Preparando un centenario

Preparando un centenario

É habitual acoutar o problema da memoria histórica na Galiza á violenta represión vivida como consecuencia do alzamento militar fascista de 1936 e á instauración da ditadura franquista. Porén, o problema da memoria histórica do país é moito máis amplo e grave. Comeza pola eliminación, ocultación, deformación e ignorancia, amparadas academicamente, que pairan sobre a nosa historia medieval, unha época crucial, tanto por expresar a potencialidade dun pobo en evolución normal, con clases dirixentes, como por acabar producíndose inevitábeis confrontacións cuxo desenlace significou o inicio do sometemento de Galiza, cunha grave secuela de exiliados, mortos, desafiuzados e expropiados e a desaparición dunha perspectiva política propia. Mesmo das etapas posteriores, incluídos o século XIX e o XX, a nosa memoria histórica é fráxil ou inexistente, como corresponde a unha concepción provinciana , na que Galiza non pode nin debe existir máis que como eco ou apéndice da historia de España. Mesmo sucesos de grande incidencia social e popular acaban por desaparecer da conciencia colectiva por falta de transmisión xeracional, debido a unha autocensura que devén de non gozaren nin do asentimento, nin do beneplácito dos aparatos de modelación social do Estado español, desde a escola e os medios de comunicación até as institucións culturais e académicas ao seu servizo. O resultado final é unha sensación de descoñecemento respecto de nós mesmos, que acaba, moitas veces, en estrañamento e desapego, sobre o propio país. Este desapego ou desvalorización veñen reforzar o sarillo da ignorancia e o descoñecemento sobre o país para levalo como natural. Mais as consecuencias non son benéficas ou inocuas.

Por iniciativa nacionalista, comezaron a darse os primeiros pasos para lembrar, tirándoos do esquecemento, os graves sucesos que aconteceron na comarca de Ferrol en marzo de 1918, dos que se cumprirán cen anos o vindeiro 2018. Primeiro, o BNG de Narón organizou, hai máis dun mes, un acto informativo na parroquia de Sedes-Narón, lugar onde se produciu, debido á represión da garda civil o día da feira do 13, que disparou sen cancelas, a morte de varias persoas, ao final sete, entre elas dúas mulleres, alén de seren feridas numerosos persoas, algunhas de gravidade. Logo do acto informativo de Narón, dúas semanas máis tarde, a Sociedade Cultural Medulio de Ferrol organizou un acto similar, pois a cidade foi o epicentro da convulsión, con constantes mobilizacións populares, primeiro de mulleres, sobre todo, e logo tamén de obreiros da Construtora, co resultado de dous mortos, un mozo de 17 anos e un rapaciño de 12, e ducias de persoas feridas e encarceradas, na súa maioría mulleres. A intención é lograr a constitución dunha ampla plataforma social de ámbito comarcal para facer aboiar a memoria duns sucesos cuxa lembranza case desapareceu da conciencia colectiva, e que, mesmo nas denominadas historias de Galiza, está evaporado. Trátase de facelo coa maior incidencia popular, subliñando a capacidade de rebeldía, combate e sacrificio das clases populares galegas, en defensa dunha vida digna, moi en especial o protagonismo das mulleres, así como a resposta represiva, co recurso ao máuser da garda civil e aos fusís do propio exército, por parte do Estado español, como unha constante, contra manifestantes indefensos en demanda de xustiza. Queremos facer unha homenaxe que sirva para escorrentar tanto estrañamento e tanta renuncia a ser o que somos e a recoñecernos en aqueles de onde vimos e grazas a quen aínda somos.

Que provocou as mobilizacións e protestas populares, coas mulleres na vangarda desa protesta? A concatenación de feitos sanguentos concéntrase entre os día 9 e 13 de marzo, comezando o día 9, en Xuvia, onde unha manifestación de mulleres labregas e/ou obreiras en protesta pola carestía da vida acaba sendo dispersada por disparos da garda civil co resultados de varias feridas e dúas de gravidade, Josefa Noval, de 28 anos, e Rosa Tenreiro, de 17, suceso ben estudado por Laura Tato xa na década dos noventa; o 11, a situación en Ferrol é explosiva, pois centos de mulleres toman as rúas, ao berro de "temos fame", esixindo a baixa dos prezos dos alimentos básicos, e denunciando aos almacenistas acaparadores. Cerra o comercio e o marcado, após producírense as dúas mortes ás que xa fixemos referencia, a do obreiro da Construtora de 17 anos, e o rapaciño de 12, por disparos da forza pública. Ducias de feridos e feridas son atendidos no hospital e a Casa de Socorro, e comezan as detencións de quen consideran dirixentes das protestas, na inmensa maioría mulleres. Boa parte delas, máis de quince, non sairán do cárcere até pasados dous meses, pola promulgación dunha amnistía por delitos sociais e políticos.


,O Goberno aplica o estado de guerra e as forzas militares toman as rúas de Ferrol. As estacións de ferrocarril na comarca e os accesos á cidade son controlados pola garda civil, que custodia tamén os trens de mercadorías: considérase oficialmente un motín o que acontece. A solidariedade dos traballadores da Construtora exprésase o día 12 en dúas manifestación de entre 4000 e 6000 traballadores, especialmente indignados polo intento oficial de soterrar o obreiro asasinado clandestinamente, prescindindo da cerimonia do enterro. A censura vai dificultando a información na prensa escrita e o recurso gobernativo ás interferencias, ruídos e mesmo a anulación da súa operatividade impiden facer uso do telégrafo ou do teléfono. Por se fose pouco, o día 13, nunha atmosfera de grande tensión, celebrándose a feira do 13, teñen lugar os xa tamén aludidos asasinatos en Sedes, como consecuencia da represión contra centos de homes, mulleres, labregos e labregas, feirantes, que se manifestaban e protestaban contra os acaparadores de alimentos. Tamén nesta caso, a solidariedade dos traballadores da Construtora non se fixo esperar acudindo en masa ao enterro das primeiras vítimas. Sempre houbo nelas intervencións de marcado carácter socialista. Era a expresión dunha masa labrega e obreira, a maior parte das veces simbiótica, con as dúas condicións, que vivía unha situación indignante, fronte á que reaccionou cun nivel de conciencia crítica e de rebeldía admirábeis, atinxindo dun maneira intensa as mulleres.

Cais eran os elementos que definían a situación e que aguilloaron o nivel de conciencia crítica e de rebeldía ? Velaí van de forma sintética, advertindo que se interrelacionaban uns con outros, representando a opresión, por unha parte, e o desacougo e a rabia impotente, pero con desexos de estoupar organizadamente, contra ela, pola outra:

a) a carestía dos produtos de primeira necesidade, provocada, en boa parte, polos lucros derivados da exportación aos países aliados na primeira guerra mundial, a especulación cos alimentos , e unha inflación que desbarataba calquera mellora salarial.

b) unha política fiscal de longa tradición, especialmente simbolizada polos denominados consumos, que resultaba abusiva, discriminatoria e inxusta e provocou graves protestas en toda Galiza, sendo un dos casos rechamantes o de Nebra (1916). De feito, este problema aguilloa os labregos da comarca ferrolá que agora protestaban tamén pola carestía da vida.

c) o descrédito do réxime monárquico, bipartito, oligárquico e centralista, da Restauración, coa crítica aberta contra el dos partidos e organizacións nas marxes, socialistas, republicanos, nacionalistas cataláns, vascos e galegos.

d) a vitalidade dun movemento agrarista na Galiza, que leva anos mobilizando o campesiñado contra os foros, a propiedade plena da terra por quen a traballa, e contra o caciquismo dos partidos turnantes.

e) o impacto da revolución rusa nas clases populares, que favoreceu a crenza na posibilidade de acabar coa opresión dos traballadores e a inxustiza social, pois así foi percibida inicialmente polas maiorías sociais. Nunha palabra, deulle ao socialismo unha pátina de credibilidade, de posibilidade no mundo real.

f) a incidencia do discurso favorábel á descentralización do Estado español, con propostas dun estado xenuinamente federal, baseado na existencia de diferentes nacións con soberanía, con linguas e culturas diferenciadas, e realidades económicas non homoxéneas. As Irmandades da Fala expresaron na Galiza este discurso e esta práctica.

Hai indicios claros de o discurso socialista tinxir estas protestas, darlles pulo e lexitimidade. Como os hai do nacionalismo ser unha forza actuante no mundo campesiño da zona, e así o puxo de manifesto o seu órgano de expresión A NOSA TERRA co gallo dos sucesos de Sedes, deixando claro o seu apoio e solidariedade prácticos.


,
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.