Propostas ambientais diante dun ciclo político de cambio

Propostas ambientais diante dun ciclo político de cambio

O discurso ambiental ficou desvalorizado diante da crise social e económica causada pola situación mundial inherente ao capitalismo.

As formacións puxantes na area electoral basean o seu discurso en vender unha unidade da esquerda máis fictica ca real, e arremeter contra a corrución, mais descoñecemos cal é o seu programa, e concretamente cales son os contidos ambientais do mesmo. Non é necesario, parten de que os eleitores non len este tipo de documentación.

O impulso de principios ambientais básicos e transversais nas políticas de goberno xera problemas e conflictos, pois choca contra os intereses de especuladores e aproveitados, mais tamén contra aqueles da veciñanza do común que non se sente consciente da defensa ambiental, ou incluso séndoo, consideran que ese asunto non vai con eles e viven satisfeitos con pasar o traballo de seleccionar o lixo para reciclaxe, por exemplo. Con medidas como esta, o contribuínte dá por realizada a súa achega ao medio ambiente.

Mentres, sofremos o verán máis caloroso do século, baixa o nivel freático da auga, inzan os incendios e camiñamos cara a unha evidente desertización, mais aproveitamos a gozar do sol, que xa virá o inverno.

,O movemento ecoloxista predicou dende hai tempo moitas letanías relacionadas co medio ambiente e foi acusado de profeta do malagoiro, ignorado e mesmo desprezado. Hoxe, a comunidade científica refrendou moitas daquelas prematuras afirmacións, confirmou tamén moitos dos conceptos que de novo chegaban á sociedade e mesmo foron asumidos moitos postulados sendo considerados agora como normais, mais nin se recoñece o papel que xogaron aquelas persoas nin se apoia suficientemente ás organizacións.

Mais o nacionalismo si ten propostas. No programa do BNG-Nós candidatura galega están presentes no apartado sete, adicado ao Coidado e recuperación do medio, e vanse debullando en diferentes subapartados: Xestión de residuos, Saneamento integral e xestión da auga, Protección do noso mar, Espazos naturais e biodiversidade, Participación pública e educación ambiental e Benestar animal. Sen entrar en detalle en todos os aspectos, pois sobordaría o espazo deste comentario e restaría interese da consulta do propio programa, paga a pena destacar dous aspectos.

Por unha banda o proceso de incorporación de propostas, realizado por persoas cualificadas, recollendo ideas dende diferentes ámbitos, deste xeito o programa contempla algunhas das reivindicacións máis salientables da sociedade activa ambientalmente, como son a ampliación da Rede Natura e mesmo a declaración do Pindo como Parque Natural e a inclusión da Serra do Galiñeiro no Parque Natural do Aloia, por poñer uns exemplos. Mais ve tamén como chegan propostas á organización, de movementos e plataformas de defensa ambiental, que recollen e asumen loitas ambientais iniciadas pola formación política, isto, en todo caso, é un éxito político, pois máis alá do calado das propostas, máis alá da consciencia ou non dos promotores, aquelas propostas que foron consideradas unha tolemia, unha profetización no deserto, hoxe son consideradas socialmente aceptables.

Como segundo aspecto, as políticas da candidatura nacionalista estiveron baseadas sempre na necesidade do mantemento dunha calidade ambiental mínima para o desenvolvemento das actividades produtivas, unha boa calidade de vida e o desenvolvemento de actividades novas e alternativas que dean impulso a unha zona. Nesta liña está a defensa da retirada da celulosa da ría de Pontevedra ou o desenvolvemento da reciclaxe e compostaxe como alternativa á política de residuos urbanos imposta polo PP.

É por iso que compre consultar o programa do BNG-Nós candidatura galega e contrastalo coas propostas das formacións que confrontan este período electoral, analizándoo e estudándoo cunha visión ambiental e sustentable pois nela vainos o futuro inmediato da pervivencia sociedade galega.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.