Por un Sistema Público de Pensións e uns salarios dignos

Por un Sistema Público de Pensións e uns salarios dignos


Vai facer o próximo 15 de xaneiro catro anos que as e os xubilados saímos á rúa para reclamar o mantemento deste sistema público de pensións, por unhas pensións mínimas dignas e unha subida acorde, como mínimo ao IPC, para non perder poder adquisitivo e por un reparto da riqueza mais equitativo, subindo os salarios mínimos dos actuais traballadores para poder ter o día de maña, tamén eles, unhas pensións dignas.

Saímos daquela á rúa, indignados pola infame carta que nos mandou a daquela ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, na que se burlaba de nós dicíndonos que tiña o honor de informarnos que actualizaba a nosa pensión con un 0,25% para o ano 2018, o que supoñía para algúns 1,25 euros mensuais brutos e para outros 6,75, cando sempre se fixera esa actualización anual aplicando á subida do IPC interanual do ano anterior. Xa levaba aplicando ese 0,25% desde que entrou de ministra, pero nós xa non podíamos aturar mais tanto desprezo.

Foise o PP do Goberno do Estado e entrou este goberno de coalición, mais progresista do mundo mundial, desde aqueles que vivían nas covas de Atapuerca, e prometeu derrogar a Reforma laboral do PP do ano 2012, o Factor de Sustentabilidade da Reforma de Pensións de 2013, tamén do PP, e manter o poder adquisitivo dos pensionistas, pero agora ningunha das tres cousas: Nos dous primeiros casos vainas reformar ou maquillar un pouco, mentres nos van aplicar a trampa do “tocomocho” que inventou Escrivá para a actualización das pagas mensuais. Todo elo coa colaboración necesaria dos dous sindicatos españolistas que firman o que lles poñan diante con tal de recibir as frangullas que caian das mesas do Diálogo Social e do Pacto de Toledo.

O sistema de cálculo que van utilizar agora non pode ser mais arrevesado nin mais contrario aos intereses das e dos pensionistas: Na vez de aplicar o tanto por cento do IPC interanual, como se fixo sempre e como se aplica aos convenios colectivos para non perder poder adquisitivo, collen o total dese IPC e divídeno entre os doce meses do ano, co fin de conseguir o que eles chaman media mensual do ano, que será o tanto por cento que aplicarán de subida, polo que este ano o custe da vida foi un 5,5%, pero so nos subirán un 2´5%, perdendo un 3% dese custe. Así que neste ano perdemos mais da metade do que perdemos co 0,25% de Fátima Báñez nos cinco anos de vixencia.

Pero iso aínda se pode agravar moito mais noutros anos, segundo se dean uns casos raros de IPC e unhas inflacións moito mais elevadas, como pode ser o caso de aquí en adiante. Por exemplo, si a subida do IPC dun ano fora arredor do 1% cada mes, sumaría unha subida anual dun 12 %, pero ao facer a media, dividíndoa entre os 12 meses, a subida non sería mais que o 1%, perdendo nese ano un 11% sobre a carestía da vida.

Isto que aprobaron no Congreso dos Deputados o pasado día 2 é moito mais grave do que parece, por moito que diga con todo descaro a mentireira ministra de Traballo e Economía Social: Hemos garantizado a los pensionistas que sus pensiones se van a revalorizar con el IPC, ríndose de nós e tratándonos de imbéciles, pois con este sistema de Escrivá incluso as pensións mais altas, que hoxe están topadas polo máximo que paga a Seguridade Social, poden pasar en poucos anos a ser unhas pensións de miseria, insuficientes para satisfacer o gasto dos produtos de primeira necesidade, vitais para a supervivencia dun ou dunha pensionista, e as pensións mínimas quedaríanse nunha pequena esmola.

Poden dicir estes progresistas, que calculan a revalorizarán en base ao IPC mediante unha arrevesada fórmula, pero nunca que se van revalorizar co IPC, que son dúas cousas ben diferentes; mentindo tamén cando sacan peito e aseguran descaradamente que grazas a eles non perdemos poder adquisitivo.

Compre plantar cara a este falso progresismo, a tanta mentira e tanta burla, loitando por uns salarios dignos e unhas pensións públicas acordes coas necesidades das persoas maiores. Non podemos perder este sistema solidario interxeneracional que lle arrincamos ao franquismo e que agora pretende quitarnos este remedo de democracia borbónica, coa avesa intención de privatizalo.