a queda dos salarios. Os momentos de maior facilidade de crédito agocharon que se estaba a artellar un recurso para amortecer as conxelacións salariais, a introdución dos contratos a tempo parcial, a proliferación de múltiples modalidades de relacións laborais para legalizar a precariedade no emprego, o silenzo ante as medidas que favoreceron a deslocalización produtiva e a evasión fiscal de grandes patrimonios e empresas trasnacionais. Cando chegou o final desa época, emerxe o panorama que se foi preparando a conciencia con grande ocultación: empobrecemento das maiorías sociais e endebedamento masivo.

Agora xa non é posíbel manter na escuridade ese cadro dramático, pois abollan á realidade as penosas consecuencias identificadas con persoas, con millóns de casos concretos. E son tantos, que nin sequera os medios de comunicación que no seu día glosaron as bondades do modelo, poden evitar que saian á luz. Tamén os grandes poderes económicos que foron patrocinadores da explosión do neoliberalismo se decatan de que é imposíbel botar terra por riba dos cadáveres que causou e seguir permanecendo ocultos. Por iso toca reinventarse, apelando ao pragmatismo, evocando o aserto bíblico que Brecht reflectiu en “o primeiro é comer, logo moralizar”, para presentarse como os salvadores que restituirán traballo e dereitos para as maiorías sociais aínda que avasalen dereitos e conquistas en liberdades cívicas e sociais.

Neste papel xa se consumou o asalto á Presidencia de Estados Unidos por Donald Trump, e semellan estar próximos a ter suceso as dereitas reaccionarias noutras grandes potencias occidentais. Certamente xoga ao seu favor que como oposición con referendo mediático teñen enfronte a correntes políticas que lexitimaron o modelo previo á crise, que asumiron e apoiaron desde hai dúas décadas as políticas neoliberais que remataron en fiasco para amplas capas populares. E que ademais, non están en perspectiva nin ánimo nin vontade de corrixirse. A oposición que desenvolven baséase na “moralidade”, deixando que sexa a dereita reaccionaria quen leve a dianteira no “comer”, sabedores que iso é prioritario para as maiorías sociais. Non é casual esa escolla, no fondo está a negativa a renegar do neoliberalismo. Foron e son realmente absurdas, por vacuas e incoherentes, as análises que desde a socialdemocracia que expresan sobre a auxe das dereitas reaccionarias, dos manidos “populismos”, insistindo nas posturas sobre a emigración, o machismo, mais evitando completamente confrontar en aspectos sobre o modelo económico, dado que o “consenso” sigue vixente para ambas partes.

Cada vez hai unha ampla maioría social máis aturdida e desorientada. Abocados a pelexarse co dilema entre a realidade na que están inmersos e a percepción da mesma, transmitida a través do funil de medios de comunicación nada plurais, que repenican a axenda e argumentarios que interesa aos grandes poderes económicos. Pensemos na maioría de galegas e galegos, consumidores e consumidoras de impresións sobre o que acontece ao seu redor que masivamente reproducen esquemas onde non hai alternativa económica posíbel, que mesmo calquera mudanza que faga repensar o caos inducido nas últimas décadas se converte nunha calamidade, como é o caso do Brexit que, como mínimo, debería tamén xulgarse como unha oportunidade para desfacer un espazo común que dista moito diso para ser un modelo institucional hierarquizado por grandes potencias estatais e económicas. E sobre todo, cando todo se fai xirar arredor da dependencia, da nosa subordinación ao que se decida noutros lugares para poder ter un futuro digno e sempre asumindo manternos en parámetros de modelo económico que foi deseñado para medrar algúns a custa das maiorías sociais, non só dentro dunha sociedade, senón a nivel global, e neses “algúns” situemos o grandes poderes económicos e financeiros e nas “maiorías” a Galiza como periferia económica e política. Unha catalogación afastada do real, pois temos recursos e saber como calquera dos países considerados centrais, pero que se converte en real favorecida pola unha recreación masiva mediática continuada.

O relato inoculado que quere ser letal. Tenta que o “logos” aniquile o noso “ethos”. Que unha intepretación distorsionada do que nos acontece sexa quen de anular a realidade do que somos. Por iso, cada vez importa máis valorar o mundo real e adicar esforzos a influír nel, tamén desde as interpretacións e percepcións que nos suxire, mais sobre todo desde a intervención directa e constante na realidade.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.