O fracaso do pensamento débil
Coincidindo co inicio da contraofensiva neoliberal, no último cuarto do século pasado (hoxe está intentando apremar os últimos parafusos), xorde unha nova filosofía -a posmodernidade- que se caracteriza polo individualismo, a falla de compromiso no ámbito social, a posta do acento nas cuestións formais e o uso do nihilismo, o relativismo e a hermenéutica como bases doutrinais e analíticas. Aínda que, seguramente, hai aspectos positivos neste pensamento sorprende que, nunha fase de agravamento das desigualdades sociais no mundo, o que se lle ofreza á sociedade sexa unha visión da historia na que non existan referentes válidos nin verdadeiros e no que feitos históricos e principios conceptuais contrastados teñan o mesmo valor que a interpretación que deles poida facer calquera individuo, aínda que non manexe argumentos e teses verificábeis.
Algúns dos principais adalides dunha variante deste pensamento proclamaban -G.Vattimo dixit- que no mundo da comunicación sen fronteiras actual os media son a premisa para existencia dunha humanidade quen de vivir nunha "sociedade transparente" obviando o feito de que as numerosas cabeceiras que existen no mundo mediático -en papel ou no universo cibernético- están controladas por uns poucos e todopoderosos propietarios con capacidade para poder chegar a millóns de persoas e de influír de forma determinante nas súas conciencias cunha, cada vez máis, reducida capacidade de contraste polos seus oíntes ou lectores. Aínda que, contraditoriamente, admiten que a sociedade actual está controlada por un poder forte cren que se pode vencer sen optar pola confrontación con ideas antitéticas xa que vivimos nun mundo onde non hai certezas absolutas. Por tanto, sosteñen que non é necesario combater o poder organizándose nunha alternativa coherente senón que a emancipación chegará negando, simplemente, ese poder e contaminando o sistema con movementos transversais (feminismo, ecoloxismo, ...) dunha maneira "ascética" fuxindo dos partidos e dos sindicatos.
Mentres esta nova filosofía, e as súas diversas variantes, circulaba profusamente por todo o planeta enviando un mensaxe de "activismo ascético" (unha consecuencia extrema desta filosofía é o crónico pasotismo, onde os individuos actúan conforme aos seus desexos persoais manténdose á marxe dos problemas sociais e das iniciativas colectivas) aos estudantes universitarios, traballadores e movementos sociais e asumida en gran medida pola esquerda institucional occidental, o capitalismo neoliberal avanzaba a toda velocidade liquidando os limitados controis financeiros da época keynesiana, domesticando aos sindicatos maioritarios e promovendo unha descomunal concentración de riqueza e poder -sen parangón na historia- en mans dunha excelsa e reducidísima minoría invisible que sorría con displicencia ante o importante éxito do pensamento débil promovido por certos 'intelectuais europeos de esquerda'.
Esa doutrina tiña uns destinatarios específicos, de tal xeito que o pensamento débil debería ser a arma ideolóxica dos máis débiles para derrotar aos máis poderosos (un conto digno do máis rancio cine americano). Esta curiosa filosofía, contra todo prognóstico, foi asentándose -co apoio entusiasta dos grandes media- de forma gradual e continuada entre a sociedade occidental sendo hoxe un substrato fundamental do pensamento imperante onde o individualismo, o espontaneísmo e o apoliticismo son valores respectabilísimos fronte a conceptos como partido político, sindicato (ao que axudou tamén o comportamento errático e -moitas veces- corrompido dos partidos e sindicatos maioritarios) ou outras formas de actuación social organizada.
O xurdimento de movementos espontáneos, como o 15-M, é un corolario desta filosofía. Sen negar, en absoluto, a base obxectiva da indignación popular pola desidia institucional e a situación de espolio e pobreza, causada pola gran banca e o capital financeiro internacional, este movemento ten unha importante compoñente antipartidos e antisindicatos que só se pode explicar polo asentamento desta corrente de pensamento na sociedade actual. Así, por exemplo, algúns sectores destes movementos, levados polos seus prexuízos, ignoran que as organizacións nacionalistas galegas levan decenios loitando contra o capital financeiro e a Europa dos mercadores e levando á práctica -nas institución políticas- alternativas diferenciadas en defensa da maioría social. De igual xeito, non comprenden que só se pode enfrontar con éxito a estes poderes cunha ampla unidade de acción organizada e estruturada no ámbito social e político. Aínda así, os movementos deste tipo, hai que observalos como integrables nun movemento máis amplo onde as mobilizacións teñan un contido cada vez máis racional e operativo (se son quen de lograr superar o seu "activismo ascético").
,Hai que admitir que esta filosofía é tan poderosa que foi modelando tamén a táctica de organizacións autenticamente populares introducíndose nas mesmas a ambivalencia, o "buenismo", o pensamento acrítico, o populismo e o institucionalismo como parte fundamental dunha liña política onde o importante era a representación nas institucións sen que importase moito o que se ía facer nelas. Esa deriva posmoderna acabou homologando esas organizacións co resto do oficialismo institucional provocando a desafección de moitos dos seus primitivos seguidores e votantes orfos, en parte, dunha alternativa capaz de sinalar con claridade os límites e perversións da democracia formal e de traballar socialmente para superalos.
Pero na actualidade, a barbarie na que se está precipitando a periferia europea -cun retroceso de decenios en dereitos sociais e laborais, emprego e servizos públicos- provocada pola voraz e insaciable banca internacional, os grandes empresarios e os seus subordinados institucionais, estase conformando un movemento -que se nutre das numerosas capas populares afectadas- que está dando paso a un combate social organizado e consciente onde o pensamento débil non aporta nada máis que confusión, anarquía e frustración. Fronte ao individualismo, a tolerancia cos poderosos e o relativismo social xorde con forza a necesidade dunha alternativa clara -que se debe ir perfeccionando e axustando coa participación de todos e todas- que sinale aos culpables e exprese os obxectivos imprescindibles e os medios para conseguilos. Fronte a un modelo capitalista esgotado, depredador e humillante para a inmensa maioría da poboación a xente demanda unha alternativa política unida e con capacidade organizativa. Esa alternativa renovada xa existe na Galiza e chámase BNG e a súa propia existencia -nos difíciles e duros tempos que corren- referenda o fracaso das ambivalencias, do relativismo, dos personalismos de salón e da estéril homologación institucional.