Orgullo patrio
Cando chegan as elección xenerais ao Parlamento español sempre hai alguén que di que neste caso non vale de nada votar a partidos nacionalistas, pois eles nunca chegarán ao Goberno central do Estado. Non se dá conta que o presidente elíxeno despois os Deputados no Parlamento e que para iso serven tamén os votos das organizacións nacionalistas, como foi o caso da investidura do soldado Sánchez, que saíu elixido grazas aos votos do BNG galego, de EH-Bildu e PNV de Euskadi e de Esquerra Republicana de Catalunya, aínda que serviu de pouco investilo, pois fixo políticas de dereitas e recortes sociais, coma si dun goberno do PP se tratara. Tampouco cumpriu despois as promesas electorais nin todo o que acordou con eses partidos nacionalistas antes do acto de investidura, porque cando ten outras mozas, aínda que sexan de dereitas, bota man delas para zurrar nas crases populares e nas nacións sen Estado.
Así levou a cabo unha agresiva reforma das pensións, pola que os pensionistas van perder poder adquisitivo todos os anos e din as malas linguas que nin sequera vai respectar as medidas xa regresivas que aprobou o mentireiro Escrivá cos dous sindicatos españolistas, porque aínda queren rebaixar mais o seu poder adquisitivo, debido á inflación que se dispara por culpa das sancións económicas que nos impuxo o seu xefe ianqui a Rusia e mais a nós. Tamén reformou a Reforma Laboral do PP de 2012, que antes prometera derrogar, deixando en pe os puntos mais lesivos para os intereses dos traballadores. Aumenta o orzamento militar ata un 2% do Produto Interior Bruto (PIB), tal como pretendía VOX, mentres só dedica o 1% para investigación. Non se libra tampouco no plano internacional, pois na vez de potenciar a diplomacia, o acordo e a negociación, a súa saída ao problema de Ucraína é mandarlles mais armas para a paz e encarnizar mais o conflito, pero, por outra banda, traizoou aos saharauís, deixándoos sos fronte ás armas do sátrapa marroquí, amigo do emérito e do seu sucesor.
Volvendo ao tema, teño que dicir que escribo este artigo porque o compañeiro Jon Fano, dirixente do activo Movemento de Pensionistas de Euskal Herria (MPEH-EHPM), convidoume a xuntar estas letras para darlle as grazas ao parlamentario Néstor Rego e ao BNG, por presentar no Congreso dos Deputados madrileño unha emenda á totalidade da Reforma das Pensións, pois el xa o fixo tamén na folla de Noticias do pasado 26 de marzo, que distribúe semanalmente ese movemento, algo que me encheu de orgullo ao ver a miña patria recoñecida e honrada, porque si nos damos a respectar, non soamente somos capaces de poñer e quitar presidente no Estado Español, senón que podemos conseguir cousas e temas sociais coa nosa presenza nesa cámara madrileña, que neste caso non só nos beneficiaba a nós, senón tamén á clase traballadora de todo o Estado. Non puidemos conseguilo ao contar só cos 21 votos dos partidos independentistas (BNG, ERC, EH Bildu e CUP), 2 de Mas País, 1 de Compromis e 1 de María del Cármen Pita Cárdenas, de Unidas-Podemos, porque foron precisamente os dous partidos que conforman o Goberno (PSOE e o resto de Unidas-Podemos) os que votaron en contra, unindo o seu voto aos da dereita e extrema dereita (PP, VOX, e Cs), algo parecido ao que aconteceu na votación da Reforma Laboral do PP.
De aí a inutilidade de votar a partidos españolistas (incluso nas eleccións xerais) coa intención de acadar un Goberno “progresista”, para que logo voten contra os nosos intereses, facendo políticas de dereitas cos da extrema dereita, porque mais que nos temas sociais pensan no centralismo.
Agora doume conta porque dicía Castelao que España é incapaz de liberase por si mesma e os únicos que podemos liberala somos os nacionalistas das nacións sen Estado.
Isto éncheme de orgullo patrio, ao saber que grazas ao BNG Galiza é respectada e está ben considerada no exterior; pois si está o BNG Galiza está, e sinto no mais fondo do corazón a dignidade e a ledicia de ser galego de nación e de amar a miña terra.
Moito obrigado.