Outra vez os incendios


Nun país como o noso -con dous millóns de hectáreas de superficie forestal e cunha produción madeireira que representa entre o 50-55% da produción estatal, xunto a unha puxante economía vinculada ao pastoreo, a gandaría extensiva e a caza, ademais do seu intrínseco valor paisaxístico e ambiental- o sector forestal debería ter a condición de estratéxico para calquera goberno. Este é un sector no que, polas súas peculiares características, se debe traballar con políticas de amplo consenso e de longo percorrido, onde non caben solucións milagreiras nin actos de inútil voluntarismo.

Os que tivemos a encomenda de xestionar o sector dende o goberno galego acometemos a tarefa, no curto espazo de tempo que media entre finais de 2005 e o primeiro terzo de 2009, de transformar o monte galego apoiados nos distintos organismos, organizacións e colectivos sociais que constituían o Consello Forestal de Galiza (CFG) onde están representados as comunidades de montes, sindicatos agrarios, asociacións forestais, grupos ecoloxistas, industrias e diversos organismos da Administración Galega. Non se trataba de utilizar os organismos representativos para avalar un tipo de política, senón de construír un amplo consenso social participativo en base ao intercambio recíproco de información e ideas, explicando as propostas do goberno galego e buscando os puntos de encontro que permitiran o maior apoio social posible. Á posta en marcha do CFG uniuse a creación da Mesa da Madeira iniciándose un produtivo diálogo que fixo posible a aprobación de múltiples plans e iniciativas lexislativas, como os PLADIGA, a Lei de Prevención de Incendios e o anteproxecto da Lei de Montes de Galiza que, despois dun longo proceso de diálogo, tivo un apoio próximo á unanimidade.

,Esta política, implementada en 2006 e intensificada nos anos seguintes foi a responsable de que os incendios forestais -unha auténtica praga que calcinaba unha media de máis de trinta mil hectáreas anuais e producía máis de dez mil rexistros incendiarios- se colocase, dende 2007, nuns inéditos parámetros de menos de tres mil cincocentos rexistros anuais e unhas escasas seis mil cincocentas hectáreas de media queimadas ata 2009. Non só foi un éxito do dispositivo contra incendios, que sufriu un extraordinario cambio na súa xestión e nos seus medios; un dos principais méritos radicou na mobilización social que se iniciou en 2006 coa creación das Unidades Veciñais de Vixilancia Forestal, do Voluntariado do Monte e na participación activa das Cooperativas (AGACA). Esta participación social, canalizada pola Consellería de Medio Rural e coordinada pola Dirección Xeral de Montes, permitiu mobilizar más de 110 unidades veciñais e unhas 5000 persoas en defensa do monte galego.

Pero a estas iniciativas no terreo da extinción e da prevención seguiu toda unha política dirixida a enfrontar os problemas endémicos no monte galego como o abandono e o minifundismo da propiedade forestal. Así, puxéronse en marcha as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) que permitían atacar con decisión estes dous graves problemas mediante a integración e xestión colectiva de propiedades, con carácter voluntario, nunha acción fortemente apoiada polo goberno galego. Esta política permitiu poñer en marcha máis de trinta proxectos en 2008, cunha proxección estimada próxima a setenta para o 2009. Por outra parte, a Lei do Banco de Terras actuaba de maneira complementaria nas zonas da interface agro-forestal. Estas medidas complementáronse cunha gran actividade de inspección das propiedades polos axentes forestais.

Toda esta política quedou truncada a partires do verán de 2009 coa chegada do PP á Xunta. O dispositivo de extinción era demasiado avanzado e caro para desfacelo, pero as políticas de prevención e forestal non encaixaban cos plans dos populares para o monte galego e, ademais, era moi fácil cortar a billa das axudas e dos investimentos apoiándose no "argumento" da crise económica. Xunto á desaparición das liñas de axuda para os montes veciñais e de apoio á multifuncionalidade, eliminaron os convenios cos concellos en materia de xestión da biomasa en terreos urbano-forestais. Tamén cambiaron a Lei de Prevención de Incendios reducindo o ancho da banda do perímetro de protección de 100 a 50 metros, mandando a mensaxe de que esta franxa era moi difícil de xestionar para a Administración e que os veciños fixeran o que lles parecera. Eliminaron as UXFOR que xa estaban en marcha e contaban cun gran respaldo dos propietarios forestais (30 unidades con 2500 propietarios e máis de 4000 has en poucos meses de actividade). Dando mostras dunha visión política sectaria e de curto alcance cargáronse o anteproxecto de Lei de Montes, que contaba co apoio de todo o mundo, incluso de asociacións e sectores vinculados aos actuais gobernantes, mandando a mensaxe de que se acabara a política de consenso. Non se sabe de reunións do CFG e a fotografía da última Mesa da Madeira que aparece -aínda hoxe- na web da Consellería do Medio Rural pertence á anterior equipa; nada máis elocuente.

Neste contexto chega o verán de 2011 no que a actividade incendiaria foi moderada -e incluso baixa- debido á humidade ambiental e ás temperaturas relativamente baixas vixentes ata agosto. Sen embargo, todos os profesionais relacionados cos incendios forestais saben que os meses de setembro a novembro poden dar moitas sorpresas, porque a seca -propia do outono- propicia as actividades de queimas vinculadas ás actividades de pastoreo e cazadores, moi intensas na zona da Raia e no macizo ourensán. Pero o conselleiro creu conveniente cantar vitoria a finais de setembro, permitíndose unha drástica redución do operativo do verán proclamando, pouco menos, que xa non existían os incendios forestais.

Pero, como dicía Alfredo Suárez Canal, o monte galego é o lugar onde se dirimen algúns dos múltiples conflitos da sociedade rural e hai que saber administrar as decisións políticas, xunto cos tempos e as formas, se non se quere romper o difícil equilibrio dos acontecementos. E o actual conselleiro destapou a caixa dos tronos no peor momento posible, provocando a todos nun momento especialmente crítico. Diminuíndo o dispositivo antes de tempo e sen a participación social veciñal, deixada de lado durante os últimos anos, con multitude de propietarios frustrados coa eliminación de moitos dos seus proxectos forestais e multifuncionais e coa problemática dos lumes de alta montaña empantanada pola falla de iniciativa da consellería só cabía esperar a catástrofe. E grazas a que non houbo vento do nordés porque senón as preto de 15.000 hectáreas queimadas (esta é unha estimación moderada) nos últimos días en Ourense poderían terse facilmente triplicado.

Dende o BNG sempre dixemos que os lumes forestais non só se combaten cun bo dispositivo anti-incendios: xa o hai, pero non é condición suficiente. Proba disto son os datos deste ano, que se acercan perigosamente aos de décadas anteriores. Nin os preto de 800 militares da UME -altamente especializados e con medios novísimos- aportaron grandes solucións a esta vaga de lumes, porque a verdadeira solución está no consenso político-social, na prevención, no diálogo cos sectores implicados e na participación social como parte dunha política estratéxica para o monte galego. O PP fixo exactamente o contrario nestes últimos anos.