O iberismo de Antonio Romero Ortiz (II)

O iberismo de Antonio Romero Ortiz (II)
Anunciábamos, na primeira parte deste traballo, que nunha segunda entrega ocuparíamonos dun importantísimo artigo de Romero Ortiz, “España y Portugal” (publicado en La América. Crónica hispano-americano, ano II, nº 2, Madrid, 24-3-1858, páxs. 1-2), -que tería bastante trascendencia-, dunha proposición de lei que presenta en 1859 no Congreso dos Deputados e do libro sobre a literatura portuguesa no século XIX que publica en 1869.

Comezaremos polo artigo. A razón que motivara a súa redacción fora a noticia do matrimonio que se acordara do rei de Portugal coa princesa Estefanía de Hohenzollern e o nacemento do príncipe de Asturias; dous acontecementos que, se ben desagradaban aos partidarios do absolutismo tanto en Portugal como en España, eran igualmente unha mala noticia para as esperanzas iberistas: “esos dos hechos han venido á frustrar el grandioso propósito de fundir, por medio de una boda regia, las nacionalidades española y portuguesa”.

Pensa Romero que, por esta razón, era evidente que a unión ibérica non se verificaría, cando menos durante longo tempo, por un contrato matrimonial. Tampouco, por medio da conquista, “medio que condenan simultáneamente nuestros sentimientos de justicia, la dignidad lusitana, nuestra previsión y los recuerdos de Aljubarrota”. Nin se acordaría nun congreso diplomático, xa que estes, case sempre, foran fatais para a liberdade e independencia dos pobos.

Pero…, había que renunciar á unidade peninsular? Considera o autor que é máis difícil explicar a separación de España e Portugal que predecir a súa futura unión, porque eran dous pobos ligados por múltiples vencellos: idioma, relixión, costumes, carácter, historia e xeografía. Mesmo había “menos semejanza entre varios dialectos españoles y la lengua castellana, que entre esta y la portuguesa”.

Respecto do ámbito da política, no século que corría, o XIX, presentara fases idénticas: “cuando la libertad floreció en España, sus resplandores iluminaron á Portugal: cuando el despotismo pesó sobre nosotros, los portugueses arrastraron sus cadenas”. Os españois pelexaran contra Carlos de Borbón, representante do principio absolutista, case nos mesmos días en que os portugueses combatían contra Don Miguel, representante da tiranía”. Os convenios de Evora-Monte, e despois o de Vergara, “han venido á consolidar las dos dinastías constitucionales; esas dos dinastías que ahora se afianzan con el casamiento de un rey y el nacimiento de un principe”.

Para facer a fusión, o importante era sementar: “no ha de ser estéril la idea peninsular arrojada en el campo de la publicidad”. Todos tiñan que traballar, -cada un segundo as súas forzas-, para que se estreitasen as relacións literarias, políticas e económicas entre os dous reinos, xa fose por medio dun ferrocarril que enlazase ás dúas capitais, xa pola navegación do Texo e o Douro, xa pola unión aduaneira.

A unidade da Península encerraba a idea máis nacional, importante e fecunda de cantas aniñaban no cerebro dos pensadores políticos: “para el interior la libertad: para el esterior la neutralidad: para la Península la unidad. Hé aquí todo mí programa de política nacional é internacional. Libertad, neutralidad, unidad”:

Para Romero, a liberdade era o cumprimento de todos os deberes, o respecto de todos os dereitos e a limitación e harmonía dos poderes lexítimos; a xustiza, a orde, a ciencia, a verdade, o crédito, o progreso, a civilización.

A neutralidade era a paz permanente e garantida, a redución dos efectivos do exército, o desenvolvemento das obras públicas.

E a unidade non era un simple aumento de territorio: era a imposibilidade de sufrir novas invasións afrentosas como a de 1823; a transformacion das colonias en provincias, asimilando gradualmente as súas institucións ás da metrópoli; unha administración, no canto de dúas, un orzamento e non dous; un único exército, unha única armada, un único sistema de aduanas, unha soa representación diplomática no exterior, un único poder central, pero enérxico, que dirixise os intereses xerais da Península. Era o aumento do poderío nacional que permitiría dispoñer dun exército máis pequeno sen perigo da independencia, a consolidación do réxime representativo que permite prescindir da milicia popular sen perigo da liberdade, a resurrección “de nuestra grandeza marítima y el consiguiente dominio del Mediterráneo: de ese lago que se disputan la Francia y la Inglaterra: que la Inglaterra observa desde las baterías de Gibraltar, Malta, y Corfou: que la Francia contempla avanzando desde sus campamentos de África”. Iso era para el a unidade peninsular.

Existía antinomia entre o principio monárquico e a unidade peninsular? Eran ideas antitéticas? Era preciso renunciar ao iberismo para soster a monarquía? Resposta a estas interrogantes dicindo que el, no estado presente da sociedade europea, non concibía a liberdade fóra da monarquía constitucional: “yo quiero creer, no puedo menos de creer que la monarquía es la que está llamada á reparar el inmenso desacierto del conde-duque de Olivares”.

Ao ano seguinte presentará, no Congreso dos Deputados, unha proposición de lei. Esta debateuse en sesión celebrada o 29 de marzo de 1859. (El Clamor Público, nº 4511, Madrid, 30-3-1859; La Discusión, nº 964, Madrid, 30-3-1859; La Época, nº 3060, Madrid, 30-3-1859).

A proposición constaba de catro artigos:

Artigo 1º: Os españois que desfruten de pensións de retiro, xubilación, cesantía ou viuvedade, poderán cobrala, previa xustificación da súa existencia, aínda que permanecesen por tempo indefinido en territorio portugués.

Artigo 2º: A mocidade portuguesa podería cursar os seus estudos nos establecementos de instrución pública subvencionados polo erario español, obtendo neles as mesmas vantaxes que os fillos do reino.

Artigo 3°: Os médicos, cirurxiáns e arquitectos portugueses que tivesen estudado nas universidades de Portugal e obtido nelas os competentes títulos, poderían exercer as súas respectivas profesións nos dominios españois sen máis requisito que a presentación de ditos documentos nunha universidade do reino para a súa convalidación.

Artigo 4º: A diferencia de nacionalidade non sería un obstáculo para que os portugueses capaces de exercer o profesorado opositasen ás cátedras vacantes en España.

Na súa defensa, Romero Ortiz recollerá argumentos que xa expresara en colaboracións xornalísticas anteriores. Di que o pensamento que o movía era procurar, por medios pacíficos e legais, que se estreitasen as relacións con Portugal, dous pobos irmáns que en tempos anteriores tiveran unha existencia común. Afirma que o medio para desenvolver ese pensamento era a asimilación dos intereses morais e materiais dun e outro pobo, lamentándose de que non se tivese feito nada neste sentido, “y si algo se ha intentado ha sido por los particulares y nunca por los gobiernos”. Salienta tamén a indiferencia que, en temas culturais, sentían tanto os españois por Portugal coma os portugueses por España. Só unha selecta minoría “de entendimiento superior y de patriotismo acrisolado”, tentara poñer término a ese triste estado de cousas por diferentes medios, un dos cales fora publicar en Lisboa, ata había poucos meses, unha revista peninsular escrita en ambos idiomas.

Parécelle grave esta indiferencia cando, nese momento, en varios lugares de Europa (a península itálica, os países escandinavos e os principados do Danubio), estábase amosando unha tendencia constante, poderosa e irresistible cara a unidade.

Culpa desta apatía e indiferentismo “al funesto legado del absolutismo”, e aos erros cometidos por España nos sesenta anos que dominou Portugal. Por iso pensa que, en tempo de paz, necesítase estar íntima e estreitamente unidos aos portugueses. Se ben defendía de vello que a base da política exterior de España tiña que ser a neutralidade, coma Suiza, poñía como excepción a alianza con Portugal, “porque nuestros destinos han sido siempre paralelos, si me es permitida esta palabra: nuestros destinos son hoy semejantes; en el porvenir serán comunes”. Neste sentido, chegando ao século XIX, manifesta que, “con escasa diferencia del tiempo, lució la aurora de la libertad, sus resplandores iluminaron á Portugal: que siempre que los portugueses han estado bajo el yugo del absolutismo, nosotros hemos arrastrado también las cadenas de la servidumbre”. Tempos de guerras civís nos dous reinos, con sacrificios mutuos, recíprocos. Mendizábal contribuíra a asegurar a liberdade e a dinastía en Portugal; unha lexión portuguesa viñera en axuda e a recibir o fogo dos batallóns carlistas. Finalmente, lembra de novo as positivas consecuencias, para a liberdade e as dinastías constitucionais, dos xa citados convenios de Évora-Monte e Vergara. Por iso insiste en facer unha excepción, no que respecta á neutralidade, con Portugal.

Logo destas consideracións xerais, Romero Ortiz analiza brevemente os puntos da súa proposición de lei, pedindo aos deputados tomala en consideración. As súas disposicións eran de escasa importancia nos seus detalles, pero grandes no seu espírito: “Esto que hacemos hoy, no es sino dar el primer paso: no es sino poner la primera piedra de un edificio que puede levantarse en lo venidero; arrojemos la semilla en la tierra…”.

Pero o que mellor expresa o seu interese por Portugal, e coroa a súa produción intelectual, será o seu extenso e documentado libro La literatura portuguesa en el siglo XIX (Tipografía de Gregorio Estrada, Madrid), que tamén publicará, dividido en artigos, entre 1869 e 1870, na Revista de España.

No prólogo do libro, no que Romero insiste en argumentos expresados en anos anteriores (descoñecemento das literaturas de ambos os dous países, dificultade de acceder a libros, ausencia de dicionarios, etc.), afirma que, nesta ocasión, non guía a súa pluma un pensamento ibérico (como puidera pensarse por certos antecedentes xornalísticos e parlamentarios), senón que a súa intención era, exclusivamente, dar a coñecer en España os historiadores, os novelistas e os poetas épicos, líricos e dramáticos de Portugal e as súas obras, “donde se reflejan, como en un espejo, las vicisitudes, los progresos, las creencias y las aspiraciones nacionales”. Aínda que consciente de que o seu libro non era unha obra definitiva, cre sen embargo que ten utilidade, porque todo o que se relaciona con Portugal debe ter importancia en España, xa que era un país que, a pesar das barreiras que nese momento os separaban, seguía sendo un pobo irmán; un país que, sen dúbida nun futuro lonxano, pero seguro, “habrá de subordinarse sin abdicación de su importancia, sin sacrificio de sus intereses legítimos, por su propio y espontáneo impulso, y por medios que la Providencia reserva, á esa tendencia universal, poderosa, irresistible, que conduce los pueblos hacia la unidad…”.

No final do libro, expresa o desexo de que, de volver a vista atrás, fose para lembrar as orixes comúns e non para revivir recentes discordias. E co seguinte parágrafo remata a obra: “Ya que no podemos devolver hoy á nuestra pátria comun la unidad que no supieron conservar nuestros abuelos, no agrandemos con ódios inmotivados la distancia que nos separa; no dirijamos nuestras miradas á los campos de Aljubarruta, ni al puente de Alcántara. Fijemos los ojos en el porvenir, y marchemos serena, resuelta y confiadamente hácia él, fortaleciendo nuestro corazón con nobles y levantados sentimientos de patriotismo, de progreso y de fraternidad”.

A publicación do libro tivo tamén eco en Portugal. L. A. Palmeirim (Portugal e os seus detractores, Typ. da Bibliotheca Universal de Lucas & Fillo, Rúa dos Calafates, 93, Lisboa, 1877), que xurde como resposta a un opúsculo de Ángel Fernández de los Ríos publicado 20 anos antes, recoñece que Romero Ortiz sabía moito máis da historia contemporánea de Portugal que de los Ríos, e que os seus traballos, se ben non sempre xustos, eran sempre reflexivos. Considera que, a pesar de non poder ler o libro de Romero coma unha historia acabada da literatura portuguesa (tiña lagoas graves, e apreciacións ás veces erróneas), “o trabalho do sr. Romero Ortiz é estimável, e aparece purgado dos absurdos com que em Hespanha se escrebe a respeito de Portugal”.

Finalizamos xa. Non podemos pormenorizar a bibliografía que se fai eco das citadas iniciativas de Romero Ortiz: para quen poida ter interese, mencionaremos unicamente as seguintes: José Antonio Rocamora Rocamora: El nacionalismo iberista (1808-1936), tese de doutoramento, Universidade de Alicante, 1990; Pablo Hernández Ramos: El iberismo en la prensa de Madrid, 1840-1874. Análisis cuantitativo-discursivo del nacionalismo ibérico desde los textos periodísticos, tese de doutoramento, Universidade Complutense, Madrid, 2015) e Rafael Valladares: “Dos historiografías para una misma historia. El Portugal hispánico (1580-1640) desde La España Contemporánea”, Aula Bilingüe II, pp: 213-241. Unha primera versión deste traballo presentouse nunha xornadas en Santiago en marzo de 2010).

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.