Preguntas


Tamén o 28 de outubro celebrou o derradeiro pleno o Tribunal Constitucional coa composición que tiña desde o ano 2017. Formado por unha maioría conservadora, e como tal funcionou dando por boas leis do PP, como a de Seguridade Cidadán (Lei Mordaza) elaborada para que a xente non se manifestase. Produto dela foi a escandalosa sentencia do deputado de Podemos Alberto Rodríguez de retirarlle a acta, ademais da multa, por darlle unha patada a un garda nunha manifestación, a pesar de que so se probou coa palabra do agredido. Do mesmo xeito que os políticos teñen que soportar a crítica, os insultos e o acoso, como ao que foron sometidos diariamente Pablo Iglesias e Irene Montero diante do seu domicilio, que a un garda lle dean unha patada, nada importante, son gajes do oficio, son riscos laborais que lles entran no soldo. Está claro que foi un castigo dun xuíz que non simpatiza con Podemos. Cando cambiou o Goberno dedicouse a anular decretos-leis. A oposición quere gobernar e lexislar co auxilio dos maxistrados conservadores.

O 26 de outubro o Tribunal Constitucional declarou inconstitucional o imposto sobre o Incremento do Valor de Terreos de Natureza Urbana, pois se non hai norma para determinar a base impoñible, non hai tributo. En febreiro de 2017 dixo que non era contrario á Constitución salvo se non había incremento de valor; en outubro de 2019, declarouno válido sempre que a cota a pagar non fora confiscatoria. O que era constitucional en 2017 agora non o é. ¿Quen tiña o Goberno do Estado daquela? O PP, a dereita. ¿Quen o ten hoxe? Un Goberno de coalición, de esquerdas. Este mesmo tribunal declarou inconstitucional o primeiro estado de alarma, prefería o de excepción,o que utilizaba Franco para controlar a orde pública, e tamén o segundo que estivo vixente do 25 de outubro de 2020 ao 9 de maio de 2021. As multas por saltar os confinamentos foron anuladas, premiando así aos insolidarios e carotas que se pasan as normas polo arco de triunfo. Nos dous casos, ¿quen presentou o recurso? Vox. Mentres que en Europa se procura illar a estes partidos, aquí os tribunais dánlle aire. Abascal axiña saíu a decir que era o único partido que defende a legalidade frente a los atropellos de socialistas, comunistas y populares”. É dicir, con esta decisión do Tribunal está contribuíndo a engordar a bicha.

Nos dous casos houbo votos discrepantes, o cal quere dicir, que o mesmo pode ser A que B. ¿Por que o PP leva tres anos boicoteando a renovación do Consello do Poder Xudicial coa escusa de que se cambie o sistema, para que os maxistrados se elixan entre eles? Por dúas razóns, porque na composición actual hai maioría de conservadores, e no futuro si se fai como pide o PP, tamén.

Xa hai anos que lexislan tumbando as leis aprobadas no Congreso, pero agora polo mesmo procedemento dedícanse a gobernar. A sentencia do deputado de Podemos por darlle supostamente unha patada a un policía, algo que non se probou, é un escándalo, porque ao cabo é un risco que teñen que correr os que teñen ese oficio, como cando se insulta aos políticos, vailles no soldo, non só desde o punto de vista xurídico, que confirma unha vez máis que algúns dos xuíces non se esquecen da súa ideoloxía ou do partido que os propuxo cando ditan sentencias, porque anque pensen outra cousa, a xente non é parva, e o que están a facer e aumentar o desprestixio da Xustiza.