Polución atmosférica e chisqueiro

Polución atmosférica e chisqueiro

A ausencia de choivas é un feito case insólito no noso país, aínda que cada vez teremos que nos afacer máis. A circulación atmosférica no Hemisferio Norte lanza borrascas continuamente do oeste cara ao leste, circulan nesa dirección baixo os tetos da corrente de chorro polar que circunvala o planeta, como unha boina xirando sobre a cabeza. A causa do quecemento do Polo Norte esta corrente de chorro está retraída, é menos potente, e se ben antes o estremos dos tetos chegaban ata o Mediterráneo, permitindo que as borrascas entraran no Golfo de Biskaia e afectaran a toda a fronte continental atlántica Ibérica, agora, circulan máis cara ao norte, á altura de Irlanda.

A consecuencia da diminución das choivas é que camiñamos indefectiblemente cara á desertificación, tendemos ao clima sahariano. Mais iso non é novo, levamos explicándoo dende hai uns anos, é o resultado do cambio climático pendular, intensificado polas actividades humanas e acelerado nos últimos séculos.

,Protocolo antipolución

Dende hai uns meses chégannos novas dende as grandes urbes relativas á monitorización atmosférica e ás medidas reguladoras da polución. Ao longo do territorio, uns sensores captan continuamente a concentración de contaminantes atmosféricos, poden ser consultados en Meteogalicia (http://www.meteogalicia.gal/Caire/index.action) e emiten as alertas e informes á alcaldía cando se superan uns niveis de concentración de poluentes atmosféricos.

O nivel de aviso esixe que dúas estacións da mesma zona superen 200 microgramos/m3 de dióxido de nitróxeno (NO2) dúas horas seguidas, o nivel de alerta acontece cando tres estacións superan 400 microgramos/m3 durante tres horas consecutivas. A partir de aí ponse en marcha o protocolo de medidas informativas e paralelamente as que limitan a velocidade ou o acceso ao centro da cidade de vehículos a motor.

Mentres ninguén dá unha alerta, tampouco ninguén mira para o ceo.

Non hai máis que subir a un lugar alto, sobre as nosas Rías, para comprobar como unha densa capa escura ocupa grande parte do ceo limitando a visibilidade. Se dende o monte da Groba, no sur de Pontevedra, pode observarse nun día claro o Cabo Fisterra, nesa situación non veredes máis alá do Barbanza, aínda case adiviñado.

Ramiro o da mecha

O señor Ramiro é un tipo octoxenario que de mozo andou co chisqueiro de mecha no peto e tirou do "celtas" a cotío. Hoxe a asma, e de cando en vez a neumonía, fan niño nos seus bronquios, mais non por iso deixa de levar un mecheiro, contraditorio agasallo de Nadal da gasolineira local. Non é para fumar que o ten rigorosamente descartado por prescrición médica dende hai tempo, senón para prender garabullos, batume, follas secas, mato e outra broza. Xa vai para media ducia de apercibimentos da gardería de medio ambiente por prender lume nas súas leiras durante o verán. Non é dos que prenden no monte, vallamedeus!, nin dos que se lle vai o lume, por agora. Mais si que vén sendo dos que en canto chega un día frío angaza o eido facendo unha mouteira, con deseño piramidal, para rapidamente meterlle lume de chisqueiro. E unha vez feita esa fogueira vai para o prado queimar o resto do palleiro de millo. Despois ata a mouteira de silveiras, un pouco máis abaixo, e a dos canos das verzas máis alá. En media hora organiza tres ou catro piras funerarias de diversos restos mortuorios vexetais.

Nun día frío pódense contar máis dunha ducia de lumes en todo o Val Miñor, porque madeira chama a madeira.

O que causan eses lumes todos, máis alá do aumento de CO2, é unha nube de sólidos en suspensión, polución atmosférica que non ascende, dicía miña nai que por estar a atmosfera baixa. Este fenómeno é debido a que o fume non sobe senón que se dispersa horizontalmente, por que?. A causa do fenómeno denominado inversión térmica que provoca unha termoclina, é dicir, debido á existencia de dúas masas de aire superpostas de diferente temperatura e densidade, onde a inferior é máis fría que a superior (inversión térmica), ocasionase unha zona de contacto entre ambas masas que non se mesturan (termoclina). É un teito transparente que o fume non pode atravesar dispersándose horizontalmente ao longo desa capa. Esta situación de anticiclón duradeiro o que fai é acumular baixo ese teito toda a polución de gases dos vehículos, calefaccións, fogueiras, etc.

Pola noite o señor Ramiro ponse malísimo, arquexa como se non houbera aire no mundo que lle chegara, ponse vermello e logo azul e hai que correr para urxencias con el mentres bota pestes contra a cementeira ou contra a cheminé da fábrica de ladrillos.

- Cale papá cale, que todos somos bichuílla de malos fumes- dille a súa filla.

E todo por non saber que facer cos restos vexetais, a compostaxe é unha boa medida de eliminación sen ter que queimar. Para os problemas de combustión nas casas e nas cidades teremos que repensar outros xeitos de vida. Vainos a choiva niso.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.