Para que unha Rede de Varamentos?

Para que unha Rede de Varamentos?

A Rede de Varamentos de Galicia (RV) é una estrutura organizada para o seguimento e asistencia da fauna mariña ameazada, tartarugas e mamíferos mariños, que aparecen varados nas praias.

A fauna mariña como bioindicador

A fauna mariña é un verdadeiro termómetro ambiental que nos indica o estado do medio mariño, é por iso que algunhas das especies son denominadas como bioindicadores. Da análise da fauna obtemos a expresión do estado do medio. Así por exemplo, a análise de toxinas mariñas realízase nos mexillóns, sendo utilizada como criterio para a apertura ou o peche da comercialización dos moluscos nas nosas rías. Non hai mostrexador mellor que o propio ser vivo que se alimenta do plancto.

O mesmo ocorre, aínda que a outra escala, co seguimento e análise das tartarugas e mamíferos mariños que dan nas nosas costas. Tamén habería que incorporar ás aves mariñas a este catálogo, pois igualmente forman parte da fauna bioindicadora que aparece varada ocasionalmente, sobre todo coas verteduras de petróleo.

Os primeiros pasos da RV

O seguimento da fauna mariña ameazada deu comezo nos anos 70 a través dos programas ambientais postos en marcha pola Sociedade Galega de Historia Natural, case paralelamente á posta en marcha destes programas a nivel do Estado Español. Nos anos 90 créase a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA que toma a testemuña destes pioneiros, tratando de aglutinar aos estudosos e ás organizacións que se adicaban a percorrer a costa con diferentes obxectivos e que podían aportar información potencial sobre estas especies.

Os resultados non se fixeron agardar, o establecemento dunha rede expansiva de informadores e activistas consolidou o traballo colectivo e os resultados. Antes dos anos 90 a media anual de varamentos non superaba os 35 rexistros e despois rapidamente sobardou os 150 rexistros. A consolidación da RV pode establecerse a partir do ano 1995, e, a pesar diso, as cifras de varamentos seguiron a medrar, por una banda polo aumento da información, mais pola outra porque a causa da maioría das mortes desta fauna no mar seguen a intensificarse, sobre todo as actividades pesqueiras.

Dende hai anos calquera persoa pode dar unha alerta da presenza dun animal varado a través do 112, policías ou protección civil, que se poñen en contacto co teléfono de coordinación da RV (686989008) e pon en marcha os protocolos de asistencia segundo o caso. Todos eles son parte da RV, aínda sen ser conscientes.

O funcionamento da RV ofrece ata hoxe cifras estarrecedoras, cun rexistro total, dende 1990, de máis de 5458 exemplares de tartarugas e mamíferos mariños varados. Un 10% aínda vivos e cunha proporción do 89% de cetáceos, 8% de tartarugas mariñas, 3% de lobos mariños e 1,5% doutras especies como lontras ou grandes quenllas. No relativo aos animais varados con vida o 70% das tartarugas mariñas e o 58% dos lobos mariños conseguen devolverse con éxito ao mar, os cetáceos son aínda una materia pendente dadas as altas necesidades destas especies para seren rehabilitadas.

Dende o ano 1997 a RV foi consciente das necesidades e deu comezo a reclamación dun centro de recuperación específico que contara coas instalación axeitadas para a recuperación, é por iso que paralelamente á reclamación, e debido á falta destas, puxo en marcha as denominadas Unidades de Coidados Intensivos, que son establecementos veterinarios temporais cuns requisitos mínimos para a rehabilitación de tartarugas e lobos mariños, que ao tratarse de xuvenís de entre 100 g ata 20 kg de peso, son manexables e doadamente recuperables na súa maioría.

Entre os anos 2000 e 2009 foron diferentes os proxectos e ubicación do centro. O goberno bipartito deixou enriba da mesa un proxecto con planos, orzamento e ubicación, só faltaba solventar algunha cuestión administrativa e a licitación. Tamén deixou una RV cun financiamento precario, mais aínda suficiente para o seu funcionamento. Pouco despois, coa entrada dos gobernos do PP desaparece da axenda ambiental o centro de recuperación, tamén o propio servizo foi minguando, aportando a administración tan só o 40% do gasto nos dous últimos anos, ata desaparecer o apoio económico neste 2016. Deste xeito botase por terra o mellor servizo deste tipo posto en marcha no sur de Europa, que conta cos mellores profesionais e respaldados polos máis importantes centros de investigación cos que colaboran. Curiosamente, sen apoio da administración galega, a RV sobrevive polo apoio da portuguesa Universidade de Aveiro e dunha entidade ambiental irmá da CEMMA como é a Sociedade Portuguesa para a Vida Salvagem. Menos mal que nos queda Portugal!.

Logo, para que una RV?

Estes máis de 25 anos de funcionamento da RV demostraron a necesidade deste servizo e a utilidade da asistencia, sobre todo no que se refire aos 224 exemplares liberados con vida ou rehabilitados. Temos sobrados argumentos para apoiar este tipo de actividade:

Argumentos éticos: temos a responsabilidade de asistir aos animais que se atopan varados, sempre, máis aínda cando os seus problemas son causa directa ou indirecta das actividades humanas.

Argumentos económicos: a falla de investimento no mantemento da RV desbota as posibilidades de obtención de información que se perde co paso do tempo e nunca se poderá recuperar por moito orzamento que se teña nalgún momento dado.

Argumentos ambientais: os bioindicadores ademais de alertarnos da situación ambiental do medio mariño mesmo pódennos advertir de situacións anómalas ou negativas antes de que poidamos comprobalas.

É por iso que mentres haxa unha tartaruga ou un mamífero mariño chamando a nosa atención dende a beira do mar trataremos de tenderlle a nosa man, con ou sen a administración que corresponda, quen se apunta?.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.