Na defensa do noso sector lácteo

Na defensa do noso sector lácteo

Estaban acostumados a mallar neles coma nun saco de lan, pero agora parece ser que aos nosos sufridos produtores de leite xa se lles acabou a paciencia ante tantos atropelos e insultos a súa intelixencia por parte de desalmados empresarios como o presidente desa empresa que leva por nome o meu primeiro apelido, pero que non ten nada que ver comigo nin coa miña familia, que se fan ricos a conta do seu suor e decidiron pararlle os pes a eles e as administracións desgobernadas en Madrid e na Xunta de Galiza por esa banda de mentireiros organizada no partido que conta nas súas filas con mais corruptos que dirixentes. Xa era hora de que lles plantaran cara tanto a uns coma os outros, pois abonda de xogar con eles, co futuro dos seus fillos e con un dos sectores mais importantes da nosa nación que conta con 26.000 postos de traballo directos, aos que hai que sumar outros 45.000 indirectos en empresas de servizos: técnicos agrícolas e veterinarios; fabricantes e comerciais de maquinaria agrícola, de fertilizantes e fitosanitarios; empresas de pensos e alimentación para o gando, dependendo tamén da saúde do sector lácteo o comercio e a hostalería das vilas galegas que por lles amosaron a súa solidariedade pechando os comercios durante as diferentes tractoradas.

A historia do agro galego é unha historia de desprezos e ultraxes ao longo dos séculos por parte dos diferentes gobernantes e da rede caciquil, de aí que aínda teñan mais vixencia que nunca as vacas debuxadas por Castelao que son alimentadas en Galiza pero que teñen os tetos en Madrid o “Catecismo do Labrego” de Valentín Lamas Carbajal, que con unha impresionante retranca vai enumerando as aldraxes a que son sometidos os campesiños polos caciques e pola falta de soberanía da nosa nación.

Escribía eu neste mesmo medio dixital o 16 de xuño de 2012 que os labregos fixeron caso de todos os consellos e recomendacións que lles facían os gobernantes de cada quenda e cando lles dixeron que tiñan que modernizarse empeñáronse nos bancos para mercar vacas de fora; tractores, que agora utilizan como canón de futuro nesta loita desigual contra uns ruíns e miserables moi poderosos; refrixeradores para o leite e outros trebellos para poder producir e, segundo lles dicían, ser competitivos. Non lles valeu de nada, pois non contaban con que eses gobernantes estaban co bando contrario e non lles interesaba crear un grupo lácteo galego para transformar e darlle valor aos seus produtos, o que tamén crearía uns postos de traballo tan necesarios no noso país, pero deixáronos en mans de empresas foráneas e multinacionais que teñen os seus intereses noutras zonas xeográficas e que agora non lles recollen o leite nin por baixo do seu custe de produción, xa que a factoría leiteira “Alimentos Lácteos” subvencionada pola Xunta e dirixida polos cargos do PP (Eugenio Montero {1} e Arcadio López) que logo foron condenados polo xulgado Mercantil de Lugo a pagar 2,9 millóns de euros polo prexuízo causado a esa empresa que levaron á ruína. Tamén albiscaba naquel artigo que a cota leiteira, que xa trouxo problemas cando a impuxeron, ía obrigar a unha reconversión, levando o sector a unha crises sen precedentes cando a quitaran.

Nesta loita os gandeiros non están sós nin este é un problema que lles atinxe so a eles polo non deben defraudar a maioría da sociedade dividindo as súas forzas. Compre que sigan firmes e unidos sen perder de vista o obxectivo nin trabucarse de inimigo, xa que os culpables da súa situación non son os sindicatos nin todos os partidos políticos en xeral como lles queren facer crer os medios de comunicación e os dirixentes do PP. Si os sindicatos non defenderan os intereses dos tractoristas non se negaría a conselleira de Medio Rural a reunirse con eles e recibiríaos encantada da vida, porque ninguén prefire reunirse cos inimigos que cos amigos. Os únicos inimigos dos gandeiros son os que gobernan as institucións, xunto con aqueles que os apoian na desfeita da nosa terra e as empresas multinacionais que se negan a recoller o leite incluso por debaixo do seu prezo de produción, os malnacidos que din con sorna que as tractoradas están ben para o día de San Cristovo. De non ser así tampouco se explicaría porque durante o bipartito, co BNG na Consellería de Medio Rural, o prezo do leite en Galiza era o mais alto do Estado, todo o contrario que agora coa banda do amigo do narcotraficante, quen aínda lles pediu mais paciencia.

A pesar do desleixo da Xunta e do Goberno central non están sós contra a usura das compañías leiteiras xa que a inmensa maioría da sociedade apoia as súas xustas reivindicacións pois levamos séculos arraigados nesta terra, queremos seguir traballando nela e seguiremos por aquí moitos séculos mais por moito que lles pese as súas mentes aluadas, como afirma nun precioso poema Xosé Lois Rivas (Mini), solidario tamén con esta loita e vítima das tramas desa banda organizada que o apartou dun xeito presuntamente mafioso da alcaldía de Boimorto. El foi o primeiro alcalde que se mobilizou por esta causa, esixíndolle a conselleira de Medio Rural un prezo mínimo do leite que cubra os custes de produción en vez de querer enganalos prometéndolles esmolas que non dan estabilidade ao sector min garanten a súa supervivencia.

Xa é grave que o Goberno galego, ante esta situación que agora considera inxusta (antes non o debía ser), fixera oídos xordos durante tanto tempo sen poñerlle solución a este problema que deixaría deserto o noso rural por non querer poñer os medios necesarios para que non se de este abandono nun sector que representa o 50% da economía local na maior parte dos municipios e que deixaría desérticos os verdes campos de Galiza. Cando xa emigraron dela tantos cidadáns como teñen as cidades de Vigo, Ourense e Ferrol temos que pechar todas as portas e que xa ninguén saia, como dicía Celso Emilio, pois aquí os únicos que sobran son os gobernantes corruptos e os seus colegas; eses empresarios mafiosos que lles queren roubar o produto do seu traballo e que aínda se atreven a dicir, como o señor Lence: Los ganaderos no están tan mal como dicen, porque pensa que aínda podían aguantar outra volta mais de torniquete sen queixarse.

{1} Eugenio Montero é agora presidente da cooperativa “A Arzuá”, que foi precisamente unha das que puxo en marcha o fracasado proxecto de “Alimentos Lácteos”.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.