O banquete de Conxo


O impacto social do banquete de Conxo (2 de marzo de 1856) foi moito maior do que cabería esperar dun evento destas características. Desde logo, provocou desacougo e ira nas forzas máis identificadas co réxime, Igrexa, grande parte do exército, cargos gobernativos e xornais reaccionarios da Corte e de Galiza. Esta prevención e animosidade era todo un síntoma da estreita vixilancia e censura que se aplicaba contra a disidencia ideolóxica e política e da represión á que se recorría perante calquera indicio de potencial subversión social. Así foi lido polos poderes do Estado o banquete de Conxo, como unha subversión ideolóxica e unha ameaza revolucionaria. Aliás, foi considerada escandalosa a celebración dun banquete de confraternidade entre escolares da Universidade de Santiago e obreiros, máis ben serían artesáns, alén dos brindes de Pondal e Aguirre loaren a igualdade de todos os homes e a fin da sociedade estamental e os gobernos monárquicos propios do absolutismo.

O correspondente do xornal madrileño La Esperanza (23-03-1856) en Santiago, informando con data do 19 de marzo, do envío de oito compañías de infantería e as respectivas seccións de cabalería á cidade, atribúeo a tres posibilidades, seguindo o rumor popular: a) para acudiren prestas a onde se queira perturbar a orde "al restablecerse la contribución de puertas y consumos"; b) "para auxiliar a las autoridades en la causa que se dice va a formarse a los autores de los escandalosos brindis pronunciados en Conjo en el banquete democrático", c) por último, hai quen considera que por mor dunha "vasta conspiración republicana". Precisamente, no aspecto escandaloso dos brindes poéticos, que corrían de man en man impresos, incide o correspondente na Coruña do mesmo xornal madrileño (3-04-1856), con data 23 de marzo. Na súa información podemos observar o desacougo e a irritación da xerarquía eclesiástica e dos sectores confesionalmente católicos e monárquicos: "La reparación de tanto escándalo causado a la vista de una ciudad sensata y religiosa como lo es la levítica Compostela, bien merece que los periódicos monárquico-religiosos digan algo contra los brindis pronunciados en el sitio que más de una vez sería testigo de profundas y piadosas oraciones. El escándalo ha aumentado sobremanera, y los hombres timoratos se sobrecogen de terror y espanto, al ver que los brindis corren impresos con perjuicio de la moral y la religión cristiana, con mengua del trono y hasta de las autoridades subalternas". O correspondente concluía: "¡Dios se apiade de la católica España!". Polo que se ve, o banquete serviu de pretexto á reacción para impulsar a represión en nome dos perigos -potenciais- que os principios democráticos, nos que se fundamentaban os brindes, representaban.

Dous anos máis tarde, tamén La Esperanza (24-05-1858) publica un comunicado de José Ballesteros, asistente ao banquete, desmentindo ao correspondente do xornal católico e monárquico: "Como individuo de la Comisión que la juventud gallega nombró en 1856 para la realización del banquete, debo decir que no fue otra cosa que una franca demostración de fraternidade entre la clase obrera y la escolar, por más que el corresponsal de La Esperanza nos lo quiera presentar como un resultado monstruoso de las ideas democráticas". Defende que a orde só é posíbel cando o individuo goza de absoluta liberdade e acusa o correspondente de alentar a represión e o castigo. Conclúe dicindo que os poetas asistentes ao banquete non pronunciaron brindes coas palabras que se lles atribúen. Como vemos o asunto seguía coleando e pendía como unha ameaza contra os participantes, evidenciando a incompatibilidade do réxime isabelino con principios democráticos elementais, como a liberdade de expresión. A acusación do correspondente en Santiago de La Esperanza (11-05-1858) contra os demócratas e o seu órgano de expresión, La Discusión, acaba facéndose clara e directa: "Esta población está tranquila; mas no sé que mano oculta anda surtiendo los talleres y barquillos de periódicos exaltados como La Discusión; así se instruye al pueblo para que en la hora menos pensada se dé otra comida como la pasada del banquete de Conjo y se escuchen otros brindis como aquellos de: "Con un valor arrogante,/ y aunque al mundo cause risa, / brindo al primer protestante/ que en Santiago diga misa..."

Que podemos cavilar hoxe sobre o banquete? Poderíamos constatar o ideoloxismo esquerdista que caracterizou os brindes dos comensais, mestura de democratismo e republicanismo, propios de quen acreditaban que os lemas básicos da Revolución francesa, igualdade, liberdade e fraternidade, eran o lábaro de salvación. Rechama a preferente irmandade intelectual-obreira nunha sociedade cunha inxente masa labrega. Seguramente é a consecuencia dun universalismo abstracto e da consideración do urbano como algo superior. Este mesmo universalismo abstracto, evidente nos brindes, explicaría a eliminación do galego como lingua de uso para unha función superior: reivindicación ideolóxico-política duns mozos estudados en convivio cuns obreiros (artesáns) comprometidos. Naquela altura os dous sectores, máis os obreiros que os estudantes, terían o galego como lingua de uso coloquial frecuente. Estaban, sen dúbida, condicionados pola configuración dunha diglosia acorde cos novos tempos de desenvolvemento do capitalismo e do centralismo. Co tempo, moi poucos anos máis tarde, algúns dos organizadores e participantes acabarían sendo protagonistas do noso grande primeiro renacemento literario e cultural: Murguía, Pondal, Aguirre, seguramente de non ter morto, e a propia Rosalía, quen, curiosamente, abandona Compostela, camiño de Madrid, no contexto da represión e intimidación que seguiron á celebración do banquete democrático...Foron a primeira xeración de tendencia nacionalista, claramente empeñada en elaborar proxectos e deseños culturais que contemplaban o galego como lingua vehicular.

De entón a hoxe, podemos avaliar os adiantos e os retrocesos que tivemos como país. Evidentemente, nos usos funcionais, cualitativos, do noso idioma, avanzamos. Non fará falla aclarar que outra cousa é o cuantitativo. Está claro que, como non podía ser menos, avanzamos tamén na configuración dun movemento social e político organizado nacionalista que expresa o dereito do pobo galego a decidir por si mesmo, aos servizo da súa maioría social, que definiremos como traballadora. Que os ecos do banquete de Conxo e a súa lembranza sirvan, e axuden, a que Galiza avance nesta dirección, a única que nos pode salvar como pobo, contribuíndo tamén á causa da Humanidade.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.