Seguiremos falando de París na primavera?

Seguiremos falando de París na primavera?

París foi escenario no 2015 de dous feitos relevantes, o anuncio e celebración do Cume do Clima e os atentados de novembro, que mudarán o proceso histórico inmediato.

Alguén recolleu como comentario destacable da escritora estadounidense Stephanie Perkins a frase: Agora entendo por que a xente non para de falar de París en primavera. Non sei a que se referirá a autora, mais compre deterse nos últimos acontecementos parisinos para resolver a incógnita de se no inmediato París dará que falar.

Volvendo a vista atrás, ao París do último trimestre do 2015, comprobamos que a vila foi escenario de dous feitos, aparentemente illados, mais que conxuntamente adquiren tal relevancia que farán rotar o eixo da política e da economía mundial, e polo tanto das nosas vidas. A incerteza é a de saber como, cando ou cara a onde...

Cumes Mundiais do Clima

As Conferencias das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, coñecidas como COP nas súas siglas en inglés, son denominados vulgarmente como as Cumes Mundiais do Clima. Son unha asociación dos 195 países que forman parte da Convención, e polo tanto, a máxima autoridade con capacidade de decisión. A COP encárgase de manter os esforzos internacionais por resolver os problemas do cambio climático. Reúnese todos os anos desde 1995 e entre estas xuntanzas destaca a reunión de Kioto, en 1997, pola sinatura dun Protocolo xuridicamente vinculante, mais incumprido e vencido. Outras como Copenhague, 2009, foron un estrepitoso fracaso. E así é como se chega a Lima 2014, onde se convoca a XXI Conferencia en París 2015 cunha importante axenda, tratando de que sexa un fito e un punto de inflexión para o cumprimento do compromiso previo de non superar a barreira dos dous graos centígrados (2ºC) de quecemento planetario, acordado en Cancún 2010, e tratando de chegar a un acordo mundial e xuridicamente vinculante de redución de emisións.

París, onde sinala o dedo?

O Cume do Clima era un acontecemento de grande calado, pois tiña que pór en entredito o modelo enerxético vixente. Mais sucederon os atentados (outro elemento que fixo abalar o modelo occidental) e os focos deixaron de apuntar para o acontecemento de maior transcendencia mundial que se ía producir neses días.

Cando o dedo sinala a lúa o idiota mira o dedo. París foi noticia por mor dos atentados, mais non polo que debería de selo, un acontecemento que debería mudar a historia do Planeta, o Cume do Clima.

Cume do Clima

Os atentados non foron motivo suficiente para aprazar o Cume do Clima, había que facelo igual, cumprir as axendas dos dirixentes mundiais, sinaladas en vermello para os derradeiros días de novembro e primeiros de decembro. Os representantes dos 195 países reuníronse desde o 30 de novembro ata o 11 de decembro co obxectivo de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, para conter o quecemento do planeta mediante a descarbonización das economías e a procura de alternativas enerxéticas aos combustibles fósiles, para que o incremento da temperatura media do planeta non supere os 2ºC en 2100.

Segundo os científicos, un incremento maior dos 2ºC suporía impactos extremadamente negativos para os ecosistemas, a economía e a vida. Isto non significa que ata 2ºC non se produzan impactos graves, que xa estamos comezando a sufrir, mais considéranse un mal asumible.

Actualmente, o país máis contaminante con diferenza é China, que emite el só a cuarta parte das emisións (25,3%). En segundo lugar Estados Unidos, cun 14,4% das emisións totais. A Unión Europea (10,2%) ocupa a terceira posición, seguida de India, con case un 7%, Rusia (5,4%), Xapón (3,1%), Brasil (2,3%), Indonesia (1,8%), México (1,7%) e Irán (1,65%). Con esta bagaxe os cadros científicos acompañados dos dirixentes políticos chegaron a París.

Vinculación legal dos acordos



Este foi un dos asuntos máis espiñentos da axenda parisina e que implicou arduas negociacións por parte dos poderosos. A Unión Europea apostou porque os acordos fosen vinculantes, isto é, que se cumpran obrigatoriamente por lei, nun proceso revisable cada cinco anos. Aínda que non baixo ameaza de sancións, o que podería resultar disuasorio á hora de ratificar o acordo. Mais, fronte a esta postura estivo a dos USA, que xa manifestara previamente as súas reticencias a aceptar acordos que incluíran obrigas legais.

Valoracion final

As conclusións do Cume de París son un punto de partida para o abandono dos combustibles fósiles, mais os compromisos establecidos para acadalo son insuficientes e poñen en entredito a consecución do obxectivo. A pesar de que o acordo de París é legalmente vinculante segundo as leis internacionais, xa que é un Tratado, non obriga a desenvolver legalmente ese tratado en cada estado, co cal converte o documento en papel mollado, mais este era o requisito para pode contar coa sinatura de Estados Unidos. Este é o grande fracaso da xuntanza.

O acordo ten como obxectivo acadar a emisión cero para os gases efecto invernadoiro ao redor de 2060-2080. Isto significa que hai que abandonar os combustibles fósiles en 2050, sendo chave a protección forestal para a fixación do CO2, como mecanismo de redución da contaminación.

Así que, falaremos abondo sobre o tema e debullaremos o papel de Galiza no proceso posterior ao Cume de París. Tamén estaremos atentos ao que ocorre no resto do mundo, trataremos de averiguar cal é o papel que xoga o conflito de Oriente Medio respecto do novo paradigma enerxético mundial e seremos testemuñas da manipulación dun conflito tan afastado espacial como culturalmente, unha loita de intereses que non conseguimos comprender ben.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.