Reacción a cando din: Basta xa de tanta tontería cos golfiños

Reacción a cando din: Basta xa de tanta tontería cos golfiños

Hai unha boa manchea de anos, o Dr. Martin Hall, que é director do Programa Tuna-Dolphin da Comisión Interamericana do Atún Tropical desde 1984, profesor adxunto da Universidade da Columbia Británica e membro da axencia americana das pescas, NFCC - National Fisheries Conservation Center, díxome unha vez en Vigo: "deixen de foder co asunto dos golfiños", así, enrugando o entrecello, do dedo apuntando e con moitas admiracións!!!.

E todo porque a flota americana mataba milleiros de golfiños na pesqueira do atún do Pacífico, ata que un biólogo de a bordo denunciou a situación e puxo en solfa unha das pesqueiras máis importantes do mundo. Total....por milleiros de golfiños mortos e deitados debaixo da alfombra a custe de beneficios.

Pois non deixei de sorprenderme polo improperio do Dr. Hall xa que non era un ignorante, nin un iracundo patrón de pesca, nin tan sequera un pescador deportivo. Era o científico máis importante do estudo da interacción dos cetáceos coa pesca do atún americana. Mais, polas súas palabras parece que non traballaba moi a prol dos golfiños, máis ben proíalle cada vez que se mencionaba o asunto.
Lembrei estas palabras nestes días, cando o 27 de outubro La Voz de Galicia abriu as súas páxinas á opinión do señor Jose Pino, un armador do arrastre do Cantábrico, onde nos deleitou coas súas verbas: "Basta xa de tanta tontería polos golfiños". Pino, como reflexo dos armadores do arrastre, supoño, arremete con ariete contra os verdes, ecoloxistas e naturalistas, xunto con todo o tinglado mediático para xustificar os seus traballos e emolumentos, como se unha maquinaria industrial, premeditada e parasitaria chuchara do costados dos seus barcos. Métenos a todos no mesmo saco, pensando que falou ben.

Claro que podemos ter a ver co seu catálogo de ...istas, máis nada temos a ver coa decisión da UE (Regulamento UE-2019/1241, de 20 de juño de 2019, sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños- https://eur-lex.europa.eu/legal-content/PT/TXT/PDF/?uri=CELEX:32019R1241&from=ES) nin coa transposición do goberno mesetario español (Orde APA/1200/2020, de 16 de decembro- https://www.boe.es/buscar/pdf/2020/BOE-A-2020-16490-consolidado.pdf).

Ignorando e desprezando o traballo de moitos científicos e sobre todo desprezando aos débiles, ás vítimas e aos sen voz, non fai máis que, ao igual que fixera Martin Hall daquela, quedar mal e ser sepultado polo peso das súas propias palabras.

Na CEMMA (wwww.cemma.org) levan traballando 30 anos pola conservación do medio mariño e dos cetáceos. O seu plantexamento é tan responsable que mesmo se opuxeron ás medidas, desmedidas, que tanto critica Pino: a obriga do uso dos disuasores acústicos de cetáceos, ou pingers, pois o único que promove esa iniciativa é un lucrativo negocio tecnolóxico sen comprobada efectividade na redución das capturas accidentais. Así llo fixeron saber aos responsables do Ministerio respectivo obtendo a calada por resposta. Como soen facer os fachendosos e sobrados da meseta.

Mais os armadores, e produtores mariños, en vez de facer autocrítica e de asumir os seus impactos ambientais, arremeten contra as vítimas, os golfiños, mal feito. Sobre todo porque parte de premisas falsas, cando di que os seus barcos non matan nin un só golfiño, e sobre todo porque non todos os ...istas están no mesmo saco. E, por enriba de todo, porque no totum rebolutum das súas palabras, fai mención da eólica mariña, explotación coa que moitos, e sabendo que tamén vai afectar á fauna mariña, estamos opoñéndonos con argumentos.

Que pasará cando queira chamar noutras portas?. Lembrarémoslle que os propios empresarios que colocan as xigantescas torres aeroxeradoras teñén máis coincidencia coas súas verbas que coas nosas, pois tamén nos din: Basta xa de tanta tontería cos golfiños.

A ver cando aprenderemos que no mar, e mesmo no planeta, estamos de prestado. Vivimos nun planeta emprestado, non pol@s nos@s debanceiros, senón pol@s nos@s net@s, e tamén polos golfiños. Por iso para algúns de nós nin os golfiños, nin os nosos descendentes, son ningunha unha tontería.