Non repitamos os mesmos erros históricos
Á altura de 1976, os que estabamos a descubrir a democracia e tiñamos, ademais, unha enorme curiosidade por coñecer a historia do noso país e a crónica do nacionalismo galego, apenas atopabamos nas librerías un par de libros sobre o tema. Pouco máis había que o Sempre en Galiza, que, por certo, viña de ser reeditado de forma incompleta por Akal, en xuño dese mesmo ano. Por iso cando chegou ás nosas mans, despois do verán do 76, un libro como Unha ducia de galegos, de Víctor Freixanes, saciamos dalgunha maneira moitas das nosas interrogantes. Alí, naquelas conversas con Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Luís Seoane, Blanco Amor, Ramón Piñeiro, Celso Emilio, Xosé Manuel Beiras ou Méndez Ferrín, atopamos a memoria viva do galeguismo histórico e do nacionalismo que estaba a emerxer nese momento, tras a morte do ditador. Outro libro que nos abriu igualmente moitas luces foi Los Gallegos, editado nese mesmo ano pola Editorial Istmo de Madrid, unha obra colectiva coordinada por Gustavo Fabra, na que colaboraban personalidades que ían desde don Ramón Otero Pedrayo a Francisco Rodríguez.
Desde 1976 até hoxe, moito é o que se ten avanzado no coñecemento e no estudo da historia do nacionalismo galego. Ano tras ano foron aparecendo libros de reconstrución histórica e memoria de nós, como Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz Andrade, Anxel Casal e o libro galego e O río do tempo, de Francisco Fernández del Riego, ou Os anos escuros, de Franco Grande; libros de conversas con Carvalho Calero, Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez...; libros de investigación como O exilio de Castelao, de Bieito Alonso, ou Piñeiro contra Castelao, de Xoán Carlos Garrido; actas de congresos, diversos libros de correspondencia entre os principias protagonistas do galeguismo ou revistas monográficas como o nº 111 de Grial, sen esquecer a imprescindíbel colección de Historia de Edicións A Nosa Terra que impulsou e dirixiu Francisco Carballo ou a valiosísima colección que creou Isaac Díaz Pardo en Edicións do Castro: "Documentos para a historia contemporánea de Galicia". Toda esa ampla bibliografía está hoxe ao alcance de calquera persoa que teña unha mínima curiosidade intelectual por coñecer mellor a historia do nacionalismo galego e a propia historia do noso país. E convén navegar con certa frecuencia por eses mares para non naufragarmos de novo cada vez que se nos presenta unha galerna. Cómpre cavilar sobre outras encrucilladas históricas, sobre outros momentos delicados que viviu tamén o nacionalismo galego, para ver se desa experiencia do pasado podemos aprender algo que nos sexa de utilidade na circunstancia política actual, pensando sempre no que é máis positivo para o país e tamén, como non, para o futuro do nacionalismo.
A reflexión que quixéramos compartir coas lectoras e os lectores deste medio dixital é a que ten como fío histórico a destrución ou liquidación do Partido Galeguista e a posterior repercusión deste feito no período da transición. Todos e todas nós sabemos que foi unha decisión política que tivo unhas consecuencias nefastas para Galiza, porque xusto no momento no que o país máis precisaba desas siglas e dalgúns referentes do nacionalismo da época da República, do exilio e da loita clandestina contra o franquismo, nin había Partido Galeguista nin nacionalistas históricos cunha organización viva detrás. E iso non aconteceu nin en Euskadi nin en Cataluña, onde o nacionalismo xogou un papel clave nesa etapa tan decisiva para o que veu despois. Galiza, que xa tiña conquistado o estatus de nacionalidade histórica polo Estatuto do 36, non tivo, pola contra, o peso político que si tiveron as outras dúas nacións, o peso político que se precisaba nese momento para abrir un novo ciclo na historia do noso país, no que o nacionalismo galego puidese xogar o papel que en xustiza lle correspondía. E nas causas primixenias deste desenlace sobresae de forma moi notábel a estratexia de Ramón Piñeiro, mais tamén seguramente unha decisión equivocada do propio Castelao, adoptada nada máis chegar a Bos Aires.
Manuel Rei Romeu, que ten estudado con profundidade a personalidade e a obra de Castelao, di unha e outra vez nos seus traballos que os derradeiros dez anos da vida de Daniel constitúen a etapa de maior madurez e coherencia política desta destacada figura do nacionalismo galego. E se o di Manuel Rei, non o debemos dubidar. Agora ben, iso non quere dicir que Castelao, durante esta etapa, non cometera tamén graves erros políticos. E un deles foi o de deixar morrer o Partido Galeguista no exilio. As investigacións realizadas nos últimos anos por Beramendi, Núñez Seixas, Xavier Castro, Bieito Alonso e Xoán Carlos Garrido resultan neste sentido fundamentais para coñecer con rigor e detalle a historia do PG tras o remate da guerra, entre 1940 e 1950.
Castelao chega a Bos Aires en xullo de 1940 e a súa principal preocupación vai ser conseguir a unidade de acción dos exiliados e dos emigrantes que conforman a grande colectividade galega e tratar de asegurar a representatividade política que nacera das urnas, mantendo vivas as aspiracións do nacionalismo. Para alcanzar ese obxectivo estratéxico de reagrupamento dos galeguistas exiliados, e mesmo dos emigrantes, Castelao pensa nunha fórmula organizativa suprapartidaria, de carácter interclasista, no que se poidan integrar persoas de moi diversas ideoloxías, tendo sempre a Galiza, naturalmente, como eixe e motor desa unidade. Como, por outra parte, en América o Partido Galeguista non ten razón de existir desde unha perspectiva electoral, Castelao empeza a cavilar en que carece de sentido reconstruír o partido no exilio, que onde si hai que facer ese labor é na propia Galiza. Incluso nun dos seus discursos diante da colectividade galega chega a afirmar que el fala "como galeguista de todos os sectores e partidos ou, se queredes mellor, como un galeguista de ningún sector e de ningún partido".
Esta maneira de pensar de Castelao é o que explica que deixe morrer en Bos Aires o Partido Galeguista e impulse xa en 1941 a Irmandade Galega en substitución do PG, e pouco despois o Consello de Galiza, que se constitúe formalmente o 15 de novembro de 1944, co asesoramento xurídico de Lois Tobío. Claro que esta estratexia debeu de ser moi debatida entre os nacionalistas que alí estaban exiliados. É probábel, como indican algunhas fontes e algúns historiadores, que Ramón Suárez Picallo e Xosé Núñez Búa defenderan abertamente a continuidade do Partido Galeguista e tamén é posíbel que outros galeguistas do núcleo máis íntimo de Castelao, como Rodolfo Prada, Xosé Benito Abraira ou Manuel Puente, influíran en Castelao para que optara finalmente por unha fórmula non partidista. Mais o caso é que, coa participación do propio Castelao, o Partido Galeguista desaparece en América xa nese momento inicial do exilio. Esa é a primeira disolución que sofre o partido, antes incluso de ser reconstruído no interior, aínda que a partir de 1946 Luís Seoane, Núñez Búa e outros galeguistas que non compartían o criterio de Castelao intentaron constituír delegacións do PG en diversas cidades sudamericanas baixo a dirección, curiosamente, do galeguismo do interior. Contemplada esta cuestión retrospectivamente, e coñecendo tamén o pouco que deu de si a Irmandade Galega para acadar o obxectivo do reagrupamento e da unidade operativa, a conclusión á que nós podemos chegar hoxe é que a liquidación do Partido Galeguista no exilio foi unha grave equivocación política. Por querer agrandar tanto o radio de acción do nacionalismo, ao final nin se acadou ese obxectivo nin se mantivo viva en América a organización que fora motor do proceso estatutario do 36 e que tiña en Bos Aires o seu principal líder político.
A estratexia de Castelao de renunciar ao partido como instrumento de acción política para chegar ao conxunto da colectividade galega -que mesmo o leva a pronunciar importantes discursos sen contido partidista e case sen contido ideolóxico-, nin sequera acabou por entusiasmar a un home tan próximo a el como Ramón Suárez Picallo, nin conseguiu tampouco sumar a esa liña de actuación a intelectuais como Eduardo Blanco Amor, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste ou Luís Seoane, nin finalmente serviu, por outra parte, para acadar a necesaria coordinación política da Irmandade Galega e do Consello de Galiza co galeguismo do interior. E iso que era o propio Castelao quen lideraba esa estratexia e facía o discurso, o que quere dicir que non por rebaixar a reivindicación nacionalista a unha idea de compromiso coa galeguidade se acada un maior respaldo social. Nin Castelao o conseguiu. A claridade na defensa das ideas nacionalistas e a tensión dialéctica co galeguismo autonomista das outras forzas políticas que actúan no país resulta a todas luces imprescindíbel para asegurar e agrandar o corpo social dun proxecto que queira ir máis aló dun bo resultado electoral e aspire a transformar a sociedade e a facer de Galiza unha nación soberana. Non lle teñamos medo ao léxico. A palabra, cando nace da verdade e das causas xustas, é revolucionaria.
,O que sucedeu co Partido Galeguista no interior xa é moito máis coñecido por todos e todas nós. Talvez os primeiros contactos que houbo despois da guerra entre os galeguistas foron os de Fernández del Riego con Enrique Peinador e Goméz Román, na cidade de Vigo, nos primeiros meses de 1940, precedidos dun breve encontro que tivo lugar en Santiago no verán de 1939, no que participaron Ramón Piñeiro, Marino Dónega e Xaime Illa Couto e onde afloraron dúas posicións: por unha parte, a idea de Xaime Illa Couto de poñerse de inmediato ao labor de reconstrución do partido, e por outra banda, a posición de Ramón Piñeiro, nada partidario nese momento de reconstruír a organización, pois pensaba que as circunstancias eran moi pouco propicias. Non obstante, despois de novos contactos de Piñeiro con Ramón de Valenzuela, Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Manuel Gómez Román, acordouse que Ramón Piñeiro fora visitar aos galeguistas máis salientados que quedaran vivos no país para explicarlles a situación e para coñecer a disposición na que estaban. A represión fora terríbel e o medo era enorme e só un reducido grupo estivo de acordo en reorganizar o Partido Galeguista. Creouse entón un Comité Executivo, do que formaban parte Gómez Román, Otero Pedrayo, Plácido Castro, Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, este último como secretario político. O punto de partida da restauración do partido foi a reunión que celebraron en Coruxo, na casa de Paco del Riego, en xullo de 1943, á que asistiron 20 galeguistas.
Creo que é de xustiza recoñecer o compromiso e os riscos que asumiu nese tempo Ramón Piñeiro para reorganizar o PG, a pesar de non ser un home de pensamento nacionalista e a pesar dos seus desencontros coa estratexia política de Castelao. O Ramón Piñeiro que percorre o país facendo contactos cos galeguistas que sobreviviran á guerra, viaxando con dificultades, utilizando un salvoconduto para desprazarse; o Ramón Piñeiro que se reúne clandestinamente con outras organizacións políticas que operan en Galiza, que mantén diversas xuntas coa denominada Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas e que restaura os vencellos cos vascos e cataláns no seo de Galeuzca; o Ramón Piñeiro que atravesa os Pirineos a pé para facer xestións co goberno do exilio en París para que Giral nomee un ministro galego, independentemente de que a súa verdadeira intención non fose que o ministro acabase sendo Castelao; o Ramón Piñeiro que ao regreso de París pasa tres anos na cadea e que aos poucos días de saír en liberdade vixiada asiste en Vigo a unha reunión do Comité Executivo do Partido Galeguista para falar do que cómpre facer, ese Ramón Piñeiro a min polo menos mereceume sempre todo o meu respecto e a miña admiración. Incluso podo comprender que á altura de 1949, naquel contexto político, Piñeiro descartara a opción de reorganizar o Partido Galeguista e abrazara o proxecto de Galaxia como a única posibilidade de compromiso político co país nese momento. O que non pode comprender quen isto escribe nin puideron comprender nunca os nacionalistas do exilio nin as novas xeracións da posguerra (os mozos que logo crean Brais Pinto, o Consello da Mocidade ou a UPG) foi a radical oposición de Piñeiro a reorganizar o nacionalismo a fins dos anos cincuenta. Só se pode explicar desde o seu pensamento político, claramente enfrontado á tradición histórica do nacionalismo galego, porque o galeguismo tamén pode ser radicalmente contrario ao nacionalismo. E Ramón Piñeiro é un bo exemplo. E aí, nesa súa estratexia política, debemos situar a reunión que tivo lugar na Rosaleda, na casa de Domingo García Sabell, en 1958, na que participaron as principais figuras do grupo de Galaxia. Aquela reunión foi preparada minuciosamente por Ramón Piñeiro, redactando el mesmo todos os documentos que alí foron lidos por diferentes persoas. A esta xuntanza, presidida, de forma máis simbólica que real, por Gómez Román, Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas, asistiu, en representación do galeguismo do exilio, enviado polo Consello de Galiza, Perfecto López, que, por certo, fora a persoa que poucos días antes da morte de Castelao levara terra da nosa patria para espallar sobre o seu corpo, cuberto pola bandeira galega. De calquera xeito, a reunión non serviu para que o representante do galeguismo de América convencese aos de Galaxia da necesidade de reorganizar o nacionalismo político. Mais non foi a última vez que Piñeiro dixo non á restauración do Partido Galeguista. Nin a carta posterior de Ramón Suárez Picallo a Ramón Piñeiro lle fixo cambiar a este de estratexia. Nin sequera en xaneiro de 1976 toma en consideración a idea que lle transmite Rodolfo Prada nunha carta: que aínda os do interior están a tempo de reconstruír o Partido Galeguista con persoas de "limpa traxectoria galeguista-democrática" e de sumarse ao Consello de Forzas Políticas Galegas que se acaba de crear nesas mesmas datas. E de novo a resposta de Piñeiro é rotunda: "A maioría de idade política de Galicia consiste mesmamente en que deixe de existir un partido galeguista para que sexan galeguistas todos os partidos". E así chegamos á etapa da transición, sen o Partido Galeguista na escena política. A ese desenlace histórico contribuirán dous homes lúcidos e que amaban o país: Castelao primeiro, no exilio de Bos Aires, por unha equivocada estratexia, e Ramón Piñeiro despois, a partir dos anos cincuenta, pola súa oposición radical a construír unha alternativa nacionalista para o noso país, porque no fondo, non o esquezamos, Piñeiro non era nin fora nunca nacionalista.
As consecuencias de non ter o Partido Galeguista operativo cando máis o precisaba Galiza están aínda hoxe na raíz da realidade política actual. Construír aquí un proxecto nacionalista non é, certamente, unha tarefa nada doada, mais o que non podemos facer é estar sempre tecendo e destecendo, dando un paso adiante e outro atrás, trazando o rumbo da nave só en función dos resultados electorais, porque a permanencia, a estabilidade e a Ítaca dun proxecto político é vital para avanzarmos na dirección dos soños e para gañarmos a confianza da sociedade. Sabíao ben Víctor Casas, o último secretario xeral que tivo o Partido Galeguista, e así llo transmite a Manuel Gómez Román na carta que lle escribe pouco antes de ser fusilado na Caeira, no mesmo lugar no que fora asasinado tres meses antes Alexandre Bóveda: "Reconstruíde o noso glorioso partido, agora desde bases nidiamente esquerdistas". Víctor Casas era moi consciente de que Galiza precisaba o nacionalismo político para existirmos como pobo e tiña claro tamén que incluso naquelas circunstancias tan tráxicas non se debería demorar a súa reconstrución.
Fronte ao drama da crise económica e social que estamos a padecer e fronte a un goberno galego máis preocupado por ser servo de Madrid que pola defensa política da nosa nación, resulta imprescindíbel máis que nunca a unidade do nacionalismo, no plano organizativo e no plano da acción política. A situación actual esixe de todos e todas nós que situemos as preocupacións da sociedade, os problemas do país e os dereitos nacionais de Galiza por riba das aspiracións persoais, das biografías políticas e das lexítimas discrepancias ideolóxicas que nos separan. Se o facemos así -e estou seguro que a base social do BNG estao a reclamar-, non repetiremos o erro histórico de deixar o país á intemperie, sen a defensa política que a circunstancia actual demanda. Galiza non contou co Partido Galeguista cando máis o necesitaba, nas últimas décadas do franquismo e no inicio da transición, nin puido contar tampouco cunha acción nacionalista unitaria e cun Consello de Forzas Políticas Galegas operativo cando seguramente máis se precisaba desa unidade e dese organismo para o futuro da nosa nación. Foron demasiadas frustracións para as persoas que á saída da ditadura soñabamos outra Galiza e outra democracia. E houbo tamén, claro que si, pasos desafortunados do propio nacionalismo que cómpre non volver repetir.
A nosa longa experiencia de compromiso e combate, o esforzo e a xenerosidade de tantas xeracións por dotar a Galiza dunha forza propia e a madurez política do nacionalismo actual, todo iso debería ser suficiente para evitarmos unha nova frustración para os cidadáns e as cidadás que apoian o nacionalismo galego ou que o teñen como unha referencia insubstituíbel da defensa do país. Non os defraudemos. Sería unha enorme irresponsabilidade destruír a casa común que tanto custou edificar, unha equivocación histórica tan grave como o foi no seu tempo deixar morrer ou liquidar o Partido Galeguista. O futuro do nacionalismo galego témolo que escribir entre todos e todas nós, cos pés na terra e coa mirada no horizonte, con convicción e coraxe política, tendo moi claro o rumbo que debemos seguir para alcanzarmos a transformación social e a nación soñada, desde a vontade real de restaurarmos a unidade plural sobre a base do diálogo, a confianza e o respecto mutuo, cun discurso teórico que teña sempre o seu espello máis fiel na actitude e na praxe diaria de cada un e cada unha de nós. É a hora do debate, desde a beleza da palabra.