O Movemento Ecoloxista da Galiza: papel, situación e perspectiva I

O Movemento Ecoloxista da Galiza: papel, situación e perspectiva I
Diferentes conflitos sociais, pola defensa da terra e do xeito propio de vida, mais sen dúbida cun claro matiz de defensa ambiental, consciente ou non, marcaron a axitación social que propiciou a necesidade da posta en marcha de organizacións propias sectoriais e centradas no medio ambiente. Así pódense enumerar as loitas en contra dos encoros de Castrelo de Miño (1969) e As Encrobas (1975), contra da destrución de Baldaio (1975), contra a nuclear de Xove (1977), contra os vertidos radiactivos na foxa atlántica (1981-82) ou contra a caza de baleas (1982-85).

Nos anos 70, coa fundación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza-ADEGA (http://www.adega.gal) e da Sociedade Galega de Historia Natural-SGHN (http://www.sghn.org/), deu comezo a andaina do movemento asociativo de carácter ambiental. Posteriormente, nos anos 80, xurdiron un rosario de colectivos, de ámbito local ou comarcal, que pouco despois decidiron agrupar esforzos de coordinación na Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza-AGENG, dando lugar á actual Federación Ecoloxista Galega-FEG (https://federacionecoloxistagalega.org/), composta por 16 asociacións ecoloxistas activas.

Hai algunhas entidades de ámbito galego que non forman parte da FEG, unhas por ser sectoriais ou estar integradas xa por colectivos que forman parte da federación, como poden ser a Sociedade Galega de Ornitoloxía-SOG (http://www.sgosgo.org/), a Plataforma de Defensa da Ría de Vigo-PDR-Cíes (http://www.plataformariadevigo.org/), ou a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA (www.cemma.org) e outras, porque rexeitan sistematicamente calquera vinculación asociativa orgánica, como a Sociedade Galega de Historia Natural-SGHN.

Todas estas entidades conforman o que podemos identificar como o Movemento Ecoloxista de Galiza -MEG.

,Plataformas e oportunidade

Ocasionalmente a proxección do activismo ambiental chega á sociedade a través de coordinadoras ou plataformas, moitas veces circunstanciais, locais ou específicas. Son un xeito de agrandar a base social sobre un problema, de servir de altofalante dunha denuncia ambiental ou do labor dun colectivo.

Mais, esta estrutura, laxa na súa concepción e no seu funcionamento, mesmo pode ser utilizada perversamente con outras finalidades, como proxección de problemáticas particulares, ocultando o verdadeiro obxectivo baixo unha pantalla ambientalista, de promoción de persoas destacadas ou espello de opcións políticas locais que se apoian nelas.

Esta ferramenta, que debería ser positiva para a acumulación de forzas e recursos na defensa dun obxectivo, ou na difusión ambiental e a sensibilización social, convértese nun efecto rebote contrario aos intereses do MEG porque pasa ser invisibilizado, a diluírse nunha masa amorfa, e a realizar un esforzo do que non tira rendemento algún, nin como incremento de apoios, nin de asociados, de xeito significativo.

Exemplo disto foi a propia Plataforma Nunca Máis-PNM. Moi posiblemente toda a sensibilización social ambiental da PNM, máis alá dos seus obxectivos, foi rendibilizada por grupos ecoloxistas foráneos a Galiza, que incrementaron a súa nómina de asociados territoriais, mais de seguro que non houbo un aumento significativo de afiliación, voluntariado, financiamento ou patrocinadores nas entidades galegas actuantes. O balance para o MEG, saído da experiencia PNM, foi unha maior división e fractura xa que anos despois hai máis colectivos, e enfrontamento, que antes do 2002.

Sinerxias sociais

Nos últimos anos, a necesidade das ameazas sobre o noso medio, levaron á sinerxia, a percura de oportunidades compartilladas para obxectivos comúns, deste xeito nace a Alianza por un medio rural galego vivo (http://adega.gal/media/documentos/Bases_Alianza_por_un_medio_rural_galego_vivo.pdf), na que están presentes entidades ambientais, sindicatos, entidades sectoriais do rural e comunidades de montes. Un importantísimo paso pois foi a caída dun pano de ferro, case perdurable dende a aparición do MEG, entre sectores sociais, que mantiñan unha posición enfrontada ao ecoloxismo. Non por iso foron limadas todas as asperezas entre os sectores, mais, produciuse un claro achegamento para poder poñer sobre a mesa temas comúns, e moi espiñentos, como por exemplo a situación do monte, do eucalipto ou do lobo.

Nos últimos meses, cos aniversarios dos 40 anos do ecoloxismo en Galiza, e de ADEGA, ou o dos 25 anos da CEMMA, temos reflexionado sobre a traxectoria e o papel do MEG, pode haber moitas experiencias, ópticas e perspectivas, esta é a miña, da que seguiremos contando.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.