Poder e formas de goberno
No mundo capitalista imperialista que nos tocou vivir, todas e todos podemos coñecer se nos interesa, quen son as cabezas visíbeis no réxime político dun País nun Goberno calquera, independentemente das formas que este adopte, (República, Monarquía, Democracia, Ditadura...).Mais non podemos afirmar o mesmo se nos preguntamos onde se toman as decisións importantes para o beneficio duns poucos en detrimento das maiorías sociais, presentando o seu interese como o interese xeral de todas e todos. Ese espazo decisivo é a esencia do poder político burgués; un ente que existe a pesar da súa invisibilidade e das diversas formas de Goberno, dotado dunha capacidade competencial xerárquica, permanente e invariábel, que actúa as agachadas como unha ferramenta viva ao servizo da Ditadura do Capital. O Estado profundo segundo os seus propagandistas para ocultar o seu caracter de clase.
O primeiro conflito social relevante, que marca o comezo da historia da humanidade, coincide co desenvolvemento do antagonismo entre o home e a muller na monogamia. Esta é a primeira opresión de clases, coa do sexo feminino polo masculino inaugurando o patriarcado que chega aos nosos días, (Engels, Orixe da familia a propiedade privada e o Estado) (a primeira división do traballo é a que se fixo entre o home e a muller para a procreación dos fillos.-K.Marx). A partir da transformación orixinada por esta revolución que lle dá todo o poder ao sexo masculino, a sociedade escíndese entre propietarios e puseidos, explotadores e explotados, ricos e pobres, opresores e oprimidos... A loita de clases convértese na gran protagonista da historia da especie humana, na que as interminábeis guerras son o seu corolario.
Ata hoxe, a igualdade orixinal rota co patriarcado fai evolucionar a sociedade conforme mudan as clases dominantes, sempre sobre a base do patriarcado. O Estado xurde como unha necesidade para manter oprimidas as clases e pobos explotados. A esencia de clase do Estado era visíbel na sociedade precapitalista como un atributo das clases dominantes, ao exercer o poder directa e persoalmente, e auxiliados con sicarios e escravos como en Greza e Roma.
En Occidente, a raíz da acumulación de riqueza grazas a expansión e conquista derivada do saqueio colonial, foise xerando unha nova clase social, a burguesía, que disputaba o poder do Estado dos decadentes señores feudais, por converterse nun obstáculo ao desenvolvemento económico desta nova clase social emerxente. A burguesía capitalista vai adaptando o Estado feudal os seus intereses coas reformas pertinentes.
No Estado moderno do capitalismo actual, o Poder e o Goberno constitúen dúas fraccións distintas nos Estados e Nacións, aínda que na aparencia preséntanse como un todo único. Así, o Estado capitalista desdóbrase en dous elementos enlazados; contido de clase e forma de Goberno, no que o primeiro é o factor determinante. Esta división acontece coa chegada da clase capitalista ao poder e responde á necesidade do Capital, que como poder económico que prevalece sobre os demais, eríxese no interese xeral de toda a sociedade ocultando o papel do Estado como servidor da élite burguesa, o que lle permite adicarse exclusivamente os seus negocios privados valéndose dun Aparello Estatal formado por unha casta asalariada de funcionarios diversos, que actúa como unha mediación externa á elite, dotada dunha autonomía relativa e condicionada polo poder económico burgués.
Este Aparello Estatal burocrático gobernamental comprende unha complexa diversidade de institucións(Exército, Policía, Executivo, Lexislativo, Xudicial, Administración, Comunicación, Opinión Pública, etc..).Todas formalmente independentes entre si, e do mundo privado da economía que actúa sobre a masa laboral asalariada. Esta maraña de organismos constitúe a forma de Goberno que encubre a esencia de clase do Poder estatal.
O Estado de clase burgués exerce o control sobre o pobo a través das súas mediacións internas, que non transcenden o ámbito da clase dominante, que hoxe tamén coñecemos como Estado profundo na terminoloxía burguesa, e permanece oculto tras esta envoltura do aparello estatal gobernamental. Desta maneira a esencia de clase do réxime político burgués mantén a continuidade cos Estados precapitalistas mediante a súa xerarquización vertical do poder moito máis centralizado, por enriba de calquera Lei e compatíbel con todas as diversas modalidades formais de Goberno que o oculta como Ditadura do Capital, e que hoxe transcende os Estados e as Nacións co Imperialismo e co derradeiro Imperialismo Unipolar neste ciclo histórico.
A agourada caída do Imperialismo Unipolar, e con ela dos febles imperialismos dependentes, significará un cambio profundo nas condicións históricas do capitalismo imperialista, afectando a todos os reximens políticos dos países colonizados e seme-colonias, que hoxe viven so a opresión do Imperialismo e baixo as súas distintas xerarquías, concernindo a súa esencia de clase e tamén as formas de Goberno. Orfos do poder imperialista, os vínculos de clase subordinados a este, debilitaranse ou desapareceran paulatinamente, cando non serán substituídos por un novo Poder Ultra Imperialista.
A febleza destas ligaduras abre ante as clases populares destes países subordinados a posibilidade da conquista da liberación nacional, con todos os matices e diferencias que se apresenten, so a natureza estatal dun poder popular propio pola vontade explícita das súas maiorías sociais. Coa quebra destas ligaduras, mudaría a esencia do poder e as súas formas de Goberno baixo estas novas condicións históricas. Na Galiza o réxime político colonial dependente da esencia de clase burguesa da metrópole española cinguida ao Imperialismo, quedaría desenganchada perdendo a súa razón existencial.
Coa crise do Imperialismo non é aventurado presupoñer un novo proceso de descolonización das nacións oprimidas para acadar a súa liberación efectiva, nesta ocasión sen dependencias económicas asoballadoras como aconteceu despois da II Guerra Mundial. Non cabe dúbida de que Galiza hoxe estaría entre elas. Para iso, o nacionalismo galego co gran éxito logrado polo BNG nas últimas eleccións ao Parlamento autonómico pode chegar a ser a maioría no noso Pais, sen necesidade de ataduras españolistas directas ou indirectas para gobernar o Pais, “voando con alas propias” en palabras do noso Bautista Álvarez.
Mais, sen contar cun evento histórico deste calibre, como sería o fin do Imperialismo Unipolar, aínda que permaneza no horizonte, as e os galegos cada vez máis debemos continuar traballando como ata agora polo dereito a Autodeterminación nacional, sempre vinculado a defensa dos intereses e reivindicacións populares das galegas e galegos. Agora cumpre pasar á ofensiva favorecendo un cambio cualitativo nos hábitos psicolóxicos galegos para romper co auto-odio e auto-desprezo colectivos, armando o pobo galego coa ideoloxía patriótica, a combatividade, a autoestima colectiva, o amor a Terra e a estima das súas capacidades humanas e naturais ilimitadas....que conduza a descolonización ideolóxica do Pais, indispensábel para fortalecer a auto-organización popular e de clase necesarias para sermos capaces de sustentar no futuro unha República Galega e popular, Soberana e Independente, Antiimperialista e Antipatriarcal como condicións inescusábeis.