O impacto ambiental no xuízo do Prestige

O impacto ambiental no xuízo do Prestige

A pesar da súa importancia, o xuízo do Prestige pasa por aborrecido e sen maior transcendencia nos medios de comunicación, a non ser que as testemuñas declaren na liña oficial gubernamental, entón si se recolle nos informativos e a nova faise correr como a pólvora. É por este motivo que me pareceu necesario deixarvos aquí a crónica da nosa declaración no Xuízo do Prestige, en calidade de biólogos redactores do informe pericial a respecto dos efectos do vertido do Prestige sobre as especies e espazos naturais protexidos do litoral galego, realizado polos biólogos Martiño Nercellas, Xosé Luís Baleato e eu mesmo a petición da Plataforma Nunca Máis que o presentou diante do Xulgado de Corcubión no procedemento relativo aos presuntos delictos contra o Medio Ambiente e os Recursos Naturais, danos e desobediencia contra APOSTOLOS MANGOURAS AGYROPOULOS e JOSE-LUIS LOPEZ-SORS GONZALEZ.

Este informe foi presentado o xoves 21 de marzo, na Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña, por solicitude do avogado de Nunca Máis, Pedro Trepat. En contestación ás súas preguntas, explicamos ao tribunal as figuras de protección dos espazos naturais presentes en Galiza, tamén explicamos por que consideramos que houbo tres mareas negras diferentes, destacando a afectación causada sobre todo pola terceira marea, en decembro de 2002, sobre os elementos que sustentan a declaración destes espazos como protexidos.

A afectación foi causada pola contaminación mariña aguda (a visible de chapapote aboiando ou nos fondos), e pola contaminación subletal (non visible, presente na columna de auga e de efectos crónicos). Ambas achegan contaminantes altamente tóxicos como os hidrocarburos aromáticos policíclicos-HAP ou os metais pesados. O seu carácter bioacumulador incrementa a toxicidade por un efecto en fervenza na cadea trófica, e acumúlanse como elementos persistentes nos corpos dos animais, pudendo chegar ata a alimentación humana.

Amosouse, por primeira vez no xuízo, material gráfico preparado para acompañar a exposición argumental: as fotografías de satélite da Axencia Europea Espacial-ESA do día 17 e 25 de novembro e os corredores principais de cetáceos e aves fronte ás costas galegas. Describiuse o rumbo errático do barco, a deriva do vertido e como estes, rumbo e vertido, se solapaban coas áreas de interese para as aves mariñas e para os cetáceos, cuantificando a mortalidade efectiva e estimada de aves (125.000-300.000 exemplares), tartarugas (337-841) cetáceos (33-84), lobos mariños (11-28) e lontras (18-46). Con estes datos a marea negra do Prestige foi cualificada como unha das peores a nivel mundial, polo número de especies e de individuos afectados.

Posteriormente interviñeron o fiscal de medio ambiente e os avogados da defensa do capitán, do armador e do Estado. Algunhas intervencións, como a da defensa de Sors, trataban de minimizar o impacto en base ao estado de recuperación da costa referíndose a diversos documentos publicados.

A este respecto os biólogos expuxeron a deficiente monitorización e a escasa produción científica relativa ao caso, debido a contar cunha comunidade científica financeiramente cautiva das administracións, así como a restrición ao acceso a moita da información científica que demostra o impacto do vertido.

Martiño Nercellas explicou a súa intervención na comisión do Parlamento galego a respecto de resgardar o barco no seo de Corcubión: o 14 de novembro de 2002 conseguírase a estabilización do buque, que non verquía, dándose unha certa mellora metereolóxica, polo que nesa situación sería factible resgardar o barco no seo de Corcubión, levándoo á Praia de Talón, tal e como xa acontecera co Andros Fortune no ano 1961, argumento xa defendido por outros técnicos especialistas no mesmo xuízo. Unha vez resgardado, protexido dos embates da ondaxe e temporal, poderíase ter xestionado a carga, evitando un vertido da magnitude que logo se produciu. Recoñecendo naquela intervención, relatada de novo na sala do xuízo, que se poría en risco potencial unha pequena localización da costa galega, mesmo sen áreas declaradamente protexidas no litoral, mais valorando que sempre sería preferible un dano menor, fronte ás consecuencias da decisión tomada que ocasionou varias mareas negras que afectaron a máis de 4000 km de costa, co meirande impacto coñecido en toda Europa.

Coa información dispoñible, os biólogos que redactamos o informe NON podemos concluír que se verteran 20.000 toneladas de fuel no primeiro día e menos cando esas verteduras non poden ser comprobadas na foto de satélite nin chegaron á costa nese momento. A vertedura desa cantidade de fuel desde o primeiro día é o argumento fulcral da defensa de Sors para demostrar que a culpa é exclusivamente do capitán do barco e que non ten nada a ver coa decisión de afastalo da costa.

Finalizada a xornada algúns avogados presentes agradeceron a claridade da exposición, como o avogado de Nunca Máis e os avogados da defensa do capitán e xefe de máquinas. Os propios Mangouras e Argyropulos, que durante as intervencións non deixaran de repetir “yes, yes” e “congratulations”, agardaron a nosa baixada do estrado para felicitarnos un a un e desexarnos boas festas de Pascua.

Informe completo en ADEGA