O voto que vale por dous

O voto que vale por dous

O Goberno galego vén de anunciar de novo a enésima campaña de apoio á natalidade e combate contra a crise demográfica que atravesa Galiza, a través da futura concesión de axudas mensuais de 100 euros por cada crianza que naza en 2016. Outra cataplasma, máis anestésica ca reparadora, para atallar o devalar demográfico, que ten fondas raíces socioeconómicas, e onde hai unha íntima relación entre a progresiva perda de poboación coa paulatina integración nun modelo de Estado unitario e centralista.

A poboación galega experimentou un incremento exponencial até praticamente a primeira metade do século XIX, tanto na época medieval –cando gozaba dun estatus de reino independente- e mesmo durante o Antigo Réxime, antes de encetar o período de integración no Estado liberal español contemporáneo. Entre mediados do século XVI e do XVIII, case duplicou a poboación, contando a esa data cunha densidade de poboación de 45 habitantes por quilómetro cadrado, que supuña -por exemplo- o dobre da que había en Cataluña. Xa cando se comezan a elaborar estatísticas censuais, póñense cifras concretas ao devalar poboacional de Galiza, xusto ademais cando se produce a explosión demográfica na maior parte dos territorios peninsulares. Así, a poboación galega pasou de representar o 13’5 por centro da total do Estado español en 1787, ao 10’64 por centro en 1900, o 7’60 por centro en 1970, até representar na actualidade apenas o 5’8 por cento da poboación de todo o Estado.

Coido que a estas alturas ninguén enarbora hipóteses da falta de azos ou escasa tenacidade das galegas e galegos á hora de procrear como o principal factor da perda de peso poboación de Galiza, senón que cobra cada vez maior relevancia a súa vinculación coa involución socioeconómica do país, que ten directamente a ver coa cada vez maior dependencia do Estado que deseña e aplica políticas económicas que afogan os sectores produtivos básicos con maior potencialidade de Galiza.

Estas políticas económicas non afectan, como se acostuma a aparellar, só ao tecido produtivo. Tamén no eido social, hai políticas que discriminan a Galiza, e penalizan aínda máis a situación económica da maioría da poboación galega. Son políticas públicas en materia de servizos básicos, que teñen unha incidencia moi relevante no status socioeconómico dunha ampla maioría social, polo tanto, no estabelecemento ou mantemento de condicións de vida dignas que inflúen decisivamente, como aditivos necesarios, para orixinar un caldo de cultivo proclive ao sostemento e aumento da poboación.

Iso foi máis patente ao longo desta etapa de crise económica, que pretende ser atallada pola dereita gobernante coa ecuación máis impostos a sufragar entre tod@s (non entre quen máis teñen) e menos gasto público, e que se traduce en recortes nos servizos públicos esenciais, como a sanidade e a educación. Mais tamén nisto hai evidencias empíricas de que a calamitosa (e cada vez máis regresiva) situación que atravesan os servizos públicos en Galiza non se debe só a política de recortes, senón a unha insuficiencia crónica de financiamento, pola falta de control dos recursos fiscais que sosteñen a educación e a sanidade, que se veu agravada polo control máis férreo efectuado desde Madrid, coa conivencia do Goberno galego.

No ano 2009, o orzamento da sanidade e educación en Galiza era de 6.171 millóns de euros. En 2015 foi de 5.456 millóns de euros, acumulando 714 millóns de euros de recortes. Paralelamente, no mesmo período, o sistema de financiamento vixente -onde desde Madrid se efectúa a recadación dos nosos impostos e logo se distribúen a Galiza- foi diminuíndo os fondos a Galiza desde 7.439 a 6.233 millóns de euros. Tamén ao mesmo tempo debemos ter en conta que os ingresos fiscais finalmente soportados en Galiza (2013, última data con datos dispoñíbeis) foron de 10.663 millóns de euros. Reparemos que mesmo en 2015, cando se prevé que os ingresos fiscais do Estado atinxan cifras similares ás do 2007 (anos antes da crise), ao estimarse que superarán os 180 mil millóns de euros, Galiza non verá recuperados os fondos para a sanidade e a educación, pois depende do Goberno do Estado no marco institucional actual decidir como e canto se reparte dos impostos.

A política de recortes en servizos públicos en Galiza non ten causa única nas decisións do Goberno de turno en Madrid, senón que existe unha fonda orixe estrutural, xa que os fondos que chegan a Galiza para nutriren o financiamento da educación e sanidade dependen, en primeiro termo, tanto do establecemento dunha política fiscal progresiva -que recade realmente de quen máis ten- e ao tempo do criterio de distribución dos ingresos fiscais que fixe o Goberno do Estado. Así,contentándose cun cambio gobernamental en Madrid e sen reivindicar que se rache totalmente con ese esquema institucional centralista de control dos ingresos tributarios, se cadra poderían aliviarse algunhas das fendas provocadas pola agresiva política de recortes en políticas sociais mais de ningún xeito se solventaría o déficit estrutural que os servizos públicos teñen en Galiza, ao estar vinculado a que a política fiscal, que debe achegar os recursos económicos para afortalalos, non se decide aquí. Non haberá mudanza radical, con vistas a unha mellora substancial, da sanidade e da educación en Galiza senón vai parella tamén da capacidade de ter un control dos ingresos fiscais (dese o seu deseño até a efectiva recadación) que alimentan ditas políticas sociais, e iso só o está a defender o nacionalismo hai tempo, tamén agora nesta campaña electoral.

Así como na defensa de actividade económica produtiva, o valor do voto a unha forza galega sen obediencia a alternativas políticas estatais está asentado na conciencia de moitas e moitos galegos, tamén debemos de esforzarnos en retrucar o valor dese voto para procurar melloras económicas noutros ámbitos que se consideran esenciais para as maiorías sociais, como é de contar con servizos públicos potentes, nomeadamente nos eidos da sanidade e da educación. O convencemento de que os intereses do tecido produtivo que sustenta ás galegas e galegos deben ser defendidos e representados xenuinamente por forzas políticas propias, tamén debe ser estendido ás políticas sociais, dado que na actualidade na Galiza soportan a hipoteca de ter que financiarse cos fondos públicos que se reparten desde Madrid, malia ter a súa orixe por ingresos tributarios xerados en Galiza. Se non hai un cambio nesa ligazón, poucas probabilidades teremos de mudar a fondo as políticas sociais, teremos e faremos o que en primeira instancia se determine desde o Goberno de Madrid cos nosos cartos. Da mesma forma que se rexeitan medidas cosméticas para paliar un problema estrutural como é do da crise demográfica, tamén desbotemos a ilusión da restauración da política social, de avanzar cualitativamente na atención da educación e da sanidade galegas cun cambio político só disposto a reasignar algúns fondos mais non ceder a Galiza o control pleno dos impostos, de aceptar a nosa soberanía fiscal.

Por iso, nestas eleccións o apoio a NÓS, á única candidatura galega que non ten ataduras desde fóra, vale por dous. Vale para seguir demostrando a capacidade de resposta política constante por nós mesmos fronte ás agresións aos sectores produtivos, e tamén para sermos quen de artellar unha política social para as maiorías deste país, ao ter a firme vontade de reclamar que Galiza teña a capacidade e responsabilidade plena sobre a política fiscal e, en consecuencia, decidamos por nós mesmos que a nosa prioridade son servizos públicos, que por riba de todo queremos asignar financiamento ás políticas sociais sen condicionantes externos. E por riba de todo iso, vale para non ficar nun cambio de ciclo político que preserve unha unidade política que leva aparellada a económica, que até os últimos que entraron en escea se erixen agora como a súa salvagarda, e apostar polas capacidades propias do país sen agardar á ilusión ou remedios importados, pois a riqueza que temos e poñamos en valor é a única garantía de traballo digno na terra e tamén de dispor de recursos para ter servizos públicos básicos para todas as persoas e loitar contra a pobreza e exclusión social.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.