O anel da nena


Non é a primeira vez que acudo a un poema de Evgueni Evtuchenko, o controvertido escritor ruso, para ilustrar os meus razoamentos. Non me importa que o home sexa un paradigma da contradición, porque o poema ao que me refiro é certamente un acerto entre os textos de denuncia.

Comeza así: "Voulles contar algo do mel" e relata como no frío inverno de 1941 (era o ano da invasión nazi) a poboación famenta de Chistopol, da república de Kazakhstán, facía cola nun mercado cuberto pola neve para mercarlle mel a un home que chegara cun tonel enorme. Non cobraba en cartos, senón en pertenzas que examinaba coidadosamente. A ringleira avanzaba lenta. Un pintor vello desamalloaba os zapatos ao mesmo tempo que lle tendía unha botella ao comerciante. Unha nena achegáballe unha copa diminuta cun anel da nai no fondo. De súpeto chegou un trineo (renuncio á palabra "zorra" do galego oficial porque coido que non nos remite ao mesmo concepto) enfeitado de rosas do que baixou un home impoñente. O home dirixiuse ao dono do mel e pediulle que cargara o bocoi na súa carruaxe, que xa se porían de acordo no prezo despois. "Eles sempre se porán de acordo" -escribe o poeta. Marcharon xuntos e o anel da nena caeu no suco que deixaba o trineo. E remata evocando ao comerciante, que aínda vive cando Evtuchenko está a escribir, e do que asegura referíndose ao mostacho: "Xamais os poderá limpar de mel, sempre lle escoará dos bigotes".

O anel da nena no suco é a esperanza de todos os que perderon canto tiñan na crise brutal que asola o mundo. O home do tonel e o comprador representan o capital, ese devorador que tan ben retratou Castelao no álbum "Galicia mártir", unha especie de humanoide metálico que abre o ventre para deixalo ver cheo de caveiras, sobre a inscrición "Este é o Deus dos feixistas". Deixando á parte os sentimentos que provoca a imaxe da criatura decepcionada, o seu xesto radical a baleirar o contido da copa, porque xa de nada lle vale para o obxectivo de adquirir un pouco de mel, as palabras "eles sempre se porán de acordo" son toda unha chamada a facer o propio por parte dos prexudicados.

Non nos gusta este mundo. Non nos gustan os políticos que nos gobernan. Sabemos que hai outro xeito de facer as cousas. Mais non conseguimos poñérmonos de acordo porque a nosa exquisita sensibilidade lévanos a examinar con lupa as actuacións dos que nos son máis achegados nas ideas e a non lles perdoar ningún fallo. Iso está ben se nos empurra a aprender e a nos autoesixir máis, pero é unha mágoa que a imperfección nos paralice ou mesmo non conduza á desistencia. Partamos de que non somos o ideal, mais queremos camiñar cara a el. Unámonos dunha vez por todas, debatamos xuntos, alén de intereses mesquiños e egos hipertrofiados, andemos na dirección do encontro, rescatemos do suco na neve o anel da nena.

Sei que artigos semellantes a este non sempre son ben interpretados. Enténdese que subscribo as actuacións e maneiras da que poderiamos chamar oficialidade da organización en que milito. Non é ese o caso. Penso, simplemente, que tiran do carro do mellor xeito que poden ou saben. Unhas veces atinarán e outras equivocaranse, mais seguen no intento. Se cadra o que precisan é a nosa forza, e tamén a nosa discrepancia, mais desde dentro, dun xeito positivo. Porque sucede a miúdo que nós somos os nosos maiores inimigos e nos empregamos en tirar brasas no propio tellado.

Perdoen e desculpen a prédica desta muller que, se non peitea canas hai moitos anos, é porque as tingue. En todo caso, volvo ás palabras do poeta: "Eles sempre se porán de acordo".