Os Comités ou cando 25 anos son moito

Os Comités ou cando 25 anos son moito

Xa sei que os CAF teñen máis de 25 anos, que o seu nacemento é polo tanto anterior e non ten que ver co primeiro proceso electoral que vive a Universidade Galega desde a II República, que a súa grande fortaleza foi/é sumar sensibilidades distintas arredor dun programa de defensa dos estudantes, que tras esta andaina hai moito esforzo e ilusión de diversas xeracións de galegos e galegas e que o seu evoluir está cheo de emendas, transaccións e erros. Pero aínda así máis de 25 anos son moito se miramos ao noso arredor e observamos como aquela constelación de siglas coas que lle tocou convivir aos Comités non pasan da anécdota na hemeroteca ou da recreación mítica das que neles participaron, se atendemos a propia realidade do movemento estudantil no Estado e na propia Europa, ou se valoramos na súa xusta medida as dificultades obxectivas que existiron/existen para participar e organizar nunha asociación como esta. Non calquera tempo pasado foi mellor, todos os tempos pasados foron iguais de difíciles, e aínda así os Comités permanecen, avanzan con todas as súas contradicións, espíritos que é cousa de mortos, aparte, e seguen a dia de hoxe a ser útiles a miles de universitarios galegos que os seguen a referendar como primeira forza electoral nos comicios que se dan nas universidades ou a a participar dos seus actos e mobilizacións.

Son moitas e diversas as razóns que temos os nacionalistas para sentírmonos orgullosos dos CAF e tamén para explicar os aniversarios cumpridos e os que fican por celebrar. Isto é o fenómeno/fenomenal dos Comités está moi vinculado ao seu carácter apartidario e independente, a vontade de unidade na pluralidade, a defensa insubornábel do estudantado e a clareza do seu modelo para o sistema universitario galego.

Nunca os Comités admitiron tutelas. Sendo moitas as persoas que compatibilizamos militancia en forzas políticas e na organización estudantil, sempre se tivo claro o papel dunhas e doutras, centrándose esta nas reivindicación concretas de corte académico, alén de que se tivese moi claro que o noso modelo de universidade implicaba cambios fondos na sociedade ou que participásemos do conxunto das loitas que viviu Galiza. Nunca se lle tivo medo á política, é máis desde sempre estiveron situados nunha coordenadas ideolóxicas no campo do nacionalismo e a esquerda, máis ou menos difusas pero a cada paso máis clarificadas, nun proceso non exento de contradicións, onde houbo que fixar a nosa oposición a Europa de Mastritch ou a CIG como referente sindical na contra de CC.OO, para rematar xa mediados os noventa como organización dos estudantes nacionalistas. Isto é, nin os Comités foron/son transmisores das directrices das forzas partidarias que operaban no seu interior, nin estas organizacións foron correas que aprisionaron á entidade estudantil, uns e outras dábanse folgos en base a un común denominador que eran as propostas que decidíamos en comités, consellos ou asembleas.

A diferencia doutras organizacións os CAF nunca estiveron vinculados a ningún grupo de presión universitario nin baixo o paraugas dun colectivo profesoral. É precisamente isto o que explica que non correra a sorte de moitos competidores, formados para concorrer nun proceso electoral para defender os intereses do departamento ou o decanato de torno, e permanecera no tempo e gañara credibilidade entre os estudantes. Sempre fomos celosos da nosa independencia, até o punto de que os acontecementos máis tráxicos que lle tocou de vivir, a súa escisión no Campus de Compostela no curso 95/96 ,están directamente vinculados ao intento por parte dun grupo de persoas de poñer a organización estudantil ao servizo do reitorado de Villares primeiro e posteriormente da plataforma de profesores na que se apoiaba. Non foi esta a primeira nin a última ocasión na que se pretendeu instrumentalizar aos Comités desde o profesorado até o punto de que as presións deste corpo, foron historicamente o principal instrumento de desestabilización da organización. A universidade é unha institución profundamente caciquil e vertical onde entre os docentes, de xeito maioritario, priman os intereses corporativos, aparecendo só a faciana ideolóxica nas contadas ocasións nas que se precisa o voto do alumnado ou do PAS.

Faltariamos a verdade se negásemos que nos Comités se debateu sempre con moita paixón pero tamén con moitas razóns. Paixón que levou a gastar excesiva artillería argumental, en dimensionar en exceso os problemas ou en situar como a batalla final o que non era outra cousas que quítame unha coma aquí ou ponme un punto aí. Razóns que nos levou a comprender o valor da pluralidade como elemento de unidade, a verificar que no campo universitario non hai espazo para máis dunha organización estudantil nacionalista, a acreditar no axioma leninista de que o concreto une e o abstracto divide, e sobre todo, a acordar, a chegar a acordos, a importancia dos acordos, en definitiva comportarnos coa intelixencia galega de que non hai mellor preito que un mal amaño. Así é todo, se algo foron os CAF foi unha escola de responsabilidade, onde sempre tivemos claro que hai que facilitar a convivencia entre as diferentes posicións existentes no seu interior para cohesionar a organización e para desactivar os enfrontamentos estériles que lle restan eficacia sen que iso supoña renunciar a saudábel confrontación interna de ideas e propostas.

Volver sobre os Comités cando a militancia estudantil fica tan lonxe, non é no meu caso un exercicio memorístico, aínda menos un revival de batalliñas, tampouco unha terapia para medicarme sobre frustracións ou elevar a autoestima, nin por suposto unha conversa con ningunha medium sobre o que se dicía ou o que se quería dicir, sobre o que eramos ou sobre o que pretendíamos que foramos. Achegarme de novo ao movemento estudantil, así sen máis, significa concluír que hoxe como no curso 83/84, é necesario valorar a organización como instrumento para actuar, defender a unidade como suma da pluralidade social, reivindicar o asemblearismo e o debate e afirmar a vontade de construír un movemento estudantil permanente e crítico, sen ataduras partidarias e profesorais, entendido moito máis alá do feito electoral puntual.