Pequenos detalles, evidencias clamorosas

Pequenos detalles, evidencias clamorosas

A verdade é que custa moito, resulta difícil, aínda habendo vontade, lograr que a vida municipal sexa algo máis que xestión do existente para quen goberna os concellos, sometidos a un deseño moi estrito e controlado, que deixa pouca marxe de manobra. No fundo non deixan de ser unha articulación dun sistema burocrático-administrativo de marcado carácter centralista, interferidos e condicionados por el, e pasto da súa corrosiva concepción provincial, que a dependencia das Deputacións reforza. Se para os gobernos municipais, empeñados en facer unha política a favor das maiorías e con Galiza como referencia, a tarefa é ardua, dura e complicada, para unha oposición que se empeñe en cumprir esa función, no plano reivindicativo, é unha proba de lume. Porque é máis doado limitarse, nuns casos, a competir en ver quen o faría mellor, sen saírse do rego ou mesmo cavándoo máis, ou, noutros, limitarse a emitir un discurso estereotipado, clandestino a maioría das veces, que a nada obrigue.

Non serei eu quen negue a necesidade de xestionar o existente, que é unha urxencia diaria e imposíbel de obviar. Tampouco que hai que facelo o mellor posíbel, dentro do que toleran e hai capacidade. Só pretendo convencer que hai que ter unha orientación, unhas aspiracións e uns obxectivos que incidan en que esa dedicación implique tamén modificación da mentalidade social, conciencia de onde estamos e dos problemas que, social, económica, cultural e politicamente, debemos asumir e solucionar, como pobo galego. Só desde esta perspectiva a política municipal pode ser analizada e valorada con xusteza, pois a maioría dos problemas que os concellos deben atender e resolver con eles están relacionados. Dito isto, permítaseme recorrer a tres anécdotas ilustrativas de como vai a política en xeral, nestes tempos de morna perplexidade, como se todo fose natural, menos intentar mudar nada, tomadas de tres sesións onde foron proclamados alcaldes e alcaldesas de tres cidades: Ferrol, A Coruña e Vigo.

Hai un principio que se cumpre con máis frecuencia do que sería conveniente. A aparencia ten un papel máis decisivo do que sería de esperar nunha sociedade verdadeiramente democrática. E non me refiro á necesidade de adornar debidamente o que se ofrece e fai para facelo máis atractivo, desexado ou querido e valorado; non é iso, non. Refírome a que se aparenta unha cousa que non se fai ou non se cre nela, precisamente cando esa cousa significaría un avance cualitativo moi importante. Por iso trátase de actos sen consecuencias. Parece ser que, acertadamente, na constitución dalgunhas corporacións municipais e co gallo da eleición de rexedor ou rexedora. toucouse o himno galego pola banda municipal. En Ferrol, así foi....O problema apareceu cando practicamente ninguén o cantou e loxicamente quen o fixo non foi dabondo estridente ou suficiente. A anécdota pode parecer trivial, pero é síntoma de como se integran algunhas cousas sen consecuencias, como un rito que non se segue, porque non hai necesidade de sentirse urxido ou aludido. En todo caso, unha perfecta imaxe da atonía que hai respecto do propio país, Galiza, e da ausencia ignorante de todo o que ten a ver con nós como pobo diferente e existente. E da crenza en que hai cousas que son e non son politicamente, que hai que toleralas pero non practicalas. Non vou entrar na cuestión da lingua, da nosa lingua..... A nova alcaldesa da Coruña, en controlado discurso bilingüe, e facendo gala do feminismo en voga, presumiu de coruñesas ilustres, avanzado exemplo de mulleres que, coa súa conduta e obra, desmontaron e combateron os prexuízos contra o xénero feminino e a necesidade de igualdade: María Pita, Juana de Vega, Concepción Arenal , Marcela e Elisa, Teresa Herrera....Quen faltaba? Ouh casualidade!!! Unha señora que viviu e sufriu por defender o pobo galego, en particular as súas mulleres, non clasista, anticapitalista e nada española, que habitou na cidade, e non de vacacións nin como turista de paso...Rosalía de Castro. Por que foi obviada? Será porque a alcaldesa ignora que o feminismo rosaliano é máis aguzado, profundo e radical, desde calquera punto de vista, que o das citadas? Será por fuxir dun nome que evoca un amor excesivo polo propio país e a súa dignidade? Será un lapsus derivado da natural tendencia a crer que canto máis galego sexa algo menos universal é? Pois non o sei. Pero o feito foi ese, e algo indica tamén, nonsí?

E agora vaiamos ao crack, que abraia e asombra a propios e estraños. O señor alcalde de Vigo subliñou fachendoso que vai gobernar con maioría absolutísima e que el era a encarnación ou símbolo da grandeza da cidade olívica: todo por Vigo, Vigo por enriba de todo...Que nos quixo dicir o señor alcalde? Seguramente que se antes mandaba mucho de forma insolente e prepotente, agora vai mandar máis, porque os vigueses lle recoñeceron o poder para de facelo en grao supremo, como sumo sacerdote da boa nova de que Vigo está salvado grazas aos seus bos oficios. Para o señor alcalde non existe o pobo galego, non existe Galiza, axita con absoluta desenvoltura un localismo paifoco, adornado de veleidades universalistas. Así conduce a facer aínda máis fráxil a idea da Galiza como pobo con dereitos políticos, a dificultar a conciencia necesaria sobre as causas da nosa situación, de forma irresponsábel , e a alimentar supostos agravios respecto de outros de dentro, no canto de alimentar a conciencia de cal é o papel de Galiza, onde se inclúe Vigo, nesa España da que o alcalde foi ministro, con nulo beneficio da súa cidade, e diríamos máis, esquecéndose de que existía. Sen dúbida o localismo é, entre nós, a manifestación dun españolismo que, non contento con pretender facer de nós caricaturas, aspira a que embobemos con cromos chistosos, prexuízos grosos e desarraigo. Por se fose pouco, o alcalde revela agora que ten unha concepción da democracia absoluta, isto é, que a democracia como Vigo e el. Pobre oposición!!! Esperemos que, especialmente a nacionalista, non se deixe impresionar nin intimidar. Sen medo. Alguén o agradecerá.

Déixolles aos lectores cavilar sobre algunhas conclusións que se poderían derivar destes pequenos detalles, sobre todo no relativo a nós mesmos, a nosa forma de avanzar, estancarnos ou enganarnos, a nosa forma de facer...ou se queredes, a importancia de intentar mudar tamén moitos pequenos detalles e a non adaptarnos a que a aparencia domine a vida política.